PCPE: 30 anos de loita polo poder obreiro e o socialismo.

Os días 13 e 14 de xaneiro cúmprense trinta anos da celebración, en Madrid, do Congreso de Unidade Comunista, que deu lugar ao nacemento do Partido Comunista dos Pobos de España, inicialmente “pecepunto” (PC). O proletariado do noso país recuperou, así, o seu Partido Comunista marxista-leninista como organización de vangarda.
Pasadas estas tres décadas podemos sacar algunhas conclusións, do maior interese para o camiño cara á revolución socialista que teremos que andar no Estado español.

O I Congreso do PCPE -que se celebrou nun ilusionante ambiente de entusiasmo combatente-, como toda obra humana de nova creación, non puido evitar que na súa xénese se incorporaran algúns dos vellos problemas que se instalaron no comunismo español nas décadas anteriores. Xunto a unha militancia revolucionaria que veu ao proxecto coa determinación e a firmeza necesarias para enfrontar esta xigantesca tarefa, veu tamén unha carga de lastre que entendía que o apoio do PCUS a este proceso era unha garantía para facer carreira e medrar, ao estilo do que ocorría na vella organización oportunista en que se converteu o PCE.
Xa nos prolegómenos do triunfo da contrarrevolución na URSS as ratas empezaron a abandonar un barco que, rapidamente, comprenderon que non era o seu. A realidade é teimuda, e no curto prazo púxonos ante a evidencia dos erros cometidos na fase previa ao Congreso, e nos voluntarismos carentes de xustificación.
O mozo PCPE viuse pronto sometido a unha dura proba: a desaparición -ao comezo dos noventa do século pasado- dos sistemas socialistas do Leste europeo. Tempos nos que desde todos os altofalantes do sistema se facía unha repetitiva, e insolente, esixencia de disolución a todas as organizacións revolucionarias, “á vista do fracaso do socialismo real”.
Nesa etapa púxose de manifesto a enorme fortaleza do PCPE para resistir nas máis duras conxunturas. O núcleo duro da resistencia, ante o letal ataque lanzado pola artillería do imperialismo, estivo naquela parte da Dirección que se mantivo firme -con Juan Ramos á fronte-, e nunha base militante que non tivo dúbidas sobre a tarefa que lle correspondía neses momentos históricos decisivos. A herdanza da III Internacional expresábase na firmeza e determinación con que a nosa militancia defendeu o proxecto.
Acuñouse no Partido, entón, unha consigna moi clara: “Cavamos unha profunda trincheira para resistir, e dela só sairemos cara adiante”.
No ano 2000 o proceso de unidade co PCOE, encabezado por Fernando Ferraz, significou un punto de inflexión, e o inicio da saída da trincheira. Pasamos dunha fase de resistencia aos primeiros pasos da ofensiva.
O VII Congreso (extraordinario) permitiunos crear as condicións para o paso activo á ofensiva e ao crecemento. Non hai antecedentes na historia próxima nos que un Partido Comunista resolve un complicado problema de dirección -que afectaba á Secretaría Xeral- sen rupturas. Aquí púxose de manifesto a importancia do método -da cultura bolxevique que sempre nos inspirou-, que nos permitiu afrontar problemas moi difíciles cunha capacidade de superación extraordinaria. Sen dúbida, este respecto polo método é unha das achegas máis significativas do PCPE á nova cultura revolucionaria que estamos construíndo nestes anos.
Dous acenos de identidade caracterizan ao PCPE neste percorrido: a nosa loita contra o oportunismo e o noso internacionalismo consecuente.
A loita contra o oportunismo concretouse nun avance continuado do rigor político e ideolóxico do noso proxecto, do modelo de partido e do deslinde coas organizacións reformistas, que nesta última etapa exprésase no noso traballo pola saída do euro, a UE e a OTAN. Para iso foi de extraordinaria importancia a recuperación da formación ideolóxica continuada de toda a militancia, que desaparecera décadas atrás na vella organización oportunista.
A posición internacionalista proletaria do PCPE foi outra liña de actuación insubornábel. Nos momentos máis desfavorábeis da loita ideolóxica o Partido nunca frouxeou, por exemplo, cando nos noventa a Cuba socialista enfrontaba o “período especial” e o acrecentado ataque imperialista, sempre estivemos no noso posto de combate xunto a Fidel e ao PCC. Tamén na primeira fila contra todas as guerras que o imperialismo desatou nestas décadas, sempre sen concesións.
Produto diso, o Partido participa hoxe en primeira fila en todas as iniciativas internacionais do polo leninista: Revista Comunista Internacional, Iniciativa de PPCC para Europa, Encontros Internacionais.
Unha correcta política de masas e de vinculación directa coa clase obreira coloca ao PCPE nunha posición de ofensiva, resultado do traballo realizado no IX Congreso, que supuxo importantes avances na elaboración teórica do proxecto e do modelo de Partido.
Neste percorrido apaixonante, para sentar as bases da revolución no noso país, o acompañamento da mocidade comunista -organizada nos Colectivos da Mocidade Comunista-, que crecen en número e influencia política, constitúe o necesario complemento e a canteira de novos cadros comunistas, cun alto nivel de preparación, para o desenvolvemento futuro do Partido.
Carmelo Suárez
[Fonte: UyL]


30 anos defendendo o proxecto comunista no estado español.
Buscando o denominador común dos 30 anos de historia do noso Partido achamos na vontade decidida da súa militancia a defender o proxecto comunista no Estado español, o elemento que nos acompañou de forma permanente todo este tempo de difícil consolidación dun partido que, non só naceu cun bo número de contradicións que condicionaban negativamente o seu desenvolvemento, senón que coa liquidación do socialismo e a restauración do capitalismo en Europa do Leste tivo que enfrontar aos poucos anos da súa existencia a maior crise vivida polo movemento comunista internacional desde o seu nacemento. Multitude de factores internos e externos tendentes, primeiro, ao debilitamento e, posteriormente, á liquidación orquestada do que, precisamente por nacer cun amplo potencial para constituírse como referente inequívoco do comunismo español, tiña fronte a si a todos os suxeitos políticos interesados en facelo fracasar. Resumía de forma moi acertada este interese compartido por burgueses, socialdemócratas, trotskistas, burócratas sindicais, oportunistas e esquerdistas de toda pelaxe, o vaticinio –afortunadamente fracasado– do entón SG do PCE, Gerardo Iglesias, anunciando en xaneiro de 1984, que nos disolveriamos axiña que como un azucarillo nun vaso de auga.
Como dixemos no noso 25º Aniversario, foi unha dura batalla no seo do Partido entre reformistas e revolucionarios, que se saldou coa vitoria das teses marxista-leninistas e que, se se resolveu con ese resultado, foi pola firmeza e unidade da maior parte da militancia en torno ao obxectivo de reconstruír o Partido como ferramenta útil para a Revolución e, consecuentemente, a súa confianza no proxecto que, incorporando a quen en distintos momentos desde 1968 romperan co revisionismo da dirección do PCE, viñan levantando distintas xeracións de comunistas desde 1984. Non foi, como pasa nos partidos burgueses e oportunistas, unha disputa palaciega entre dirixentes dunha ou outra camarilla que se resolveu coa vitoria duns sobre outros, foi a acción decidida da maioría da militancia do Partido a favor da continuidade dun proxecto que entenderon como imprescindíbel para garantir a existencia do Partido Comunista en España. Desa lección, da que se extrae da certeza e sabedoría das decisións da militancia e da confianza no Partido, é das que, a 30 anos vista e tras 9 Congresos realizados, quixera falar.
O Partido non é unha sigla, moito menos uns dirixentes.
Son moitas as definicións que os/as grandes dirixentes do proletariado internacional fixeron do Partido Comunista e infinidade as citas que poderiamos referenciar sobre este, pero para o obxecto que nos ocupa, é máis sinxelo concluír que o Partido Comunista é a suma de esforzos e vontades dunha militancia unida en torno ao marxismo–leninismo, concibido este como o corpo científico no que estas persoas –os e as militantes– sustentan a súa defensa inquebrantábel da clase obreira e do papel da mesma como única clase revolucionaria. Internacionalismo proletario, centralismo democrático e ditadura do proletariado foron o vínculo teórico e práctico que, fronte á dexeneración liquidacionista do eurocomunismo, uniu a quen formou o PCPE. Expulsados ou asqueados, a maioría proviña do PCE e para ningún deles e delas foi un grolo fácil abandonar a sigla histórica do comunismo español, pero concluíron que por enriba de siglas e pasado sempre están a ideoloxía, a organización e o programa que converten ao Partido nunha ferramenta útil ou non para o fin que nace (primeira lección). Eses eran os vimbios que forxaron o noso Partido e moi equivocados estaban os que dende dentro e dende fóra, ao servizo de intereses alleos á clase obreira, ao Partido e ao Socialismo, pretenderon liquidarnos en 1989. Maioritariamente nos abandonaron os que vivían do Partido e do sindicato e os que non vían máis aló das institucións ou buscaban nelas un lúcido e cómodo futuro. Con todo, a militancia que se incorporou ao Partido para traballar polo Socialismo desde a súa trincheira de loita no sindicato, a asociación de veciños ou o comité de solidariedade e nin sabía nada de reunións secretas con burócratas vindos do frío, nin gozara de ningún privilexio por iso, non dubidaron en manter a súa posición. Moitos fixeron unha viaxe de ida e volta programada dende o principio para desactivar a reacción ao eurocomunismo, outros simplemente se sumaron ao carro da traizón para, da man do liquidacionista Anguita, buscar o seu novo espazo. Todos xuntos (Gallego, Luís e Pepe Cabo, Monereo, Alfredo Clemente, Angel Pérez, Moral Santín, Justiniano…) pensaron que a súa posición dirixente lles permitiría liquidar o PCPE coa súa simple traizón cupular. Confundiron as súas miserábeis vidas de ególatras, vagos e arribistas coa daqueles traballadores e traballadoras que, tras realizar extenuantes xornadas laborais, atopan horas todos os días para dedicalas á causa da liberación da súa clase. Equivocáronse; os intereses duns e outros eran moi distintos, porque a súa realidade social o era tamén. Non só desprezaron á clase obreira, atrevéronse a facelo co mellor dela, co máis consciente, cos obreiros e obreiras que nutren as filas do Partido Comunista e a resposta que recibiron foi en forma de humillación por ter que recoñecer que venderon a pel do oso antes de cazalo (segunda lección). A súa caradura de políticos do sistema fíxolles inventar iso de que o PCPE xa non existía, pero a evidencia das sedes abertas en moitos pobos e cidades e as bandeiras en cada unha das manifestacións e loitas obreiras que se daban neste país fíxolles protagonizar unha das máis esperpénticas realidades que a política española ofreceu nas últimas décadas. Pero ao mesmo tempo que denunciamos estes feitos, corresponde recoñecer tamén a ese 51% de membros do CC que souberon defender o Partido desde os primeiros ataques e puxeron a proa para desenvolver un estilo de traballo de dirección colectiva –que co tempo habemos ir perfeccionando e hoxe é práctica normal na nosa filas– moi pegado á realidade política, ao traballo de masas e ás necesidades da militancia.
1989, caída do Muro de Berlín, 1991 triunfo da contrarrevolución na URSS. Só con eses dous fitos é fácil presupoñer que non foron anos fáciles os que lle tocaron vivir á militancia do PCPE e que, á desmoralización xeral pola importantísima derrota sufrida, uniríanselle os ataques de quen aínda restaba no Partido, vivindo dos restos do que foi e nunca máis volvería ser. Anos nos que, á vez que desaparecían multitude de siglas cuxa única razón de ser foi o anti-sovietismo (PCEm-l, MC, LCR, PST), o PCE debatíase entre desaparecer formalmente ou seguir mortecinamente ocupando un espazo para que, como ocorre en física, ninguén (o PCPE) enchese o espazo abandonado e CCOO daba o salto definitivo ao sindicalismo pactista e de servizos. Unha dura experiencia que nos situou na longa travesía do deserto que sabiamos tocábanos transitar ata recompoñer as filas e a nosa capacidade de confrontación coa burguesía, pero que no medio do camiño e desde o desánimo e a derrota levou a moitos comunistas ás súas casas e lanzou a outros ás máis disparatadas aventuras sectarias. Momentos nos que parecía imposíbel remontar o voo e nos que só as resistencia exemplar de Cuba, determinadas e puntuais loitas obreiras e populares, xunto á convocatoria polo KKE en 1998 do Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros, ofrecían alento a unha militancia que, desde a derrota temporal, asumía no seu 4º Congreso a necesidade de entrar nun período de resistencia. Resistencia que se tornou á ofensiva no seu 5º Congreso; que recobrou alento no Congreso de Unidade Comunista realizado co PCOE en outubro do 2.000; que recompuxo filas e estilo de traballo no 7º extraordinario; que se lanzou á ofensiva no 8º e que, virando á clase obreira, actualizou o seu programa no 9º Congreso. Unha historia de loita e de compromiso dunha militancia moi consciente da súa realidade, que soubo facer da confianza no Partido, no seu Partido, no Partido do que son militantes e non só afiliados, un valor que se desenvolve no tempo e dá os seus froitos cando conflúen o conxunto de circunstancias que nese momento posibilitan que avance o Partido (terceira lección).
Por todo iso e polo honor de compartir militancia con camaradas como Pepe Satué, Moncho, Ramón Bada, Leopoldo del Prado, Miguel Orts, Pepe Montoliú, Trini Torrijos, Juan Pedro, Máximo, Diosdado, Gerardo Rodríguez, Faustino e tantos outros que non caberían nestas breves liñas, é polo que neste 30º Aniversario do meu Partido, volvo dicir que, porque son comunista, son do PCPE.
Julio Díaz
[Fonte: UyL]

30 anos de loita contra a UE.
“A concepción superestatal da UE vea ante os ollos da clase obreira as pugnas interoligárquicas que se dan no seu seo e como a articulación dos distintos países no polo imperialista europeo se produce en función da forza que cada oligarquía particular pode poñer sobre a mesa”.
Durante estes 30 anos de vida, un dos elementos esenciais na liña política do Partido foi a caracterización da Unión Europea como un máis dos polos imperialistas. Dende os seus primeiros pasos, o PCPE tivo claro que a UE era unha estrutura da que se dotaron as oligarquías nacionais europeas para participar en mellores condicións do saqueo e a explotación capitalistas.
A análise do PCPE sempre foi na dirección de conceptuar a UE como un eixo imperialista. Pero con algunhas particularidades. Nese proceso, as burguesías nacionais cederon parte da soberanía nacional en beneficio do proxecto imperialista: aí apareceron o Consello e o Parlamento europeos, o Tribunal de Xustiza Europeo, etc., conformando, de facto, unha entidade supraestatal de dominación para a explotación da clase obreira europea e mundial.
Desde o PCPE sempre falamos dunha UE como entidade supraestatal e non superestatal. Esta non é unha cuestión de palabras, é unha cuestión de categorización política.
O PCPE sempre defendeu o carácter supraestatal da UE na medida en que analizabamos que as distintas oligarquías nacionais sacrificaban parte (e só parte) das tradicionais atribucións estatais como forma de garantir unha coordinación paneuropea das oligarquías no escenario das loitas interimperialistas cos outros polos imperialistas (EEUU, Xapón, os BRICS, etc.), inseridos nunha dialéctica de unidade e loita coas restantes oligarquías.
Desde esa posición sempre mantivemos que ese carácter supraestatal da UE non nega que o marco central da loita de clases segue sendo o estado-nación. Esa propia dialéctica de unidade e loita contra as outras oligarquías leva a cada unha delas a tratar de garantir o seu propio mercado nacional en exclusiva, como forma de acrecentar o seu poder e ser capaces de obter un anaco maior do pastel imperialista.
Doutra banda, o Partido sempre tivo claro o perigo que entrañaba defender que a UE vai nunha dirección superestatal. Concibir á UE como un “superestado” significa descoñecer o papel que xogan os Estados nacionais na dominación capitalista como ferramentas da loita de clases. Difumina as distintas oligarquías nunha única, esquecendo as profundas contradicións que continuamente se manifestan entre elas (do cal un reflexo son as profundas disensións en torno á Política Común de Seguridade e Defensa).
A concepción superestatal da UE vea ante os ollos da clase obreira as pugnas interoligárquicas que se dan no seu seo e como a articulación dos distintos países no polo imperialista europeo se produce en función da forza que cada oligarquía particular pode poñer sobre a mesa.
O produto desta concepción é o alonxamento da loita de clases cara un espazo vago, por inexistente, e contra un inimigo indefinido, pola súa esencia. Todo o cal supoñería un acrecentamento das dificultades dos partidos comunistas para organizar a clase obreira.
Por iso é polo que durante estes 30 anos o Partido nega a existencia duns “Estados Unidos de Europa”, caracterizando correctamente o chamado “proceso de construción europeo” como a constitución dun polo imperialista, auténtica estratexia das antigas oligarquías imperialistas europeas por manter unha posición forte no escenario de saqueo mundial capitalista.
Armiche Carrillo
[Fonte: UyL]