2 de Novembro: I Festa "Unidade e Loita" [Madrid]


Estamos a trinta anos do nacemento do PCPE, en xaneiro de 1984. Un constante e duro traballo tróuxonos ata este punto do desenvolvemento na recuperación do Partido de Novo Tipo no Estado Español, e chegamos con renovadas forzas a este momento no que a profunda crise estrutural do sistema capitalista se expresa sen ocultamento posíbel, e coloca sobre a mesa a necesidade apremiante do Partido de Vangarda como organización rectora da clase obreira cando arrecia a guerra xeral que a burguesía desata contra as traballadoras e os traballadores deste país.

A celebración, en Madrid, o próximo día 2 de decembro, da I Festa de Unidade e Loita, é unha expresión máis do incremento das capacidades do Partido no actual escenario da loita de clases, produto do seu acertado proxecto político e do esforzo comprometido de toda a súa militancia no combate revolucionario.

Unha Festa que, no seu programa e actividades, condensa as chaves políticas fundamentais da loita de clases na nosa realidade máis inmediata, e, tamén, na loita da clase obreira internacional.

Unha completa mesa redonda sobre a cuestión da unidade da clase obreira, e as propostas para superar o actual fraccionamento sindical -que debilita as capacidades de loita do movemento obreiro fronte ás políticas dos sucesivos gobernos da oligarquía-, permitirá coñecer mellor a aposta do PCPE pola creación de Comités de Unidade Obreira como o instrumento máis eficaz para a superación, na vía da práctica, da estéril pugna entre siglas sindicais.

Outro aspecto importante da Festa será o seu carácter internacionalista, pois nesta ocasión o PCPE contará coa presenza doutros partidos que tamén sustentan a súa acción nos principios do comunismo científico. Con eles celebrarase unha mesa redonda sobre a actual situación do Movemento Comunista Internacional, e sobre a necesidade da construción dun referente forte revolucionario para a organización da loita da clase obreira internacional polo poder obreiro e a sociedade socialista.

O acto central da Festa, será un mitin internacionalista no que participarán -xunto ao PCPE e os CJC-, o PC de Grecia (KKE), o PT de Bélxica (PTB), o PC de México (PCM) e o PC Brasileiro (PCB). Outros partidos están pendentes de confirmación á hora de escribir esta crónica. Un acto político destas características, cunha representación tan significada do Movemento Comunista Internacional, non se realizou en Madrid ata a data. E por iso será unha oportunidade especial á que convocamos a toda a clase obreira, e especialmente aos seus destacamentos máis avanzados.

A Festa complementase con varias actividades culturais, que se poden consultar no programa xeral desta actividade na páxina.

Fronte a deriva “festivaleira” que han ter determinadas festas históricas de antigos partidos comunistas que se pasaron ao campo do oportunismo, o I Festa de Unidade e Loita recupera as mellores tradicións comunistas cun programa de actividades que, dentro do formato dunha actividade lúdica, insere -sen complexos de ningún tipo- a explicación e o debate das posicións políticas e ideolóxicas que hoxe interesan á clase obreira, e, por iso, a Festa insérese como unha actividade máis na liña de confrontación co sistema capitalista de dominación e na loita pola revolución socialista.

O lugar de celebración da Festa, nun dos principais núcleos obreiros de Madrid, no barrio de Vallecas, tamén lle engade un alto valor simbólico a este acontecemento político. Agardámolos na Festa, toda a militancia do PCPE e dos CJC está traballando co maior entusiasmo para cubrir todas as expectativas que se están xerando de face a esta data do 2 de Novembro.

Redacción UyL