O KKE cumpre 95 anos de loita incansábel.



No período que transcorremos, en moitas cidades de Grecia as organizacións partidistas do KKE levan a cabo eventos con ocasión do 95 aniversario do KKE, fundado o 17 de novembro de 1918, como produto maduro do desenvolvemento do movemento obreiro no noso país, así como baixo o impacto da Gran Revolución Socialista de Outubro en 1917 en Rusia.
O KKE está guiado pola cosmovisión revolucionaria do marxismo-leninismo e dende a súa fundación foi fiel ao principio do internacionalismo proletario. Defendeu a construción socialista na URSS, nos demais países de Europa, de Asia e en Cuba. Participou na Internacional Comunista, expresou a súa solidariedade coas loitas da clase obreira mundial, cos pobos que loitaban pola súa liberación nacional, polo socialismo. En períodos cruciais e difíciles da súa loita, recibiu a solidariedade internacionalista e o apoio do movemento comunista e obreiro internacional. Está loitando polo reagrupamento do Movemento Comunista Internacional, tras o retroceso e a crise que sufriu e segue sufrindo ata hoxendía, sobre todo despois do triunfo da contrarrevolución en 1989-1991.
O KKE, nos 95 anos da súa traxectoria, foi firmemente comprometido cos principios fundamentais dun Partido Comunista obreiro revolucionario: o recoñecemento do papel dirixente da clase obreira no progreso social e a ideoloxía marxista-leninista como teoría revolucionaria para a actividade política revolucionaria. Non renunciou nunca á loita de clases, á revolución socialista, á ditadura do proletariado.
O KKE mantívose firme ante a turbulencia da contrarrevolución na Unión Soviética e nos Estados da construción socialista en Europa e Asia. Esta resistencia non é accidental. foi forxada en base a lazos históricos de sangue coa clase obreira e o campesiñado pobre desde o primeiro momento da súa fundación.
Dende 1918 en diante, o KKE deu un contido político ás loitas obreiras contra a explotación capitalista e por iso contabiliza moitos mortos, torturados e perseguidos. Nas primeiras décadas da súa existencia, experimentou a represión estatal por todas as formas do poder burgués (parlamentaria, ditatorial) organizando con persistencia a clase obreira, con resultados positivos para o movemento popular.
Foi firme nas condicións particularmente duras da clandestinidade en varios períodos. Xogou un papel principal na loita armada contra a “ocupación tripla” (a ocupación do país das tropas fascistas de Alemaña, Italia, Bulgaria) coa Resistencia de EAM-ELAS. En dúas ocasións, decembro de 1944 e a loita de tres anos (1946-1949) do Exército Democrático de Grecia (DSE), o movemento obreiro encabezado polo KKE e o movemento campesiño aliado entraron en conflito armado co poder burgués, que foi apoiado pola intervención militar imperialista directa, ao principio de Gran Bretaña e logo dos EE.UU.
Na súa traxectoria de 95 anos loitou contra a idea de que os explotados deben colaborar cos explotadores, de que deben someterse aos explotadores, e defendeu as conquistas obreiras e populares.
As raíces históricas profundas do KKE na clase obreira e o pobo e o seguimento firme dos principios do marxismo-leninismo explican por que en crises anteriores e sobre todo en 1968 e en 1991 logrou salvagardar a súa continuidade.
O KKE reagrupouse a nivel organizativo, ideolóxico e programático durante todo o período novo da súa Historia, en base aos cinco Congresos intervintes logo da crise de 1991. O produto desta traxectoria é o Programa aprobado polo 19º Congreso, que desenvolve a estratexia xeral do KKE polo socialismo e as tarefas básicas da loita de clases.
O domingo 8 de decembro, ás 18:30, o KKE renderá honor en Atenas ao seu 95 aniversario cun gran evento político central no Estadio da Paz e a Amizade. Espérase que tomen parte decenas de miles de traballadores e traballadoras da capital grega. No evento, o discurso principal será pronunciado polo Secretario Xeral do CC do KKE, Dimitris Koutsoumpas e a continuación haberá un concerto con cancións do famoso compositor grego, Mikis Theodorakis.
[Fonte: KKE]