Non ás taxas na náutico-pesqueira!

Dende as e os Comunistas da Galiza, organizados en FORXA! e no PCPE, e os Colectivos da Mocidade Comunista queremos denunciar o atraco a man armada que están a sufrir os estudantes das Escolas Náutico – Pesqueiras de Galiza, a través do Decreto 143/2013. A imposición dunhas taxas que poderían chegar aos 6.000€ nos dous anos de cursos, engadido á nocturnidade traizoeira da súa publicidade, supoñen un duro golpe para un sector que debería ser considerado estratéxico. Así mesmo, os elevados prezos para cursos relacionados coa seguridade, a loita contra incendios ou o salvamento marítimo supoñen unha diminución de postos de traballo claves para a nosa sociedade.
Estamos a ver que sectores que deberían ser claves para a satisfacción das nosas necesidades (dende a sanidade ou a educación, até o sector naval e pesqueiro, particularmente castigados en Ferrolterra) están a ser desmantelados para cumprir cos designios da patronal e o seu goberno de quenda, seguindo tamén os ditames da Unión Europea. Esa é a vía que teñen para superar a crise na que nos teñen metidos: destruír forzas produtivas, destruír a industria, destruírnos, en definitiva ás e aos traballadores.
Pola preservación da nosa educación, do noso traballo, esiximos a retirada inmediata do Decreto. Mais sabemos que a súa retirada non virá da man dos distintos gobernos, que se teñen convertido nun “comité administrativo” da patronal, senón que terá que vir de nós mesmos, da unidade pola base de estudantes e traballadores. Por iso, convidámosvos aos alumnos da Escola a auto-organizarvos en Asemblea, ou mesmo conformar unha Asociación, que vos permita defender con continuidade as vosas xustas reivindicacións.
Dende Comunistas da Galiza –PCPE e FORXA!- e os CMC reiteramos o noso apoio á vosa loita, e animámosvos a continuala, apoiando tamén a xornada de folga educativa convocada para o vindeiro 24 de outubro.
POR UNHA EDUCACIÓN GRATUÍTA AO SERVIZO DE ESTUDANTES E TRABALLADORES/AS!

COMUNISTAS DA GALIZA
- FORXA! / PCPE -
Colectivos da Mocidade Comunista (CMC)