Segue a Merkel, a loita continúa.

Cando xa contamos cos datos definitivos das eleccións alemás do día 22, podemos afirmar que non houbo grandes sorpresas fronte ao que se dicía nas sondaxes previas: triunfo claro da CDU/CSU de Angela Merkel, escasísima melloría do socialdemócrata SPD e baixada dos Verdes e A Esquerda (Die Linke), mentres desaparece do mapa parlamentario o ata agora socio de goberno da CDU/CSU, o Partido Liberal (FDP).

Os resultados suscitan aínda unha incógnita a día de hoxe: quen será o socio ou socios de goberno de Angela Merkel durante os próximos anos. Todo parece apuntar a unha nova edición da Gran Coalición de 2005 entre a CDU/CSU e o SPD, que decidiu consultar ás súas bases sobre o asunto a propósito de que o último exemplo dunha alianza deste tipo terminoulle acarreando desastrosos resultados. Se esa opción non prosperase sempre quedarían Os Verdes, dado que os escanos que necesita a Merkel para a maioría absoluta son moi poucos e o partido ecoloxista, que os ten, deu boas mostras ao longo dos anos de canto de profundas son as súas tragadeiras políticas e ideolóxicas.

En todo caso, o que parece claramente descartado é un pacto entre SPD, Os Verdes e A Esquerda, malia as insistentes voces que, desde o oportunismo patrio e europeo, piden un goberno “de esquerda” para Alemaña. O SPD xa deixou claro que non gobernará coa Esquerda, dato que non deixa de ser rechamante para un observador estranxeiro. Un, quizais impregnado das experiencias como o goberno autonómico de Andalucía, non entende ben este tipo de cousas que pasan en Alemaña.

É rechamante porque A Esquerda (Die Linke), non é máis que unha organización socialdemócrata perfectamente acomodada no sistema político burgués alemán e europeo. En ningún caso é esa organización revolucionaria cuxas propostas pode temer o SPD alemán por “roxos”. Imos, igual que aquí, de aí a extrañeza. A Esquerda non leva no seu programa nada que poida facer tremer aos capitalistas alemáns: esquézanse de recuperar a RDA, esquézanse de romper co Euro, esquézanse de romper coa OTAN, esquézanse de saírse da UE. Die Linke non di nada diso, pero a recente historia alemá pesa nas conciencias dos partidos do establishment político.

Como entendo que os dirixentes do SPD leron e coñecen o programa d´A Esquerda, non me cabe a menor dubida que a razón da negativa socialdemócrata ao pacto co irmán alemán de IU é que o SPD comparte, con poucos matices, a liña política que está desenvolvendo o goberno de Merkel e non queren nin oír falar doutras opcións de xestión capitalista. Se isto é así, a que se debe esa insistencia antes comentada de que haxa un “goberno de esquerda” en Alemaña? Pódese falar dun “goberno de esquerda” se está nel o partido que, con Schröder á cabeza, abriu o camiño para as medidas antiobreiras brutais que hoxe amplía a Merkel? Pódese falar dun “goberno de esquerda” con quen representa ao gran capital alemán de xeito similar a como o fai a CDU/CSU? Lamentabelmente, moito me temo que estea operando aquí un erro similar ao que cometeron algúns co francés Hollande, a quen unha boa parte da suposta “esquerda” vitoreou e que ben pouco tardou en demostrar ao lado de quen está cando se trata de preservar os dereitos dos monopolios no seu propio país ou no estranxeiro.

Existe unha dinámica perniciosa que se instalou nas mentes de moitos traballadores e traballadoras de toda Europa. Consiste en entender que os problemas dos países como o noso, ou Grecia, ou Portugal, son debidos a que Angela Merkel é a xefa do goberno alemán e que a gravísima situación económica actual explícase, fundamentalmente, en chaves de “Alemaña fronte ao resto”. Talvez esa dinámica, vista desde Alemaña, explique en parte que unha clase obreira como a alemá, con 8 millóns de traballadores e traballadoras que gañan menos de oito euros por hora de traballo e outros 3 millóns que teñen dous empregos para chegar a fin de mes, outorgue un novo mandato á única dirixente que conseguiu resistir electoralmente o estoupido da crise capitalista (recordemos a Sarkozy, a Berlusconi, a Zapatero).

Esa dinámica perniciosa e maniquea, que analiza as relacións económicas no mundo capitalista baixo un prisma de “bos” e “malos”, non solucionará en absoluto a situación dunha clase obreira como a alemá, a española, a grega ou a portuguesa onde capas cada vez maiores enfróntanse a unha situación na que os salarios, se se teñen, xa case non permiten reproducir a forza de traballo.

Mentres uns, os capitalistas, ven en Alemaña un exemplo para case todo (minijobs, seguridade social a cargo do traballador exclusivamente, flexiseguridade), outros, os oportunistas, piden que Alemaña sexa exemplo dun capitalismo embelecido, menos explotador, pero capitalismo á fin e ao cabo, como pregoan os documentos do Partido da Esquerda Europea (PEE), de cuxo núcleo dirixente forma parte Die Linke.

Pero ambas posicións esquecen, non sei se intencionadamente, que o problema non reside tanto en Alemaña como país, senón nos monopolios alemáns, no capital financeiro e produtivo con base en Alemaña, que loita salvaxemente por afastarse da crise capitalista partindo dunha base substancialmente máis favorábel grazas á existencia da UE e do Euro, ferramentas que lle permiten, en competencia con outros monopolios de base europea, manter os seus beneficios a costa do sangue e a vida dos traballadores e traballadoras de toda Europa. Si, de toda Europa! Incluídos os traballadores alemáns!

Por todo iso, un mero cambio na cara do xestor político dos intereses monopolistas en Alemaña non é unha solución útil para a clase obreira. Tampouco o é a proposta que o partido Alianza por Alemaña realiza: a saída do euro, simple e llanamente e, ademais, pola dereita.

Nada diso. Nin moito menos. É necesario avanzar na elevación da conciencia dos e as traballadoras de Alemaña, igual que no resto do continente. É necesario avanzar na superación desa ideoloxía que impera e que quere situarnos detrás das nosas burguesías patrias como única vía para saír da crise. Se aceptamos iso, posibelmente se saia da crise, como das anteriores crises cíclicas do capitalismo, pero farémolo subxugados completamente aos intereses da burguesía e sen un só dos dereitos que a clase obreira puido arrebatar ao capitalismo monopolista cando este tiña excedente de capital para outorgar pensións, dereitos e servizos públicos.

Avancemos na unidade de clase a todos os niveis, situémonos en chave de superación radical do capitalismo e das ferramentas e estruturas capitalistas. Avancemos, aínda que o camiño sexa longo, na creación dunha conciencia de loita, de ruptura coa UE, co Euro, con todo o que implican, pero fagámolo en chave de construción socialista, para que non volva haber miseria, paro, nin explotación.

Ástor García

[Fonte: UyL]