A mesma clase, a mesma loita.

“Os estranxeiros son outros.
Son eles os mercaderes, e os escravos, nós"
Daniel Viglietti


Nos plans divisionistas da patronal, xoga un papel importante o falso antagonismo de intereses entre os traballadores do país e os de fóra.

A burguesía enriquécese importando masivamente forza de traballo para devaluar o seu prezo e precarizar as condicións de traballo. A contratación en orixe favorece a máxima indefensión xurídica e a subxección plena do/a obreiro/a inmigrante á ditadura do patrón. Os mesmos traficantes que se benefician do dumping laboral procuran abrir unha segunda fronte na agudizada loita de clases, culpando á inmigración do paro e a delincuencia, alentando o racismo como fenómeno de masas que escureza a división da sociedade en clases, confunda sobre a natureza do inimigo e creba a unidade da clase. No inventario de estranxeiros que veñen aquí a roubar non figuran nunca os monopolios multinacionais con empresas no noso país que saquean a nosa forza de traballo e recursos.

A Unión Europea e o Estado español legalizan o encarceramento dos escravos do século XXI coa aprobación dos representantes políticos "de esquerdas" que consideran os centros de internamento "quizáis non a mellor medida, pero non se dispón hoxe doutro dispositivo que permita traballar a devolución de persoas" (como afirmou no seu día a portavoz socialista en materia de extranxeiría). Devolución, un concepto aplicábel a obxectos, a mercancías, saca de dúbidas sobre os termos económicos en que deben entenderse as políticas de extranxeiría do capital, políticas ao servizo dos seus intereses de rapiña por encima de calquera frase feita sobre o boa que é a libre circulación de persoas e capitais, sobre todo de capitais.

En centros de confinamento onde se encarcera a nais e nenos sen tomar en conta a súa situación familiar, escolar ou de saúde, onde ocorren depresións, folgas de fame e suicidios, encerran a "indocumentad@s", que moitas veces levan anos creando a riqueza dos nosos países nos traballos máis ingratos, duros e perigosos .

O tempo de estancia e o contrato laboral esixidos para o arraigo, a separación familiar, o acoso policial e xudicial (secuestro de pasaportes, razzias, controis de documentación, detencións arbitrarias, maltrato físico e vexacións, expulsións que vulneran calquera tratado internacional e calquera carta magna burguesa sobre os DDHH) súmanse ás condicións laborais de escravitude pura e dura da clase obreira inmigrante. Condicións ás que cada vez se van parecendo máis as de toda a nosa clase, independentemente da súa orixe nacional.

En pleno auxe das teses sobre a insostibilidade "demográfica" do sistema público de pensións, ningún "experto" sinala que a expulsión de inmigrantes en idade de traballar acelera o incremento da taxa de dependencia derivado do aumento da esperanza de vida.

O apartheid abarca o sistema sanitario (ata pícaros, mulleres embarazadas, doentes crónicos, infecciosos ou terminais quedaron sen tarxeta) a escola, a vivenda, os dereitos políticos, todas as esferas da vida social.

O boísmo oenegeísta e o reformismo entran no campo da caridade e non da xustiza social, chapotean nunha ética abstracta sen carácter de clase e non apuntan á verdadeira natureza socioeconómica e política do fenómeno que non ten máis solución que a saída clasista e revolucionaria.

Como sinalou Evo Morales, a América migraron os colonizadores europeos, masivamente e sen visado nin permiso. Estiveron roubando riquezas e exterminando ás poboacións orixinarias durante catro séculos.

A emigración masiva procréase tamén hoxe no saqueo capitalista e imperialista. Cando chegan (con vida) do mar, expulsados da súa terra por "os nosos" monopolios, volven ser desposuídos, perseguidos e expulsados por segunda vez.

Aos traballadores nos azuzan uns contra outros, como aos escravos-gladiadores no circo romano. Algúns cambiaban de opinión na area e lanzaban o tridente contra o palco dos funcionarios imperiais. Feitos así foron preparando a derriba do modo de produción escravista.

A quen hai que botar, quen sobra, quen rouba, quen nos quita o traballo, é a clase parasitaria que se enriquece explotando á clase obreira de aquí ou de alá, nativa ou estranxeira. Temos que organizarnos tod@s xunt@s para botalos, a eles si, ao basureiro da historia.

Marina Quintillán

[Fonte: UyL]