Carta aberta do KKE aos Partidos Comunistas e Obreiros sobre a acción anticomunista de Die Linke no Parlamento Europeo.

Estimados camaradas:

Nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros así como nos demais encontros de Partidos Comunistas denunciamos o anticomunismo, combatemos as posicións anticomunistas da Unión Europea e a equiparación antihistórica da contribución do socialismo coa monstruosidade do fascismo.

Destacamos a contribución insubstituíbel da Unión Soviética á loita dos pobos e referímonos aos 20 millóns que deron a súa vida para a derrota do nazismo.

Desvelamos a lóxica perigosa dos “dous extremos” e o marco respectivo da Unión Europea e dos gobernos burgueses, un marco que levou á persecución e prohibición de Partidos Comunistas.

Todos somos conscientes de que a loita contra o anticomunismo e contra a distorsión da contribución histórica do socialismo é unha tarefa moi seria e é imperativo condenar decisivamente a postura anticomunista.

Polo tanto, queremos informalos de que recentemente o eurodiputado Helmut Scholz, dirixente do Partido Alemán “Die Linke”, membro do presidium do Partido da Esquerda Europea (PIE), organizou no Parlamento Europeo, os días 12 e 13 de novembro de 2013, un evento titulado “Viaxei ao seu país como invitado - Alemáns opoñentes de Hitler, vítimas do terror estalinista: historias familiares 1933-1956”.

Como denunciou o grupo europarlamentario do KKE: “Trátase dun intento miserábel de presentar a algúns antinazis alemáns como vítimas do Estado obreiro soviético, unha versión aínda peor da política oficial da Unión Europea, que equipara o fascismo-nazismo co comunismo e promove a “teoría dos dous extremos”. É un insulto aos miles de alemáns comunistas e outros antifascistas que resistiron, pagando coa súa vida, á barbarie de Hitler. É un insulto flagrante aos millóns de soviéticos, de comunistas e de loitadores na URSS e en todos os países de Europa que deron a súa vida para esmagar a monstruosidade fascista. Trátase dunha calumnia vulgar a expensas do primeiro Estado obreiro na historia da humanidade, a expensas das conquistas sen precedentes logradas polos traballadores no Socialismo”.

Consideramos que este tema é moi grave e que reflicte o papel perigoso do oportunismo como vehículo para a promoción da ideoloxía e a política burguesa, como unha forza que defende e promove as posicións anticomunistas da Unión Europea.

As e os comunistas están obrigados a dar unha resposta decisiva.

15.11.2013
Sección de Relacións Internacionais do CC do KKE