Catalunya, a vía da loita de clases.

Un ano despois da masiva manifestación polo dereito a decidir, a Diada volveu albergar unha nova e impresionante mobilización popular. Esta vez en forma de cadea humana, unindo máis de 400 km de norte a sur do territorio catalán.
Un ano despois, a mobilización non é polo dereito a decidir, é pola independencia. Todas as engranaxes en mans da burguesía nacional catalá estiveron ao servizo desta idea. Hoxe en Catalunya a cuestión nacional, a cuestión da independencia de CDC e ERC, a cuestión da confederación de UDC, o federalismo do PSC ou a recentralización do PP, ocupan todo o discurso político.
Non cabe lugar, e se o fai é de forma marxinal, para a pobreza galopante de amplas capas da clase obreira, de amplas capas populares, os crecentes conflitos laborais, o desmantelamento da sanidade e a educación pública, ata a malnutrición infantil, son algo marxinal no discurso político, invisíbel ou accesorio e instrumental no conflito entre a burguesía catalá e a central.
En Catalunya o debate sobre a malnutrición infantil ou sobre o aumento das taxas universitarias, é se é culpa de ‘Madrid’ ou do independentismo sobrevido de Mas. Ata se se quere ser alternativo e anticapitalista se debe elixir entre a monxa independentista anticapitalista ou a esquerda que nega a cuestión nacional catalá. Hoxe a política catalá funciona en código binario.
O PCPC como partido da clase obreira catalá non está disposto a xogar a ser español ou catalán. Esta posición de principios é fundamental para non caer de bruzos na estratexia da burguesía, xa sexa catalá ou española. Ningunha burguesía ten nada que ofrecer á clase obreira catalá máis aló da explotación e miseria, e isto que para os comunistas é algo evidente, parece que non o é tanto para a inmensa maioría das organizacións que se reivindican contrarias ao capitalismo.
Os e as comunistas só podemos ofrecer a liberación da clase obreira, a nosa loita é pola conquista do socialismo en Catalunya, e é no marco do socialismo no que as aspiracións nacionais da clase obreira catalá serán atendidas, non as aspiracións da burguesía catalá.
A nosa posición independente e clasista non implica que os comunistas esteamos á marxe do debate nacional, ao contrario, debemos estar alí presentes, e coas nosas limitadas forzas e influencia romper o debate Catalunya-España e situar nas masas a cuestión capital-traballo en Catalunya, no Estado e na UE; presentando a nosa proposta de República Socialista de carácter confederal, e como nosa defensa do dereito á autodeterminación, incluída a independencia, non está disociada da loita suprema e fundamental pola emancipación da clase obreira e a construción do socialismo-comunismo. Da capacidade que teñamos para artellar esta proposta e levala ás masas, os e as comunistas poderemos romper o discurso burgués Catalunya-España e os discursos pequenoburgueses e idealistas que intentan igualar a contradición entre traballo e capital das contradicións nacionais nun estado burgués.
Para esta tarefa, no marco do debate congresual en Catalunya, o PCPC xa se marcou a próxima celebración dunha Conferencia que desenvolva a proposta do comunismo catalán.
Os e as comunistas temos grandes retos e ningún aliado. Mantemos unha posición solitaria e complexa, pero lonxe de engurrarnos, os retos que temos por diante fannos crecer e nos fortalecen. Hoxe máis que nunca en Catalunya débese alzar a bandeira da clase obreira e reclamalo todo para ela, nin conciliamos nin pactamos.
Ferrán Neto
[Fonte: UyL]