CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO convocan folga xeral no SERGAS para o 9 e 10 de decembro.

Fan un chamamento á poboación a sumarse ás mobilizacións para exixir que o sistema público, pagado cos nosos impostos, non se converta nun negocio para a privada.

A CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO veñen de presentar no rexistro a convocatoria de folga xeral na sanidade pública galega para os días 9 e 10 de decembro. En rolda de prensa as/os representantes das federacións explicaron que o que se pretende é amosar o rexeitamento ás privatizacións, aos copagamentos e aos recortes laborais e salariais e reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín subliñou que aínda habendo cuestións de carácter laboral na convocatoria, a maioría das razóns polas que se convoca a folga xeral son de carácter social fronte á política de privatizacións emprendida polo PP tanto en Galiza como no goberno central.

Así denunciou a implantación das medidas de repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas  pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

Advertiu do perigo de que en breve sexa imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade, do momento no que a imposición dunha taxa de reposición do 10% de efectivos que causan baixa no SERGAS está xa a provocar unha perda de persoal que será maior canto máis tempo pase. Unha situación coa que se pretende favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais.

No ámbito estritamente laboral salientaron os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, máis tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade  voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Incremento da precariedade laboral.

CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO amosaron a súa preocupación polo incremento da precariedade laboral por mor da proliferación de contratos con xornada inferior á estabelecida; contratos por días soltos para non garantir as libranzas correspondentes ou diminución da contratación, o que está a ter como consecuencia un incremento exponencial do desemprego no sector sanitario.

Xunto a isto alertaron do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Ante esta situación, fixeron un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións que se convoquen para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

[Fonte: Avantar]