Ante o acordo sobre a pregunta e a data da consulta soberanista [Catalunya]

O Partit Comunista del Poble de Catalunya, como  partido de clase catalán, e ante o importante e histórico acordo das forzas políticas catalás CDC, UDC, ERC, ICV, CUP e EUiA  sobre a consulta e a data en que se exercerá o dereito  a decidir do pobo catalán, manifesta:
1. Que os e as comunistas sempre defendemos e defenderemos o dereito á autodeterminación dos pobos. Polo tanto defendemos o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo catalán.
2. Que a actual correlación de forzas da loita de clases en Cataluña marca a forma e os obxectivos deste novo intento de exercer o dereito democrático á autodeterminación. Así, a formulación da pregunta “Quere que Cataluña sexa un Estado?”, responde á vontade de certos sectores da burguesía catalá de integrarse á cadea imperialista europea de forma federada ou confederada no estado burgués español. A seguinte pregunta, “Quere que Cataluña sexa un Estado independente?”, responde á vontade de sectores da burguesía catalá para integrar directamente en Cataluña dentro do polo imperialista europeo.
3. Que a pugna entre as oligarquías central e catalá para non perder posicións dentro da cadea imperialista europea ou para inserirse de forma vantaxosa, non responde en ningún momento aos intereses da clase obreira e das capas populares. O bloque españolista representado por PSC, PP e C’s  representa á burguesía central española e a sectores burgueses cataláns fortemente comprometidos co Estado e o mercado estatal.
4. Que a clase obreira e as capas populares teñen un único interese obxectivo, a conquista do socialismo. O Partido Comunista do Pobo de Cataluña, como partido marxista-leninista, só responde aos intereses da clase obreira. Polo tanto, non nos sentimos representados nin comprometidos cos proxectos de ningunha burguesía, nin a central, nin a nacional. Lamentamos que forzas políticas que se reivindican de esquerdas e antisistema teñan posicións subsidiarias da burguesía.
5. Que a celebración da consulta é un dereito democrático básico que os e as comunistas defendemos e defenderemos, e polo tanto opoñémonos a calquera medida legal e/ou de forza que poida exercer o Goberno Central para impedir o exercicio deste dereito.
6. Que o Partido Comunista do Pobo de Cataluña seguindo o mandato do seu máximo órgano de decisión, o Congreso, celebrará unha Conferencia Nacional sobre a cuestión nacional catalá, onde o conxunto do Partido debaterá e concluirá sobre a nosa proposta de República Socialista de carácter confederal, sobre como se define e concreta esta proposta, sobre o dereito á autodeterminación de Catalunya hoxe e sobre a consulta soberanista do próximo día 9 de novembro.
Os e as comunistas cataláns, o PCPC e os CJC-JCPC, mantemos firme o noso compromiso na loita pola conquista do socialismo, un socialismo que só se pode construír en Cataluña recoñecendo e defendendo os dereitos nacionais cataláns.
A loita de clases en Catalunya acentúase día a día, as burguesías catalá e española declararon a guerra á clase obreira. A burguesía catalá, mentres se gorece baixo a senyera, non dubida en aprobar e pactar reformas laborais antiobreiras e leis represivas co Partido Popular, non dubida en aliarse co sionismo e non dubida en enviar os Mossos d'Esquadra contra obreiros indefensos.
Os e as comunistas non temos nada que pactar co noso inimigo de clase, non hai conciliación nin acordo posíbel entre a burguesía e a clase obreira. A burguesía central e a burguesía nacional son igual de inimigas dos traballadores e traballadoras cataláns. Se ambas burguesías hoxe están enfrontadas polas súas respectivas posicións na cadea imperialista europea, demostran estar firmemente unidas na defensa dos seus intereses contra a clase obreira.
Nin guerra entre pobos, nin paz entre clases!
Barcelona, 13 de decembro de 2013