24 de outubro: FOLGA POLA EDUCACIÓN PÚBLICA!


A clase obreira ten que defender o seu propio modelo educativo

A FOLGA DO 24 DE OUTUBRO TEN QUE SER UN ÉXITO: profesorado, estudantes e familias, todos unidos en defensa da Educación Pública.

A FOLGA EDUCATIVA É NECESARIA PARA FREAR A OFENSIVA DO SISTEMA CAPITALISTA CONTRA OS NOSOS DEREITOS E A NOSA EDUCACIÓN. Decenas de miles de profesores despedidos ou con contratos parciais, conxelación salarial dos empregados públicos, recortes en bolsas, axudas de comedor ou material escolar, aumento das taxas, menos recursos nos colexios e institutos, favorecer a educación privada (para nada gratuíta coas súas cotas, achegas “voluntarias”, etc)... Os recortes en Educación forman parte dunha estratexia global do sistema capitalista: despedir a millóns de traballadores/as, recortar os nosos salarios e os nosos dereitos laborais, as nosas pensións, a nosa sanidade, os subsidios de paro, as axudas sociais. Todo para protexer os beneficios millonarios dos bancos e do gran capital económico.

HAI QUE BOTAR ABAIXO A LOMCE E A ESTRATEXIA UNIVERSIDADE 2015, que, xunto aos recortes, forman parte dun plan do capitalismo para procurar aos poucos a privatización, xerarquización, elitismo e mercantilización da Educación. Eles nin necesitan nin queren aos nenos e mozos de clase obreira cunha boa educación, con acceso á Universidade e con conciencia crítica. Á maioría quérennos como sempre: facendo os traballos máis duros e peor pagados, sen cultura, sen ideas, submisos e con medo.

QUEREMOS UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA AO SERVIZO DA CLASE OBREIRA E DO POBO TRABALLADOR: unha educación totalmente gratuíta e cos recursos suficientes, tanto materiais como humanos, para atender a todo o alumnado, unha educación democrática con participación de toda a comunidade educativa, unha educación laica, crítica e científica, que nos dea formación laboral pero tamén solidariedade, unidade e combate contra a inxustiza.

UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA DE CALIDADE NON SERÁ POSÍBEL NA UNIÓN EUROPEA.

A UNIÓN EUROPEA É UN INSTRUMENTO POLÍTICO AO SERVIZO DO GRAN CAPITAL EUROPEO: a súa función é defender os intereses das grandes multinacionais e os bancos, en especial os alemáns pero en xeral os de toda a UE. Todo o demais debe servir a ese obxectivo.

A UNIÓN EUROPEA IMPÓN DURÍSIMOS RECORTES E PRIVATIZACIÓS PARA SALVAR O SISTEMA CAPITALISTA: as condicións impostas pola Unión Europea para o rescate dos bancos españois resúmense “no fundamental” en reducir salarios e dereitos laborais; e recortar gasto público en pensións, servizos sociais, subsidios, sanidade e educación, despedindo profesorado, subindo as taxas e eliminado bolsas e axudas.

A UNIÓN EUROPEA DEFENDE UN MODELO EDUCATIVO AO SERVIZO DO CAPITALISMO E O IMPERIALISMO EUROPEO: a través dos recortes, do fomento da educación privada e dos plans universitarios (primeiro Boloña, agora Estratexia Universidade 2015), a UE defende unha educación elitista, que cubra as necesidades das empresas capitalistas e que condene a mocidade obreira aos niveis baixos da educación para ser man de obra barata. Estes plans (como o de Boloña) son anteriores á crise, que se usa como escusa dos recortes, e responden a unha estratexia planificada desde hai décadas.

OU OS NOSOS DEREITOS
OU OS SEUS BENEFICIOS

POR UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE,
NON Á UNIÓN EUROPEA

Nin LOMCE, nin recortes, nin educación capitalista
EDUCACIÓN PÚBLICA ao servizo da clase obreira


COMUNISTAS DA GALIZA:
Colectivo Marxista-leninista FORXA!