Alvaro Cunhal.

Un dirixente comunista de proxección internacional que traspasa as fronteiras do século XX
O 10 de novembro deste ano cúmprese o centenario do nacemento de Álvaro Cunhal, militante do Partido Comunista Portugués do que chegou a ser o seu Secretario Xeral, dirixente destacado do Movemento Comunista Internacional e peza clave para entender as transformacións de Portugal dos últimos cen anos.
Para os comunistas de todo o mundo este centenario é un momento de necesaria homenaxe, pero á vez unha nova oportunidade de compartir e aprender do exemplo e da obra dun home que, ante os avances e retrocesos dos procesos revolucionarios, soubo manter a perspectiva no obxectivo do socialismo e o comunismo e a confianza na clase obreira e na capacidade desta para realizar a súa misión histórica.
Home de creación e compromiso inquebrantábel, protagonizou un dos máis destacados aportes, sempre inmerso no labor partidario, á derrota do fascismo en Portugal, sendo, sen ningún xénero de dúbidas, o gran teórico da Revolución de Abril.
Obras como Rumbo á Vitoria (1964), Relatorio da actividade do CC ao VI Congreso do PCP (1965) e Contribución para o Estudo da Cuestión Agraria (1966), escritos unha década antes da Revolución de Abril, son textos fundamentais para a comprensión do proceso revolucionario que acabaría coa ditadura fascista en Portugal. Vindo o propio proceso revolucionario a confirmar a validez estrutural das súas análises, previsións e alertas, así como o acertado dos obxectivos alí propostos para ser alcanzados coa revolución.
Home de coraxe e fortes conviccións, soubo non sucumbir ás duras circunstancias da loita baixo o fascismo que lle fixo pasar polas torturas e as mazmorras en varias ocasións, unha delas 11 anos seguidos dos cales 8 foron en illamento ata a súa fuga con outros camaradas da prisión-fortaleza de Peniche.
Aínda así mantivo a alegría de vivir e de loitar que lle xurdía dunha profunda convicción na xustiza da causa entusiasmante e invencíbel da liberación dos traballadores e os pobos de toda forma de explotación e opresión.
Só así se pode entender como el, e tantos outros ao longo da historia, decidindo considerar a actividade partidaria como aspecto central das súas vidas consagraron e consagran tempo, enerxías, facultades e atención á actividade do Partido. Afrontando polas nosas ideas e a nosa loita toda clase de dificultades, perigos e persecucións, incluso torturas e condenas se as condicións o impoñen, e ata dar a vida se fose necesario.
Un home de partido que viu con claridade que a unión coa clase obreira e as masas populares é a esencia e a substancia da acción do Partido e a orixe básica da súa forza e da súa capacidade de sobrevivir e resistir nas máis duras condicións, para desenvolverse a través das situacións máis complexas e das máis variadas probas. Natureza de clase que é determinante nos hábitos de organización e de disciplina, de claridade de obxectivos, de cohesión, de espírito colectivo, de capacidade de organización, de combatividade e de solidariedade. Natureza de clase que se afirma e se revela en primeiro lugar na ideoloxía, xa que o marxismo-leninismo é a ideoloxía da clase obreira na época de transición do capitalismo ao socialismo. Pero tamén nos seus obxectivos, xa que a liberación da explotación capitalista e a construción do socialismo e o comunismo significan o ascenso da clase obreira a clase dirixente e gobernante da sociedade, a liquidación da explotación capitalista da cal a clase obreira é o principal obxecto, a creación dunha nova sociedade que se corresponde cos intereses, as necesidades e as aspiracións da clase obreira.
Natureza de clase que tamén se afirma e se revela na composición social maioritariamente obreira. Na súa estrutura orgánica, xa que as organizacións no lugar de traballo, en especial as células de empresa, constitúen a forma fundamental e prioritaria da organización de base do Partido. No traballo de masas e en xeral en todos os aspectos da súa actividade.
Un home de teoría e práctica que en cada situación concreta soubo desenvolver unha análise correcta baseado no estudo das condicións en que debía desenvolverse a loita, fuxindo dos camiños fáciles que ofrecen todo tipo de oportunismos atopou camiños correctos e achounos en todo momento desde unha das aplicacións prácticas máis lúcidas do marxismo-leninismo que se puideron observar ao longo do século XX.
Marxismo-leninismo entendido como doutrina que explica o mundo e indica como transformalo, e cuxos principios constitúen un instrumento indispensábel para a análise científica da realidade, dos novos fenómenos e da evolución social e para a definición de solucións correctas para os problemas concretos que a situación obxectiva e a loita suscitan ás forzas revolucionarias. Unha doutrina en movemento e constantemente enriquecida polo avance da ciencia, polos novos coñecementos, polos resultados da análise dos novos fenómenos e pola riquísima e variada experiencia do proceso revolucionario. E que a separan tanto dos dogmatismos como dos oportunismos.
Un camarada que, no debate sobre o eurocomunismo, soubo ver nel un termo inexacto, que non tiña rigor nin xeográfico nin político. Ademais, dun termo alleo que non xurdiu dos comunistas, senón desde fóra do movemento comunista. E soubo diferenciar con acerto dous aspectos en torno ao debate central.
Un centrado na procura xusta e necesaria de cada partido comunista dun camiño, de acordo coas condicións específicas, económicas, políticas e tradicionais de cada país. E outro aspecto, e ese é moi diferente, o de toda unha tentativa do exterior do mundo obreiro de empuxar aos partidos obreiros, en base a unha errónea procura da independencia, a opoñer solucións nacionais a solucións que atoparon outros pobos para construír o socialismo, a opoñer en definitiva o proxecto político dos países da Europa capitalista ao Socialismo. E por iso, á vez que reivindicaba o camiño propio da loita polo Socialismo en Portugal, asentábao nunha posición firme en defensa da unidade das forzas revolucionarias do mundo contemporáneo.
Entendendo ademais que un partido revolucionario da clase obreira afírmase á altura da súa soberanía cando sabe manter integramente a súa independencia de clase que se afirma e confirma na súa orientación marxista-leninista e no mantemento firme das súas posicións na base do internacionalismo proletario.
A súa obra e a súa práctica supuxeron, e supoñen, para multitude de comunistas en todo o mundo unha ferramenta de combate do máximo valor. Ata nos momentos en que o soño de liberdade e emancipación parecía virse abaixo ante o avance da contrarrevolución nos países que en Europa construían o Socialismo e a humanidade parecía condenada a un Capitalismo eterno que algúns teóricos do mesmo cualificaron como o fin da historia, soubo desde a teoría e a práctica manterse firme, sen dogmatismos, pero sen renunciar nunca ao marxismo-leninismo como ideoloxía da clase obreira na época histórica de transición do capitalismo ao socialismo e o comunismo.
Cando outros pregaban as súas velas ao ver o triunfo momentáneo da contrarrevolución, el mantivo a confianza na clase obreira e na súa ideoloxía, así como nos principios que definen e dan carta de natureza a un Partido Comunista. Contribuíndo, como sempre o fixo, á construción do gran colectivo partidario que é o PCP pero tamén axudando, desde o plano teórico, a toda aquela militancia comunista que no mundo se negou a darse por derrotada, a manter a loita. Aínda resoa nas nosas cabezas “O comunismo non morreu neste século, naceu neste século”, que el gustaba de dicir en intervencións públicas e artigos que a finais do século XX nutrían o combate contra o derrotismo.
Recordemos tamén, para rematar, unha frase popular que di que pasados os tempos difíciles de dous sempre nos habemos de acordar: de quen estiveron connosco e de quen estiveron contra nós. Din estes últimos que xa non estás vivo pero descoñecen que sentimos o teu alento en cada trincheira. Por iso, camarada Álvaro Cunhal, nunca abandonarás como un dos nosos o lugar destacado que ocupas na memoria colectiva da clase obreira e dos pobos do mundo que loitan pola súa emancipación na perspectiva do Socialismo e o Comunismo.
Severino Menéndez, membro do CC do PCPE
[Fonte: UyL]