A esperanza está na loita dos pobos para derrocar a barbarie capitalista.

[Comunicado da Secretariado da Iniciativa Comunista Europea]

A “Iniciativa Comunista Europea” fai unha importante intervención de cara ao próximo encontro dos líderes dos estados do chamado “Sur europeo”, o 9 setembro en Atenas, organizado polo goberno grego.

A “Iniciativa Comunista Europea” destaca no comunicado do seu Secretariado que os organizadores deste Encontro buscan utilizalo para reforzar as falsas ilusións entre os pobos de Europa respecto unha “Alianza do Sur” que supostamente porá “fin á austeridade”, e chama aos pobos a fortalecer a súa loita para derrocar a política antipopular, a UE e o sistema capitalista que están a servir.

A continuación  o comunicado do Secretariado da “Iniciativa Comunista Europea”:


O 9 de setembro, por iniciativa do goberno de “esquerda” de SYRIZA-ANEL dos novos memorandos e das decenas de medidas antipopulares, levará a cabo en Atenas unha conferencia dos líderes dos países mediterráneos da UE, do chamado “Sur” da Unión Europea, sobre os acontecementos na UE, a cuestión dos refuxiados e os inmigrantes, e o chamado “desenvolvemento”.

Esta iniciativa vén uns días despois da reunión entre a vella e a “nova” socialdemocracia en París.

Estas dúas iniciativas, igual que outras similares, teñen como “denominador común” o obxectivo de fomentar falsas esperanzas entre os pobos, que o sistema capitalista e a súa construción interestatal reaccionaria no continente europeo, é dicir a Unión Europea, poden mellorarse e “humanizarse”.

Tratan de convencer ao pobo que unha diferente correlación no centro de Europa a favor do “Sur” e a expensas do “Norte”, ou a favor da socialdemocracia e contra os liberais, traerá o “fin da austeridade”, a “igualdade”, a “solidariedade”, o “desenvolvemento” na Unión Europea.

Con todo, os pobos de Europa experimentaron desde hai décadas que a UE e cada tipo de gobernos burgueses (tanto liberais como socialdemócratas) apuntan ao apoio da rendibilidade do capital, á súa recuperación a través da agudización da política antipopular. O desenvolvemento que prometen, non foi, non pode se,r “xusto”, xa que se basea na destrución dos dereitos obreiros e laborais, na intensificación da explotación.

Os traballadores e traballadoras, en base á súa experiencia, confirman que os antagonismos entre os centros imperialistas e os países capitalistas (do Sur e do Norte, con gobernos socialdemócratas e liberais) intensifican as guerras e as intervencións imperialistas, traen novos tormentos, persecucións e converten ás persoas en refuxiados.

Os pobos poden comprender que os mecanismos como ISIS e a súa repugnante actividade, financiada e apoiada por EE.UU., a OTAN, a UE e os seus aliados na rexión do Oriente Medio, son o pretexto para a intensificación das medidas de represión que promove a Unión Europea e os seus gobernos.

Hoxe en día, o resultado do referendo británico respecto á saída da Unión Europea trouxo á superficie as contradicións entre os diversos centros imperialistas en canto ao futuro e a perspectiva da UE. Un asunto principal na controversia no seo da zona euro e da Unión Europea segue sendo a fórmula da xestión burguesa, entre a estabilidade fiscal e a monitorización dos estados membros polos mecanismos da UE, por unha banda, e doutra banda a relaxación do axuste orzamentario para liberar fondos estatais para apoiar os monopolios. Esta controversia é allea aos intereses populares porque en ambos os casos a clase obreira e as capas populares sairán perdendo xa que a súa condición previa é a intensificación do ataque antipopular.

Os gobernos da vella e nova socialdemocracia en Europa utilizan de maneira enganosa o lema “non á austeridade”. Este lema non ten que ver con frear ou reverter as medidas antiobreiras bárbaras, ou aliviar ao pobo. Ao contrario, ten que ver co apoio aos grupos empresariais con máis diñeiro quente. Isto demostrouse tamén polo feito de que estes gobernos, tal como os gobernos liberais promoven novas medidas antiobreiras bárbaras en Grecia, en Francia, en Italia, en Portugal, en España, en Chipre, co fin de aforrar fondos en nome do gran capital.

Por moitos encontros e cumes que teñan lugar entre os “líderes dos países do Sur”, por moitas grandes palabras que digan respecto a un “reinicio da Unión Europea”, a Unión Europea non pode ser favorábel ao pobo, soamente pode chegar a ser peor para os pobos. Nin o sistema capitalista, que a UE está a servir, pode humanizarse.

A esperanza está na loita dos pobos para derrocar a barbarie capitalista.

07.09.2016

Tradución: Revista FORXA