As bandas fascistas son as tropas de asalto do capital.

Confundir aos traballadores mentres aínda é posíbel manter a taxa de ganancia nas condicións da democracia formal, asasinar aos seus dirixentes cando o consenso creba e a clase se organiza para a loita, forman parte da mesma estratexia posta en práctica polo aparello mediático e represivo do sistema sen desdeñar o uso das bandas criminais fascistas, a súa sección de asalto.

En Grecia a organización nazi traficante de forza de traballo que agrediu salvaxemente aos dirixentes obreiros comunistas en Grecia e asasinou a un mozo antifascista no mes de setembro tiña un longo historial de tráfico negreiro, crimes racistas e amarelismo antisindical e mafioso ao servizo de armadores e contratistas que lle valeu o apoio dos monopolios a quen serven, para encaramarse como partido legal con ampla representación parlamentaria e coa complicidade das forzas represivas do goberno grego capitalista.

A farsa xudicial contra varios parlamentarios fascistas serve ao obxectivo de encubrir a íntima relación entre a banda asasina e o sistema capitalista que a alimenta e sostén como o seu grupo de choque.

As voces defendendo a súa inmunidade parlamentaria e denunciando a corrupción de ND e PASOK que venderon Grecia á usura internacional deben alertarnos sobre a autenticidade do discurso que denunciando a "políticos e banqueiros" e a podremia institucional da superestrutura, non a analizan como a consecuente expresión da descomposición do modo de produción capitalista senón que a utilizan como pretexto para xustificar o ascenso do autoritarismo e o fascismo. A retórica nacional-socialista, contra "os ricos" e os partidos políticos xa foi usada por Musolini e Primo de Rivera nunha época na historia de Europa na que as democracias "aliadas" occidentais alimentaban financeiramente á xigantesca maquinaria de guerra alemá para "parar á besta vermella" e "afogar o comunismo no seu propio berce" (W. Churchill) e atrasaban a apertura da Segunda Fronte, mentres o sacrificio do pobo soviético, o seu Partido Bolxevique e o seu Exército Roxo facía posíbel a fazaña de Stalingrado dando comezo a contraofensiva que finalmente crebou o espinazo da besta fascista e capitalista e fixo ondear a bandeira roxa da clase obreira na propia capital da Alemaña nazi.

Chamarlle a Amencer Dourado "organización ilícita" e "grupo do odio" como Llamazares á AN quédase en formalismos xurídicos e caracterizacións idealistas, subxectivas e pouco rigorosas que non afondan no auténtico cometido obxectivo das organizacións fascistas: a destrución do movemento obreiro e revolucionario e a escravización absoluta das masas proletarias por parte da burguesía monopolista.

Ningunha fronte é antifascista se inclúe a alianza con forzas defensoras da podremia capitalista da que nace o fascismo como expresión dos intereses obxectivos dos monopolios e dos límites históricos aos que chegou a formación sociohistórica capitalista froito das súas contradicións irresolúbeis.

Así o expresaron os miles de traballadores e traballadoras, mariñeiros, metalúrxicos, estudantes inmigrantes, mulleres obreiras que acudiron ao chamado da Fronte obreira clasista ao barrio de Nikea, a orgullosa barriada obreira herdeira dos partisanos antifascistas que expulsaron de Grecia ás hordas hitlerianas. En cada centro de traballo e en cada barrio obreiro de Grecia o KKE e o PAME organizan e orientan a única loita efectiva para liquidar o rexurdimento do fascismo, a explotación, as crises e as guerras imperialistas: a loita da clase obreira polo seu propio Poder.
Marina
[Fonte: UyL]