Naval, un sector en vías de desmantelamento.

Se hai un sector da economía nacional galega singularmente estratéxico e que constitúe un verdadeiro eixe articulador no movemento obreiro, ese é o sector naval. Os seus polos son, historicamente, Vigo e Ferrol. Diferenciados en canto á súa especialización, fabricación de pesqueiros, cargueiros e outros buques no caso de Vigo, monoprodución naval militar no caso de Ferrol, tamén a súa orixe e desenvolvemento foi distinto.
Partindo dunha longa e enraizada tradición común da carpintaría de ribeira en numerosos talleres espallados polas rías, a industria naval viguesa, cun número importante de estaleiros maiormente privados, pero de menores dimensións e capacidade produtiva que os ferroláns, impúlsase fundamentalmente a partir da posguerra, simultaneamente á expansión da industria pesqueira, á que dota de pesqueiros, conxeladores e buques factoría, factor principal da preeminencia da flota pesqueira galega a nivel internacional ata a entrada do estado español na UE.
No caso de Ferrol, a construción do Arsenal en 1726 inicia un longo proceso de desenvolvemento e consolidación dunhas instalacións industriais de titularidade estatal, moi dependentes das conxunturas políticas e das crises cíclicas sectoriais: a primeira desde 1795 por razóns facendísticas ata mediados de século XIX; crise finisecular desde 1895 a 1909; baleirado da carteira de pedidos desde a primeira guerra mundial ata mediados os anos 20; paralización polo impacto da crise capitalista mundial na etapa republicana; nova crise nos anos 70 que remata na reconversión dos 80, cunha caída en picado do emprego e desde a que, salvo esporádicos e breves temporalmente repuntes da actividade, persisten sombrías perspectivas de futuro.
O ingreso na actual Unión Europea e o impacto da reconversión determinaron decisivamente a evolución do sector e dos seus enclaves. En Vigo supuxo a desaparición de estaleiros e a liquidación de miles de empregos estábeis, a introdución da normativa europea de tax-lease, que só beneficiou aos inversionistas, armadores e construtores, e a masiva precarización do emprego, pasando dunha proporción de 1,72 traballadores da principal por traballador da auxiliar nos anos 70, a unha abafadora presenza da subcontratación na actualidade.
Ferrol, que viu como unha cidade cun crecemento poboacional sostido ata principios dos 80 (chegou a ser a cidade máis poboada de Galiza  a mediados do século XIX) iniciaba un despoboamento imparábel cun éxodo de traballadores altamente cualificados, afrontou sucesivos plans de axuste nos dous estaleiros, coa relegación da antiga Astano a un papel meramente testemuñal e subordinado. Un estaleiro como este, que chegou a botar superpetroleiros de case 300.000 TRB e un persoal de máis de 5.000 traballadores na principal, padeceu a liquidación práctica do seu cadro de persoal ata chegar a cifras de menos de medio milleiro, a prohibición por directiva europea de construír buques, o veto posterior á construción offshore á que se viu abocado, para finalmente quedar postergado á actividade centrada no área de carenas (reparacións) e ao papel de instalación auxiliar da actual Navantia-Ferrol. Na outra beira, Bazán transformada en Izar trala reestruturación do grupo público, destruíu máis de 2/3 do emprego fixo por medio de despedimentos e prexubilacións, “incentivados” con indemnizacións e condicións progresivamente decrecentes, á vez que redistribúe plusvalía en clave privatizadora a través da subcontratación sistemática. Constreñida a construción á fabricación de unidades navais militares, houbo de ser liquidada por imperativo da Unión Europea en razón de axudas públicas de capital declaradas ilegais, tendo continuidade en Navantia, que con grandes altibaixos na carteira de pedidos nos últimos lustros, é obxecto da nefasta e incompetente xestión e dirección comercial, e as pretensións da dereita reaccionaria no poder de abrir a grupos monopolistas privados a participación no capital.
A Clase Obreira do naval é básica para entender o papel protagónico do proletariado galego como clase hexemónica nacional nas últimas décadas. Foi capaz de impulsar máis dunha decena de folgas xerais de ámbito nacional e comarcal, pese a sufrir na súa carne a traizón entreguista das direccións do sindicalismo bonzo e pactista. Lembremos que o propio Toxo, hoxe secretario xeral de Comisións Obreiras, foi presidente do comité de empresa da antiga Bazán e corresponsábel de acordos e pactos infames. Hoxe, fronte ao seu legalismo e inoperancia reformista ante a crise estrutural do capitalismo, a clase obreira de base mostra signos da súa combatividade e a súa capacidade para superar as barreiras do neoverticalismo e do pacifismo social. Así, o 5 de xuño os compañeiros do área de aceiros de Navantia-Ferrol conseguiron paralizar en 40 minutos a fábrica por iniciativa propia, pasando por enriba da negativa da representación sindical a actuar, para mobilizarse en solidariedade cun compañeiro detido esa noite por unha ocupación do concello polo persoal e outros colectivos de traballadores. Hai uns días, na primeira semana de setembro, a asemblea de traballadores rexeitou a contraproposta da representación social na negociación colectiva, encamiñada a aceptar as novas condicións de dereitos sociais e laborais. Asemblea que se convocou mediante recolleita de sinaturas de máis dun terzo do persoal e pese á oposición da maioría do comité de empresa á súa convocatoria e a someter a consulta a contraproposta.
Son indicadores relevantes do estado de ánimo e do fastío dos obreiros de base ante a situación actual tras anos de loita por carga de traballo, contra as cínicas promesas de contratos mexicanos que son puro fume e a recentísima ameaza dun plan de axuste anunciado polo presidente da compañía.
A verdadeira alternativa en interese xeral do pobo e dos traballadores pasa pola nacionalización do sector privado e por investimentos públicos en ampliacións de capital e instalacións para facer dos estaleiros públicos unha potente industria estratéxica de primeiro rango internacional e diversificada. Para isto hai que facer fronte aos plans da oligarquía española e europea, derrocando a este goberno e ao propio réxime, saíndo da UE e da OTAN.
Porque o público sen poder obreiro e socialismo só é capitalismo de estado. E só o socialismo pode desenvolver unha industria naval ao servizo dos intereses obreiros e populares, construír unha flota mercante dunha República Socialista que faga os fretes do comercio marítimo e a distribución dunha produción socializada. E unha flota pesqueira moderna e socialista que cubra esta parcela da demanda alimentaria do pobo, para a explotación dos recursos propios e a pesca extractiva noutras zonas internacionais sobre acordos xustos de colaboración. E para fabricar buques e artefactos para as necesidades produtivas, científicas, ou mesmo de lecer, para nós ou para outros en base á cooperación e o intercambio recíproco equivalente, máis aló da competencia nos mercados capitalistas internacionais.
Xosechu Placer, CUO-Galiza.
[Fonte:UyL]