MEDRA E FORTALECE O PARTIDO NO ANO DO SEU 30 ANIVERSARIO [GALIZA]

Aos camaradas de FORXA! que hoxe se incorporan ao noso Partido,
Saúde! E benvid@s, camaradas.
Como remate de xa dous anos de camiño percorrido xuntos e xuntas, hoxe 25 de Xaneiro celebramos nun acto interno a chegada ao Partido deste importante reforzo militante. O acto de hoxe é o froito de dous anos de traballo conxunto, de debates compartidos, de golpear xuntos e de presentármonos en unidade inseparábel e coa mesma proposta diante da clase obreira.


A incorporación destes nov@s camaradas, pola súa traxectoria de militantes probados e probadas da loita obreira e revolucionaria, vai supor un aumento significativo das nosas capacidades e das posibilidades de desenvolver a construción, mais non só na comarca obreira de Ferrol senón en toda a Galiza, do Partido e a Mocidade comunista.

Nas intervencións políticas dos camaradas que interviñeron tratouse a necesidade de reforzar ao PCPE, o Partido da clase obreira con 30 anos de historia de confrontar e denunciar as falsas ilusións de saída das crises capitalistas sen saír do capitalismo, de traballar decidida e consecuentemente pola unidade e organización da clase obreira para rachar coas unións e alianzas imperialistas, derrocar o poder dos monopolios e organizar a conquista do poder obreiro e o Socialismo-Comunismo.

Durante as intervencións fíxose un repaso destes 30 anos de historia do PCPE recuperando tras a bancarrota eurocomunista, o instrumento político baseado no marxismo–leninismo, o internacionalismo proletario e a concepción organizativa do partido de Novo Tipo.

Foron 30 anos de traballar, nun escenario de agudización da loita de clases, por rearmar a clase obreira e recuperar a hexemonía das posicións clasistas e o pensamento revolucionario no movemento obreiro.

Nas distintas intervencións dos camaradas fíxose un repaso das principais campañas políticas que desenvolveremos no ano 2014, subliñouse a necesidade de avanzar no traballo de masas, de reforzar a planificación do traballo, a rendición de contas e o compromiso militante, poñendo o Partido á altura das tarefas do momento.

Finalizou o acto político entoando a Internacional e compartindo un pincho de benvida e celebración camaradeiril.