Obama mata mellor.

Cando, alá polo ano 2008, Barack Obama foi elixido presidente do imperio por primeira vez, os meus ancestrais amigos, eses que se manteñen desde a adolescencia, aseguráronme, en tertulias distendidas, que o que ocorrera naquel momento no país do Tío Sam era inaudito e revolucionario: “un negro na Casa Branca. Toma xa!, para que logo digan as linguas viperinas que os ianquis son racistas”, espetáronme inclementes. Tamén me garantiron, e isto empezaba xa a ser vox populi, que “as cousas” ían cambiar moito nos USA e no mundo enteiro a partir de entón.
Eu escéptico, pero aceptando que a elección dunha persoa de cor á fronte da potencia hexemónica mundial era algo singular, tratei de matizar o asunto considerando que o hábito non fai ao monxe e que o movemento, como dicía o outro, demostrábase camiñando. E vaia se o demostrou o mulato (si, porque negro, o que se di negro, non é) nos seus cinco anos de andadura. Nese tempo, o aura de cambio fabricado ao seu redor polos medios de comunicación propios e foráneos, hase ir apagando irremediabelmente. Do que se trataba inicialmente era de disipar a imaxe funesta do carniceiro de Irak, George W. Bush, o seu belicista predecesor. Dese modo (deberon pensar os magnates que financian o tinglado electoral de EE.UU.) un negro (bo, un mulato) no poder rompería esquemas sobre o imperialismo, sobre todo se ademais se lle daba o Premio Novel da Paz. Cousa que se fixo en 2009. E a mecha prendeu. Durante un tempo a opinión pública, en xeral, creu no “cambio”. O que ocorre é que a realidade dos intereses que se defenden desenmascara ao máis pintado. E así, Obama empezou a mostrar o seu verdadeiro careto, é dicir demostrar para qué lle pagan. Mantén o cárcere de Guantánamo, onde se tortura e encarcera a presos ilegalmente; abandonou as promesas de xustiza e protección social para máis de 40 millóns de norteamericanos/as desamparados/as; sostén e finanza ao goberno represor de Irak; asasina en Afganistán cando se terza; bombardeu Libia en 2011 e aniquilou a Gadafi para apoderarse do seu gas e o seu petróleo; organizou “as primaveras” de Túnez e Exipto ata establecer os gobernos que conveñen ao imperio; perpetúa o criminal bloqueo contra Cuba e o aprisionamento dos 5 heroes; sostén ao réxime sionista de Israel e xustifica o asasinato permanente de palestinos/as; vapulea a liberdade de expresión e os dereitos humanos, confinando a Julián Assange na embaixada de Ecuador en Londres e perseguindo ou encarcerando a Edward Snowden e ao soldado Bradley Manning polo feito de desvelar os crimes de inocentes cometidos polo exército ianqui e a maquiavélica rede de espionaxe internacional. E se faltaba algo para acabar o retrato deste aprendiz de camaleón, o pasado 24 de agosto Obama reuníase coa progresía de Washington para evocar e invocar o cincuenta aniversario do “soño” de Marthin Luther King, á vez que planeaba co seu estado maior o bombardeo de Siria. Un país chave para os intereses estratéxicos norteamericanos en Oriente Medio, e que, desde hai dous anos, leva desestabilizando armando a mercenarios. Con todo, e pese a todas estas barbaries, os centros de creación de opinión persisten na imaxe dun presidente conciliador e moderado. Dalgún xeito como querendo dicirnos que Barack Obama mata mellor.

José L. Quirante
[Fonte: UyL]