Unha pequena análise sobre a degradación da mocidade obreira en condicións de crises capitalista

A crise estrutural do capitalismo degradou aínda máis –se cabe– as condicións de vida da mocidade obreira e de extracción popular. Á precariedade, que xa era unha constante no emprego xuvenil, sumouse á extensión do paro á maioría da mocidade. Hoxe en día o 57,2% están en desemprego, sen ingreso algún que lles permita cubrir as súas necesidades de consumo.
Deste xeito a inmensa maioría dos mozos vense obrigados a permanecer no fogar familiar. A porcentaxe de mozas que vive aínda cos seus pais é do 60,89%, o cal aínda é maior entre a mocidade de 18 a 24 anos: un 86,3%.
Entre estes mozos menores de 25 anos podemos distinguir un sector xuvenil que viviu toda ou case toda a súa idade laboral en condicións de crise capitalista (en 2008 tiñan menos de 20 anos). Nunca han ter emprego constante; cando non se atopan en paro, están condenados ás prácticas, aos períodos de proba e á temporalidade. Co fin de evitar esta situación, habitualmente alongan a súa formación (no período 2002-2008 o incremento das matrículas en FP foi dun 1,04%, mentres que no período 2018-2012 ascenderon un 30,23% ).
En contraste, podemos distinguir un sector de mocidade entre 25 e 30 anos que si viviron en idade laboral durante un período de “bonanza” máis ou menos amplo. Unha parte importante deixaron os estudos antes de finalizar a educación obrigatoria, só finalizala ou tras terminar un Grao Medio de FP para introducirse en empregos non cualificados ou pouco cualificados (a taxa de abandono escolar foi en torno ao 35% entre os anos 2004 e 2009 ); e outra parte continuaron os estudos ata finalizar a universidade para así acceder aos empregos de maior cualificación.
No caso dos primeiros, a destrución de forzas produtivas como medida do bloque oligárquico-burgués para saír da crise, supuxo a expulsión de máis de 549.800 que conseguiron traballo na construción (unha redución do 77,8% con respecto á mocidade empregada antes neste sector), outros 473.300 que engancharon na industria (redución do 57,8%) e outros 460.100 que traballaban no comercio (redución do 40,4%). Neste período destruíronse un total de 1.982.700 empregos (o 42,89%).
Como é lóxico, esta mocidade obreira veu empeorar substancialmente as súas condicións de vida. A parte deles que conseguiu manter o emprego atópase baixo unha forte presión por parte dos patróns. A enorme taxa de paro (non só xuvenil) aperta as porcas aos traballadores que seguen en activo; se o traballador non rende ao máximo nivel cobrando o mínimo, o patrón lémbralle que hai outros centos de traballadores dispostos a ocupar o seu posto de traballo. Así é que, malia traballar, a remuneración salarial redúcese e empeoran as condicións de traballo. Nin sequera cobra os gastos básicos para manter unha vivenda (o soldo medio é de menos de 1.000€ e o alugueiro medio ascende a 640€ ) e menos aínda unha familia.
Entre aquela mocidade de 25 a 30 anos que perderon o seu emprego ou non teñen emprego de forma máis ou menos constante, danse dúas tendencias: a daqueles que se atopan no fogar familiar porque nunca marcharon ou han ter que volver (dos cales unha parte continúa os estudos, testemuñado polos datos xa aportados antes) e a daqueles que seguen emancipados malia non ter ingresos salariais á marxe do subsidio de desemprego (só un 56,7% está ocupado e o 85,1% non estuda).
Mentres que os primeiros conseguen manterse a duras penas grazas á axuda familiar, os segundos viven unha situación de empobrecemento moi aguda, que aínda se agrava máis no caso de ter fillos (6 de cada 10 teñen) ou persoas dependentes. Cada vez danse máis casos nos que este grupo de mozos obreiros recorren ao trapicheo ou a mendicidade como forma de obter diñeiro rápido (degradándose cara ao lumpenproletariado). Outra saída que se lles suscita é enrolarse nas Forzas Armadas, o único sector ocupacional xuvenil que creceu durante a crise e nada menos que un 19,77% (evidenciando outra saída á crise que prepara o capitalismo: a militarista).
No caso dos mozos maiores de 24 que continuaron a súa formación ata obter un título universitario ou ata un nivel maior, cando saen ao mercado laboral danse conta de que os empregos cualificados que pretendían ocupar xa apenas existen. Os empregos xuvenís categorizados polo INE como “Técnicos e profesionais científicos e intelectuais” (profesores, médicos, científicos sociais, científicos naturais, enxeñeiros, avogados...) reducíronse un 8,56%; os categorizados como “Técnicos: profesionais de apoio” (técnicos, especialistas, encargados, supervisores, etc., moi relacionados coa industria e a construción) un 50,34%; os categorizados como “Empregados contábeis, administrativos e outros empregados de oficina” un 33,18%.
Non é casual que, en 2012, 302.623 mozos españois se atopaban no estranxeiro; pero como a situación aí tampouco é mellor, os primeiros xa están volvendo.
E eu pregúntome: no canto de cargar o peso da crise sobre as nosas costas, non é menos doloroso formar –mediante unidade e organización– unha fronte obreira e popular que arrinque o cancro capitalista do organismo social?
Adrián J. Bertol
[Fonte: UyL]