Os traballadores e traballadoras de limpeza do hospital Xeral Cíes en Vigo, en loita.

Desde hai 24 anos, a concesión de limpeza do Hospital Xeral Cíes de Vigo estivo levada a cabo por Limpezas Faro, cun cadro de 130 traballadoras e traballadores fixos en persoal. Este ano a concesión saíu a concurso e foi adxudicada á empresa Clece o 1 de setembro por un valor de 3.600.000 €, moito menor que o necesario para cubrir o custo do servizo. O mesmo día, Clece comunica ao Comité de Empresa que non pode asumir o convenio colectivo vixente, e a súa intención de negociar outro á baixa, eliminando dereitos adquiridos en loitas anteriores incluíndo unha rebaixa salarial. Reunida a Asemblea de traballadores acórdase non negociar ningún novo convenio, co que Clece ameaza con aplicar a Reforma Laboral e rexerse polo Convenio Provincial, coa merma en dereitos que isto supón. Así mesmo, non cumpre cos ratios de persoal, xa que das 30 persoas que teñen vacacións este mes, só foron substituídas 2, (mentres que a anterior empresa mantiña unha substitución de 22 traballadores por cada 30 de vacacións). Por iso, a dirección está obrigando ao persoal contratado, baixo ameaza, a facer dobre quenda para cumprir un mínimo da tarefa. As traballadoras e traballadores están mobilizándose para defender os seus dereitos de clase, e suscitan unha folga indefinida a partir de outubro, sen dobregarse nin renderse. Acompañamos ás compañeiras/os de limpeza do Xeral Cíes na súa loita obreira, a nosa loita.
[Fonte: UyL]