Após as eleccións, a loita continúa!


Após as eleccións autonómicas de onte, 25S, permanece invariábel o mapa político real para o pobo traballador galego.

Estas eleccións, adiantadas polo partido no goberno para utilizar os seus resultados como elemento de presión no circo político creado en torno á formación de goberno, supuxeron polo seu propio adiantamento dificultades engadidas ás condicións de cerco mediático e asfixia financeira nas que en cada convocatoria electoral traballamos os comunistas.

A campaña electoral dos grandes partidos do sistema, tanto as opcións consagradas pola tradición como as de recambio, desenvolveuse seguindo derroteiros previsíbeis:

Cumpriuse o obxectivo político fundamental de distraer ás masas traballadoras do único dilema actual e necesario: Que sistema? Que clase no poder? A socialdemocracia vella e nova segundo o guión asignado substituíu esta disxuntiva estratéxica polo debate falso sobre as dúas formas de xestión do capitalismo, a liberal e a neokeynesiana, e escenificando unha pugna mediática da que os intereses e necesidades da inmensa maioría social estivo totalmente ausente.

Neste contexto, manter a meirande parte de modesto voto comunista relativamente a salvo diante da ofensiva dos vendedores de fume de toda pelaxe, constitúe unha conquista importante que proba a necesidade de continuar a construír o Partido da Clase Obreira, conscientes como somos de que a revolución non se fará nas urnas, pero tamén da necesidade da nosa presencia en toda batalla política incluída a electoral.

Agradecemos a súa confianza aos máis de mil traballadores e traballadoras que, desatendendo o discurso do medo da gran dereita e os cantos de serea da socialdemocracia e o oportunismo, honráronnos co seu voto, e continuamos adiante coa nosa loita co obxectivo de transformar a cada votante en militante comunista, de converter esas expresións de apoio en organización obreira e revolucionaria en cada centro de traballo e en cada barrio.

26/09/2016
Comunistas da Galiza - PCPE