O que debes saber sobre as identificacións policiais na rúa.

Resumo do que indica a Lei en relación ao como, cando e por que un membro das forzas e corpos de seguridade do Estado pode requirir que te identifiques mentres circulas pola vía pública, e as obrigacións que eles teñen para cos cidadáns.
Durante os últimos meses estamos asistindo a unha inusual actividade policial nas nosas rúas: manifestacións, reunións, quedadas, acampadas, concentracións; pola rede circulan un gran número de vídeos onde se mostra a diversos membros dos corpos de policía requirindo identificacións e nalgúns casos aparentemente de forma aleatoria e arbitraria así como violenta.
Co obxecto de aclarar un pouco que é o que indica a Lei en materia de identificación policial aquí facemos un breve resumo das diversas leis aplicábeis ao caso:
1º: Principios xerais: segundo o artigo 5 da Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade (LOFCS) en toda actuación policial deben respectarse os seguintes elementos:
a) Adecuación ao Ordenamento Xurídico; aquí di a LOFCS expresamente que se debe actuar con “absoluta neutralidade política e imparcialidade e, en consecuencia, sen discriminación algunha por razón de raza, relixión ou opinión”.
b) Relacións coa comunidade; aquí di expresamente a LOFCS que se debe impedir “no exercicio da súa actuación profesional, calquera práctica abusiva, arbitraria ou discriminatoria que entrañe violencia física ou moral“. Engade: “Observar en todo momento un trato correcto e esmerado nas súas relacións cos cidadáns, a quen procurarán auxiliar e protexer”.
c) Tratamento de detidos, que di expresamente a LOFCS que “Os membros das Forzas e Corpos de Seguridade deberán identificarse debidamente como tales no momento de efectuar unha detención”.
É importante reter estes tres elementos esenciais de toda actuación policial.
En relación á identificación de persoas na vía pública, temos expresamente:
2º: O artigo 20 da Lei Orgánica 1/1992, de 21 de febreiro, sobre Protección da Seguridade Cidadá (LOPSC), este artigo vén dicir o seguinte:
a) Os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade poderán requirir, no exercicio das súas funcións de indagación ou prevención, a identificación das persoas e realizar as comprobacións pertinentes na vía pública, sempre que o coñecemento da identidade das persoas requiridas for necesario para o exercicio das funcións de protección da seguridade que aos axentes encomendan a presente Lei e a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade.
b) Que pasa se unha persoa non se identifica ou non leva identificación?; preveo tamén o artigo 20 desta Lei: de non lograrse a identificación por calquera medio, e cando resulte necesario aos mesmos fins do apartado anterior, os axentes, para impedir a comisión dun delito ou falta, ou ao obxecto de sancionar unha infracción, poderán requirir a quen non puidese ser identificado a que lles acompañen a dependencias próximas e que conten con medios adecuados para realizar as dilixencias de identificación, a estes sos efectos e polo tempo imprescindíbel.
c) E que pasa se simplemente me nego a identificarme sen causa xustificada? Pois nos poderán imputar unha falta prevista no artigo 634 do Código Penal, que di: “Os que faltaren ao respecto e consideración debida á autoridade ou os seus axentes, ou os desobedeceran levemente, cando exerzan as súas funcións, serán castigados coa pena de multa de dez a sesenta días.” ou mesmo de delito se se desen determinadas circunstancias, segundo o artigo 556 do Código Penal aínda que isto xa é máis raro no ámbito que aquí expoñemos.
PERO OLLO. O artigo 495 da Lei de Enxuizamento Criminal estipula que NON podemos ser detidos pola comisión dunha simple falta a non ser que non tivésemos domicilio coñecido.

Moi ben, pero o policía ten algunha obriga nesta materia? SI. Para empezar os elementos que comentabamos en 1º. Pero ademais, segundo o artigo 21 do Real Decreto 1484/1987, de 4 de decembro, sobre normas xerais relativas a escalas, categorías, persoal facultativo e técnico, uniformes, distintivos e armamento do Corpo Nacional de Policía, están obrigados a identificarse de dúas formas:
Se van uniformados deben levar o número de placa na parte superior dereita do uniforme, e ademais deben exhibir o seu carnet profesional se un cidadán así o require. Isto é o que di literalmente este artigo “Os funcionarios que realizan servizo de uniforme acreditarán a súa condición de Axentes da Autoridade co mesmo. No entanto, levarán obrigatoriamente o carné profesional, que será exhibido cando sexan requiridos para identificarse polos cidadáns, con motivo das súas actuacións policiais.”
Xa que logo, en resumo:
Estou obrigado a identificarme? Si, se non se trata dunha identificación arbitraria ou abusiva. O problema estará logo en interpretar se cada caso concreto era ou non arbitrario. En calquera caso, debe existir un motivo aparente para a identificación.
E se non me identifico ou non levo identificación? Poden levarte a dependencias policiais para identificarte por outros medios, a condición de que se faga isto para impedir a comisión dun delito ou falta ou para sancionar unha infracción.
Podo solicitar a identificación ao policía? Si. Débenche mostrar tanto a placa que levan no uniforme como o seu carnet profesional. De feito, primeiro deberían identificarse e logo solicitar a identificación do cidadán. Non hai ningún problema en apuntar os seus datos, deben permitirche facelo.
Lectura recomendada: Operativa na práctica da identificación policial, polo Alférez Jesús González Gutiérrez.
Artigo de Samuel Parra.
[Fonte: eprivacidad]