Día 3 de outubro: xornada internacional de loita da FSM.

Por terceiro ano consecutivo, a FSM (Federación Sindical Mundial), convocou unha Xornada de Loita Internacional en devandita data, a da creación da FSM no ano 1945. Están convocados a participar nela todos os sindicatos de clase do planeta, e as organizacións diversas que se van sumando á loita por acabar co capitalismo, como forma de explotación do home polo home.
 
Este ano, igual que no 2012, as reivindicacións centraranse en 5 eixes: 1) Auga potábel; 2) Alimentos; 3) Educación; 4) Sanidade; e 5) Vivenda. Son os elementos esenciais para ter unha vida digna. Son elementos que os 7.000 millóns de seres humanos poderiamos gozar se o capitalismo e o imperialismo non dirixisen a economía deste planeta.

Hai riquezas suficientes como para abastecer a toda a Humanidade destas necesidades básicas, pero a cobiza das grandes multinacionais lévalos a non preocuparse nin de que violen cada ano a 400.000 mulleres no Leste da República Democrática do Congo (RDC), nin das persoas que morren a diario por falta de auga potábel ou alimentos. As multinacionais sacan millóns de dólares das minas do Leste da RDC e pagan moi ben aos “rebeldes” de Ruanda que explotan as minas de coltán, diamantes, ouro, etc.; rebeldes que usan as violacións para desestruturar as familias das zonas que queren dominar dada a súa riqueza mineira. É só un dos miles de exemplos demostrativos da realidade do capitalismo xenocida.

A FSM, dende o seu 16 Congreso (Atenas, 2011), ampliou enormemente a súa influencia e intervención na loita de clases, que cada vez é máis unha loita mundial.

Os sindicatos de clase sempre fomos internacionalistas, soubemos e explicamos quen é o noso inimigo: o capital con todas as súas plataformas de intervención (FMI, OTAN, UE, etc.) e os seus aliados. Esta batalla de ideas é o elemento esencial para organizar aos traballadores, difundir e ampliar a conciencia de clase, demostrar que cada reivindicación (por pequena e parcial que sexa) ten a ver co fin da explotación do home polo home, coa necesidade de facer a revolución e acabar co capitalismo, creando un mundo socialista.

No socialismo as 5 necesidades básicas citadas (auga, alimentos, educación, sanidade e vivenda) estarán aseguradas como o estiveron e están nos países que construíron ou constrúen o socialismo. O socialismo é o futuro da Humanidade, e así habemos de explicalo ao preparar e realizar, coa clase obreira da nosa contorna, as accións da Xornada Internacional de Loita do próximo xoves 3 de outubro.

Todo tipo de actividades será de utilidade e contabilizarase na sé central da FSM en Atenas, como vitorias da Xornada clasista. Dende folgas (enlazadas coas reivindicacións de cada caso, pero convocadas exprofeso o 3 de outubro e non outro día), ata manifestacións, asembleas, concentracións, entrega de documentos aos responsábeis de resolver os problemas colectivos, reunións, debates, seminarios, mitins públicos, e un longo etc., toda acción sumará e o noso inimigo de clase (que toma sempre nota das nosas loitas) saberá que a FSM e a loita de clases se seguen reforzando.

Debemos facer estas accións da forma máis unitaria posíbel, os CUO, os sindicatos de clase, os sindicatos de empresa, e calquera colectivo que teña conciencia de clase e se poña á beira dos explotados.

Poderemos usar os materiais de propaganda que, como cada ano, difundirá a FSM na súa web:

Tede iniciativa e imaxinación!, seguro que o 3 de outubro volverá ser unha gran Xornada Internacionalista.

Quim Boix, membro do Consello Presidencial da FSM

[Fonte: UyL]