Contribución do PCPE ao Encontro Comunista Europeo.

O papel dos partidos comunistas e obreiros de Europa no fortalecemento da loita da clase obreira e os sectores populares contra a UE e a estratexia do capital. Por unha saída da crise capitalista favorábel aos pobos, polo derrocamento do capitalismo, polo socialismo.
BRUXELAS, 30 de Setembro, 2013 
Estimados camaradas:
En primeiro lugar gustaríame agradecer ao KKE a organización deste novo Encontro Europeo. É un paso máis no fortalecemento da necesaria coordinación comunista no noso continente. Todos os espazos nos que sexa posíbel o debate e o intercambio de posicións entre partidos irmáns son moi positivos desde o punto de vista do PCPE, do mesmo xeito que o desenvolvemento de accións de loita conxuntas.
Na nosa opinión, a loita contra a Unión Europea ten que ocupar un espazo esencial na axenda dos partidos comunistas e obreiros europeos; non só dos partidos de países que son membros da Unión Europea, senón de todos os países que poden selo no futuro ou que manteñen coa Unión Europea estreitos vínculos económicos e políticos.
Non podemos esquecer tampouco a loita contra outros instrumentos de dominación imperialista como a OTAN, auténtico brazo armado do imperialismo occidental cuxos ataques e agresións buscan achandar o camiño ao control das áreas de influencia e os recursos naturais, cada vez máis disputados.
Consideramos que hoxe é fundamental vincular o discurso de loita dos partidos comunistas á loita contra esa alianza interestatal imperialista que é a Unión Europea, posto que as medidas que sofren a clase obreira e os sectores populares dos nosos países teñen a mesma orientación e obedecen a unha mesma estratexia do capital monopolista europeo, que utiliza á UE como ferramenta para situarse do mellor xeito posíbel e no escenario de profunda crise do capitalismo.
Para o PCPE, as organizacións de vangarda debemos manter unha posición firme e clara contra as agresións do inimigo de clase e os seus gobernos. Habemos traballar por organizar as loitas obreiras elevando o seu horizonte e situando o obxectivo do poder obreiro e do socialismo-comunismo como obxectivo estratéxico irrenunciábel. Habemos ser capaces de avanzar na construción da unidade da clase obreira nos centros de traballo para a loita económica baixo criterios e dirección clasista, esforzándonos ao mesmo tempo por lograr que o noso Partido estea presente e organizado en cada centro de traballo e en cada barrio obreiro.
As loitas que a clase obreira e os sectores populares desenvolven nos nosos países teñen distintos grados de intensidade e hai distintos niveis de dirección política dos comunistas nos mesmos. Cando non hai dirección política comunista é fácil ver cara a onde levan as loitas: terminan en derrota e sen terse logrado un avance substancial nas conciencias dos traballadores e traballadoras. Acaban sendo derrotadas e nunha calexa sen saída.
Cando non hai dirección política comunista sobre o movemento obreiro e popular, desaparece o discurso sobre a Unión Europea. Cando non hai comunistas dirixindo un movemento, este cópano os oportunistas, e os oportunistas non queren falar da Unión Europea porque defenden a Unión Europea, porque falan unicamente de reformar aqueles elementos que, segundo o seu criterio,  hoxe fan que as políticas da UE sexan antiobreiras e antipopulares. Consideran que pode haber políticas da UE que sexan pro-obreiras e pro-populares, cando non hai unha soa proba que demostre este extremo ata o día de hoxe.
Camaradas, como non imos discutir esa posición? como non imos enfrontarnos a quen di que a Unión Europea debe ter un papel activo no conflito que hoxe se vive en Siria? Seica non hai xa suficientes datos que xustifican que digamos que a UE é unha alianza interestatal imperialista? Estamos dispostos a seguir mantendo unha posición absolutamente idealista como é a posibilidade de reformar unha creación do capital monopolista exclusivamente para o seu propio beneficio?
Temos probas sobradas de que non é posíbel unha solución a favor da maioría obreira e popular no seo da UE, coas estruturas da UE, coas políticas da UE. Cando algúns partidos do noso movemento participaron en gobernos nacionais ou rexionais, non foron nin son capaces de desenvolver políticas esencialmente distintas ás que desenvolven os partidos burgueses. Isto é así porque se limitan a xestionar o capitalismo sen poñelo en cuestión. Sexa o país que sexa, finalmente o resultado acaba sendo o mesmo: a clase obreira perde anos vitais para o desenvolvemento dunha conciencia revolucionaria que albisque a única saída que realmente é no seu favor: o inicio dunha vía de desenvolvemento radicalmente distinta á actual, unha vía de desenvolvemento socialista.
O dominio ideolóxico burgués, cuxa aposta pola Unión Europea é indiscutíbel, mantén aínda a amplos sectores obreiros e populares na confusión. A realidade material, obxectiva, demostra día a día que a Unión Europea non beneficia en nada aos traballadores e traballadoras. Tampouco aos pequenos propietarios nin aos labregos e gandeiros. Beneficia fundamentalmente aos monopolios, e os monopolios necesitan que a clase obreira se desangre e que os pequenos propietarios desaparezan para poder facer remontar a súa taxa de ganancia.
Como é posíbel, nestas condicións, que haxa comunistas que sigan insistindo en que a UE pode ser favorábel aos pobos e aos traballadores? Como é posíbel que se minta e se engane de tal xeito? Con que obxectivo?
Camaradas, as posicións oportunistas pretenden levar á clase obreira ao pantano. Pretenden que a clase obreira quede atrapada novamente na colaboración de clases, e xa coñecemos ben a onde levou iso. Loitemos contra iso. Loitemos por liberar á clase obreira, non por escravizala aínda máis.
Moitas grazas.
[Fonte: UyL]