Que pasa cos accidentes de traballo?

O traballador non ten que probar que se sofre un infarto, este provocoullo o traballo que realiza para o empresario, porque tanto as lesións como as enfermidades que se produzan traballando son consideradas, en principio, como accidentes laborais. Pero nesa presunción entran en xogo dous elementos: o lugar e o tempo, e os tribunais non sempre lles dan a razón aos traballadores e traballadoras, como ocorre cando o infarto se produce no vestiario da empresa.
A lei española define o accidente de traballo como a lesión corporal que o traballador/a sofre con ocasión ou a consecuencia do traballo. Trátase dun concepto que abarca as lesións producidas pola acción súbita e violenta dun axente exterior e as enfermidades que poden xurdir no traballo, así como a agravación das enfermidades que se sufrían antes de empezar a traballar.
Dunha definición tan sinxela despréndense múltiples problemas: non é a primeira vez que un traballador, tras saír do vestiario de poñerse a roupa de traballo, cando vai comezar a súa xornada laboral comenta que non se atopa ben, que sente unha dor no costado esquerdo, e que ao ser trasladado a un centro de saúde é diagnosticado dunha patoloxía coronaria.
Hai anos que o Tribunal Supremo declarou que “non é descartábel unha influencia dos factores laborais na formación do desencadeamento dunha crise cardíaca”. Non importa que no historial clínico do traballador aparezan factores de risco coronario, o relevante é que o traballo é o factor desencadeante dunha crise.
Neste sentido, conseguiuse que os tribunais recoñezan que ha de entenderse como lugar de traballo o local ou dependencia da empresa en que o traballador se atopa por razón do devandito traballo, e polo tanto os vestiarios tamén son considerados como lugar de traballo ao ser os que están destinados para que o traballador/a se prepare para desenvolver o seu traballo, en canto á roupa, e ao relativo aos obrigados elementos de seguridade, como cascos, botas, cintos, etc.
Así pois, respecto do lugar de traballo, admitiuse que os vestiarios quedan incluídos. Pero xorde outra dificultade, para que entre en xogo a presunción do accidente laboral, que consiste en determinar o tempo de traballo, e aquí os tribunais son moito máis restritivos, esíxese que o traballador/a se atope no seu posto de traballo, ou sexa que comece a realizar algún tipo de actividade ou esforzo (físico ou intelectual).
Agora mesmo, o Tribunal Supremo di que non se pode falar de accidente de traballo cando o traballador/a se atopa nos vestiarios antes de incorporarse ao seu posto, ata no caso en que demostre que se dispoñía a comezar a traballar, ou no caso de que xa tivera fichado, ou cando finalizou a súa xornada laboral e se está cambiando de roupa.
Polo tanto, non en todos os casos se vai declarar como accidente de traballo o infarto sufrido polo traballador/a, porque os tribunais valoran que non se dá o elemento temporal, dado que se estaba no vestiario non empezara a súa xornada laboral.
Ata se chegou a declarar que se o traballador, desprazado pola empresa a outro país  para realizar as súas funcións habituais, sofre un infarto mentres se hospeda no hotel, NON é un accidente laboral, porque o suceso se produce fóra das horas e do lugar de traballo, aínda que se atope nese sitio porque llo ordenou a empresa para a que traballa.
Aquí temos outro exemplo da necesidade, cada vez maior, de que a clase obreira tome o poder para establecer as regras xurídicas que han rexer a sociedade, de maneira que sexa quen determine que é a xornada de traballo, e, que é un accidente de traballo, posto que como o seu nome indica este só o poden sufrir os traballadores e as traballadoras.
Porque a clase obreira é a que ten a competencia, a capacidade e os coñecementos para saber como se deben xestionar e controlar os medios de produción.
NÓS PRODUCIMOS, NÓS DECIDIMOS!
Ignacio Pastor
[Fonte: UyL]