Comunicados ante a situación en Siria.

Comunicado da Oficina da Prensa do CC do KKE sobre Siria.

O pobo grego ten que pensar moi ben e rexeitar a táctica perigosa coñecida dos imperialistas que organizan e utilizan unha campaña propagandística e enganosa para incriminar o goberno sirio con respecto ao uso de armas químicas, co fin de xustificar o asalto militar contra Siria.

Nesta campaña, e sen probas, xogan un papel de liderado os EE.UU., Francia, Gran Bretaña, Turquía, Qatar e Arabia Saudita, que apoian as chamadas forzas contra o réxime. É dicir, protagonizan as forzas que interveñen nos asuntos internos de Siria á beira das forzas armadas contra o réxime, todo tipo de mercenarios que fornecen con armas para promover os seus plans estratéxicos na rexión.

O pobo acórdase moi ben que os mesmos ou similares pretextos imperialistas foron utilizados para xustificar as guerras contra Iugoslavia, Irak, Afganistán e Libia.

Hai poucos meses houbo evidencia razoábel que declaraba que coa responsabilidade dos chamados grupos antiréxime se usaron en Siria armas químicas, pero isto ocultouse deliberadamente.

O KKE condena a intervención estranxeira nos asuntos internos de Siria e dos demais estados da rexión, condena a preparación dunha nova guerra imperialista e chama ao pobo a esixir que o goberno non participe nestes plans criminais.

Atenas, 23/8/2013.
A Oficina de Prensa do CC do KKE.

_____________


Siria: O imperialismo en crise agónica laza unha nova guerra para tratar de sobrevivir.

O Comité Executivo do PCPE e o Buró Político dos CJC denuncian a escalada belicista das potencias imperialistas contra Siria. As últimas novas parecen indicar a inminencia dun ataque militar imperialista no país, encabezado por Estados Unidos. 

Despois de meses de campaña sistemática de intoxicación informativa e manipulación mediática, encamiñada a presentar unha imaxe criminal do goberno do partido Baaz e aos terroristas islamitas como simples opositores, as últimas declaracións de representantes do goberno de EEUU apuntan a un próximo ataque contra Siria por parte dunha alianza de países imperialistas, pese ao veto de Rusia no Consello de Seguridade da ONU.

O PCPE e os CJC denunciamos con firmeza esta intervención que nada ten que ver con causas humanitarias nin con evitar un baño de sangue da poboación siria, senón que novamente está vinculada á pugna interimperialista polo control dos espazos de influencia e o control e transporte de materias primas, como consecuencia dunha crise capitalista gravísima que agudiza as contradicións no seo do imperialismo, que o imperialismo só pode resolver mediante  o recurso á guerra.

Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Turquía e Israel, por pór só algúns exemplos, deixaron xa ben clara a súa intención de agredir militarmente a Siria, independentemente das decisións que poida adoptar para ese efecto o Consello de Seguridade da ONU, o que simplemente supón a confirmación das actividades só parcialmente encubertas que veñen realizando nos meses pasados: proporcionando armamento de todo tipo e cobertura política aos denominados "opositores", adestrándoos militarmente e ofrecéndolles todo tipo de asistencia.

Como xa dicía unha anterior resolución da CE do PCPE en xuño deste mesmo ano*, teñen cada día máis credibilidade as informacións que indican que o uso de armamento químico en Siria está a ser realizado polas forzas mercenarias opostas ao goberno, en coordinación coas potencias imperialistas, co obxectivo de lexitimar unha operación militar directa que, no caso sirio, podería desencadear un conflito xeral na rexión cuxas consecuencias serían desastrosas.

O imperialismo desenvolve un novo episodio mediático de mentira e engano; os seus domesticados medios de comunicación manipulan e menten sen ningún tipo de limitación. Puidemos comprobalo en Iraq coa inexistencia das armas de destrución masiva que serviron de escusa para a invasión imperialista e que xamais se atoparon, pero que custaron un millón de vidas iraquís.

Por todo o anterior, o PCPE e os CJC realizamos o seguinte chamamento á clase obreira e os sectores populares do noso país:

-A loitar activamente contra o desencadeamento dunha nova guerra imperialista en Siria, así como contra calquera tipo de implicación de España nesta agresión e contra a utilización do territorio do noso país como apoio loxístico a esta guerra.

-A que toda a clase obreira do noso país, e dos países agresores,se neguen a formar parte das forzas de agresión imperialistas, desertando e organizando a loita contra os seus inimigos de clase.

-A continuar impulsando un forte movemento anti-imperialista centrado na defensa da soberanía e a autodeterminación dos pobos, orientado na loita pola conquista do poder obreiro e popular como única posibilidade real de pór fin ás guerras imperialistas.

-A denunciar o gasto militar, e a militarización crecente da nosa sociedade, nunha estratexia parasitaria e suicida das clases dominantes desesperadas ante a entrada no período histórico que marcará a fin da súa dominación.

Vivimos na época da transición do capitalismo ao socialismo. As forzas imperialistas -nesta fase- desenvolverán un grao de violencia superior ao até agora coñecido pola humanidade, e a clase obreira e as organizacións revolucionarias temos a responsabilidade de enfrontar con toda a nosa determinación esta etapa histórica para levar a nosa causa revolucionaria á vitoria, ao socialismo e ao comunismo, enviando ao sistema capitalista ao baúl da historia.

Comité Executivo do PCPE
Buró Político dos CJC
27/8/2013
 



* O PCPE denuncia a escalada da agresión imperialista en Siria.

Chamamos a construír un poderoso movemento anti-imperialista para loitar contra todo tipo de intervencións imperialistas no mundo.

O Comité Executivo do PCPE, denuncia a nova fase da agresión do imperialismo contra o pobo sirio e o seu goberno. Unha vez máis, o pretexto do uso de armas químicas vén utilizarse como coartada para incrementar a intervención das forzas mercenarias no país. Os EE.UU carecen da máis mínima lexitimidade para pretender impoñer unha solución á situación de Siria. Os mestres de todas as ditaduras, os asasinatos selectivos, os secuestradores, os torturadores e os que manteñen prisións secretas repartidas por todo o mundo, non poden erixirse en árbitros da paz mundial.

Hoxe o imperialismo trata de pasar dunha fase de apoio non recoñecido a unha fase de intervención directa, ante o fracaso das forzas mercenarias interpostas, que son liquidadas no combate polo Exército Árabe Sirio.

Teñen máis credibilidade aquelas informacións que afirman que son precisamente as forzas mercenarias, contrarias ao goberno de Bachar el Asad, quen están cometendo todo tipo de atropelos, brutais crimes contra a poboación civil, e utilizando armamento non convencional contra as forzas militares gobernamentais e o propio pobo sirio.

A resistencia popular siria contra esta agresión, que se atopa en fase de ofensiva recuperando parte do territorio, trastornou os plans imperialistas na zona. E por iso, en vista de que a entrega de armas e o apoio loxístico aportado ata a data, así como os bombardeos israelís, non están fornecendo o efecto desexado, desátase un novo episodio que quere abrir a porta á intervención directa no país.

O PCPE afirma que a guerra que se libra hoxe en Siria non é unicamente contra o goberno actual, senón unha etapa máis no proceso político e militar dirixido a lograr o control absoluto dunha zona de gran importancia xeoestratéxica no marco da pugna interimperialista. O imperialismo, na súa fase de crise estrutural acelerada, incrementa as súas políticas de guerra para tratar de recompoñer a creba do seu decrépito sistema económico.

Neste sentido, condenamos todas aquelas posicións que, desde a suposta esquerda, ben por covardía ou ben conscientemente, alentaron a loita das forzas mercenarias contrarias ao goberno sirio ou adoptaron unha posición intermedia, pois están actuando -ante os ollos da clase obreira e os sectores populares do noso país- como lexitimadoras dunha intervención imperialista en Siria.

Chamamos a construír un poderoso movemento anti-imperialista para loitar contra todo tipo de intervencións imperialistas no mundo e, especificamente, en Oriente Medio. Así mesmo, realizamos un chamamento a todas as forzas obreiras e populares a denunciar e rexeitar todo tipo de participación española neste tipo de agresións.

POLA SOBERANÍA DO POBO SIRIO.
POLA SOBERANÍA DE TODOS OS POBOS.
ALTO Ás AGRESIÓNS IMPERIALISTAS

Sábado, 15 de Xuño de 2013