A Clase Obreira ten que trazar o seu propio camiño polo Poder Obreiro, pola República Socialista de carácter confederal e pola autodeterminación dos pobos.

O PCPE chama á clase obreira a non dar nin un minuto de apoio ás manobras da burguesía para tratar de manterse no poder e dar continuidade ao sistema capitalista. 
Crise estrutural e movementos das clases dominantes para tratar de recompoñer a taxa de ganancia e dar continuidade ao seu poder hexemónico, camiñan xuntos no actual desenvolvemento da loita de clases no sistema capitalista internacional, e -tamén- no Estado Español.
Así, o goberno da oligarquía exacerba a cuestión de Xibraltar, xerando unha finxida tensión co goberno inglés, coa intención de distraer a súa continuada agresión contra a clase obreira -a última, por agora, o novo ataque ás pensións- tratando de levantar sentimentos de apoio á súa xestión de goberno “en defensa da soberanía”.
O sistema político español transita por unha profunda crise institucional, que afecta aos mecanismos fundamentais da superestrutura estatal. A monarquía, o sistema de partidos políticos e a mesma credibilidade do sistema democrático-burgués -elementos fundamentais da hexemonía burguesa construídos na chamada Transición- perden capacidade para conter o incremento das contradicións que, nesta situación, danse entre a clase obreira -cada día máis explotada e máis empobrecida-, e a burguesía.
Como consecuencia directa desta situación as contradicións entre as distintas fraccións da burguesía tamén se acrecentan, tratando desesperadamente -cada unha delas-, de buscar unha mellor recolocación na procura dunha saída á actual crise. Quen sempre fixeron causa común para manter a explotación da clase obreira, quen ao unísono apoiaron gobernos e leis antiobreiras, quen colaboraron e calaron en complicidade cos voos secretos da CIA, hoxe buscan novos camiños para dar continuidade á opresión da clase obreira, á extracción da plusvalía e á parasitaria acumulación capitalista; mantendo a súa inserción no polo imperialista europeo, no euro e na OTAN, como mellor garantía para a continuidade da ditadura do capital.
A manipulación dos sentimentos nacionais dos pobos e nacións do Estado, e das aspiracións ao exercicio do dereito á libre autodeterminación, tamén forma parte hoxe destas estratexias das clases dominantes. Nuns casos exaltando o nacionalismo español, e noutros os sentimentos nacionais dos pobos e nacións do Estado.
O PCPE chama á clase obreira a non dar nin un minuto de apoio ás manobras da burguesía para tratar de manterse no poder e dar continuidade ao sistema capitalista. A clase obreira non debe camiñar nunca detrás da súa burguesía, porque iso só lle levará a apertar os grillóns sobre as súas propias mans.
Vivimos na etapa de transición do capitalismo ao socialismo; agora -máis que nunca- a clase obreira ten que transitar o seu propio camiño. O que lle conduza á emancipación da dominación capitalista, confrontando radicalmente coa burguesía que a subxuga e a explota, e destruíndo -sen contemplacións- as bases materiais que permiten e lexitiman esa dominación. A clase obreira, en todo o Estado, e en cada pobo e nación, ten que organizar a súa loita -de forma unida- co obxectivo da construción do poder obreiro e da sociedade socialista-comunista, por unha República Socialista de carácter Confederal, que leve á clase obreira ao poder, e na que os nosos pobos e nacións convivan en pé de igualdade, vendo recoñecidos plenamente todos os seus dereitos e en virtude dunha decisión libre e voluntariamente adoptada. Nese camiño é onde se resolve o exercicio efectivo do dereito de autodeterminación a favor da clase obreira, e dos seus intereses de clase; constituíndose en clase obreira nacional no poder, coa propiedade socialista como base material do novo proxecto histórico. 
Comité Executivo 

16 de setembro de 2013