A coordinación comunista internacional. Situación e perspectivas.

O carácter internacional da clase obreira traduciuse en varios momentos da Historia na existencia de entidades de vocación internacional, mundial, froito da unión de organizacións e partidos con base estatal pero cunha clara perspectiva da necesidade de dotar aos e ás traballadoras de todo o mundo dalgún tipo de ferramenta que poida ser útil á súa emancipación e que responda ao carácter tamén internacional da explotación capitalista.
A experiencia das tres Internacionais que coñece (e recoñece) o Movemento Comunista Internacional (MCI) é moi rica e facilítanos multitude de ensinanzas sobre as distintas posicións que van xurdindo na construción dunha ferramenta internacional aglutinadora dos distintos destacamentos nacionais da clase obreira, ao mesmo tempo que nos permite elaborar propostas adecuadas á situación actual do noso movemento e que teñan en conta o momento da loita de clases en que nos toca loitar.
Polo menos no plano teórico, os partidos e organizacións comunistas sempre defenderon a necesidade dun traballo conxunto e coordinado para facer fronte aos retos que ten ante si a clase obreira a nivel superior ao estatal, pero esta necesidade devén imperiosa cando os ataques contra a clase obreira e os sectores populares multiplícanse e teñen trazos moi similares en distintos recunchos do planeta. Así, atopámonos cun inimigo de clase que actúa, malia as súas contradicións internas, moi ben coordinado internacionalmente mentres nós non somos capaces de artellar unha resposta consistente que lle poida facer fronte ao mesmo nivel.
A posición do PCPE
Desde o seu nacemento, o PCPE defendeu en todos os foros a necesidade de contar cunha coordinación comunista internacional estábel, avanzada e útil para os partidos comunistas e obreiros do mundo. Non ocultamos que o noso obxectivo neste ámbito é a reconstrución da Internacional Comunista e non nos cansamos de repetir que é necesario dar máis pasos, clarificar máis posicións, discutir máis abertamente e abordar as razóns que nos levan a afirmar que o Movemento Comunista Internacional está inmerso nunha crise que temos que superar máis pronto que tarde.
Nos nosos documentos e nas nosas intervencións reflectimos con claridade que somos moi conscientes de que a situación hoxe do MCI non é a máis adecuada para alcanzar o obxectivo da Internacional Comunista. Son moitas as dificultades ante as que nos atopamos, pero o noso papel é o de traballar, honesta e camaraderilmente, polo que entendemos que beneficia non só ao propio PCPE, como partido comunista da clase obreira en España, senón a todos os partidos comunistas consecuentes que hai no mundo.
Os elementos que dificultan o avance
Un dos elementos que definen a crise do MCI actualmente é que moitos partidos comunistas e obreiros son refractarios á idea de avanzar na coordinación internacional. Non existe, en moitos deles, unha vontade clara de poñer en común cuestións de estratexia e táctica, debates sobre a política de alianzas, sobre as unións imperialistas, sobre o papel do partido de vangarda ou sobre debates ideolóxicos de importancia para as loitas actuais. Na nosa análise, iso débese a distintas razóns:
Existen algúns partidos que non asimilaron a experiencia das anteriores Internacionais e que procederon a analizalas desde unha perspectiva unicamente crítica, non autocrítica, que lles leva a posicións excesivamente cautelosas ante propostas de máis coordinación, pois entenden que iso levaría á imposición das análises dalgúns partidos sobre o resto.
Noutros casos produciuse a asimilación, consciente ou inconsciente, das posicións eurocomunistas, oportunistas en xeral, que se caracterizan pola defensa de “vías nacionais” ao socialismo, exacerbándose así as particularidades dos distintos países e negando, de paso, a validez de certos elementos estratéxicos esenciais e comúns a todos os procesos revolucionarios.
Para rematar está quen suscita que si que hai que avanzar na construción de ferramentas internacionais, pero non exclusivamente comunistas senón de alianza con outros sectores non obreiros, caracterizándoas como “antiimperialistas”, “progresistas” ou “de esquerda”, logrando con iso que a posición netamente de clase, representada polos partidos comunistas e obreiros, se desdebuxe e quede subordinada e condenada a servir de puro soporte de posicións socialdemócratas.
Para o PCPE, partindo do marxismo-leninismo e adoptando unha posición comunista consecuente e que aprende da historia do Movemento Comunista Internacional, todas esas posicións son erróneas e perigosas porque nos conducen a unha situación de atraso respecto ao grao de coordinación do noso inimigo de clase e, en ocasións, a confundir o marco de alianzas e o propio papel dos e as comunistas na loita revolucionaria.
O PCPE xamais negou que haxa que discutir e debater sobre a experiencia das anteriores Internacionais, pero iso non nos impide declarar que é máis necesaria que nunca a unificación de criterios e de loitas no seo do MCI.
O PCPE xamais negou que en cada país haxa que estudar a táctica a desenvolver polos partidos comunistas e obreiros para situarnos máis preto do obxectivo estratéxico da conquista do poder político pola clase obreira, pero ao mesmo tempo recoñecemos que existen unha serie de elementos na teoría revolucionaria, no carácter do Partido Comunista, por exemplo, que son comúns a todos os países, independentemente das súas circunstancias particulares.
O PCPE xamais negou que sexa necesaria a alianza con sectores non obreiros a nivel internacional. De feito é unha das nosas bandeiras a construción dunha Fronte Mundial Antiimperialista, pero ao mesmo tempo dicimos alto e claro que os partidos comunistas e obreiros debemos ter o noso propio ámbito internacional de coordinación que permita visualizar nitidamente as posicións comunistas sen subordinalas a intereses doutras forzas sociais ou dun ou outro país.
Os ámbitos de coordinación comunista en que participamos
Existen, é certo, diversas vías de coordinación comunista internacional nas que participamos e que avanzan con maior ou menor forza. No ámbito europeo están os Encontros Europeos de Partidos Comunistas e Obreiros, que se veñen celebrando regularmente en Bruxelas desde hai varios anos por iniciativa do Partido Comunista de Grecia (KKE). A nivel mundial existe tamén o Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros (EIPCO), que este ano encara o seu 15 edición en Lisboa. Existe tamén o Seminario Comunista Internacional de Bruxelas, cuxa particularidade é a súa apertura a correntes escisionistas do MCI, o que dificulta o logro de acordos estábeis.
Nos documentos do noso IX Congreso fomos bastante claros ao analizar a situación actual dos Encontros Internacionais, sinalando varias críticas relativas á falta de unidade ideolóxica, á multiplicidade de visións tácticas e ata estratéxicas e tamén a unha evidente falta de vontade, por parte de varias organizacións, de facer destes encontros un ámbito serio de, polo menos, discusión política. A excesiva amplitude de temas a tratar e a escasa vontade dunha parte dos participantes por alcanzar acordos concretos, así como certas actitudes prepotentes, elementos que de forma máis ou menos forte danse tamén no Seminario Comunista Internacional, fan que as perspectivas de desenvolvemento dos Encontros Internacionais sexan limitadas.
Desa experiencia práctica xorde a importancia que o PCPE outorga aos encontros de corte máis restrinxido no xeográfico, como o Encontro Europeo, onde a existencia dunha orientación dos debates máis definida, o grao un pouco maior de afinidade ideolóxica dos participantes e o menor número de participantes facilitan que os debates teñan máis contido e os avances sexan algo máis concretos, pero aínda insuficientes.
No ámbito europeo xorde agora unha ferramenta ilusionante, denominada resumidamente Iniciativa Europea de Partidos Comunistas e Obreiros, que pretende dar un paso na superación das problemáticas expresadas ata o momento no resto de ámbitos de coordinación. O PCPE está profundamente comprometido con este proxecto, no que depositamos esperanzas de avance concreto e visíbel nos próximos meses.
Finalmente hai que mencionar o traballo que se realiza no seo da Revista Comunista Internacional. Pese a non ser un marco especificamente ideado para a coordinación de tipo político, senón ideolóxico, a Revista ten efectos indiscutíbeis na unificación de posicións políticas entre os participantes, cun nivel de debate moito máis alto e cuns mecanismos de funcionamento que evitan a posibilidade de introducir actitudes diletantes no seu seo.
Aínda falta moito para poder falar dunha nova Internacional Comunista, pero o PCPE aposta por iso como obxectivo estratéxico nas relacións internacionais e, en tanto non se vaian dando os pasos por parte dos distintos partidos que deberían implicarse, nós seguiremos traballando a  todos os niveis posíbeis, tanto bilaterais como multilaterais, por ir configurando un polo leninista no seo do Movemento Comunista Internacional que permita albiscar, máis pronto que tarde, unha verdadeira e efectiva coordinación comunista a nivel mundial, algo que sen dúbida beneficiará á clase obreira e os pobos do mundo.
Ástor García
[Fonte:UyL]