A loita en Megasa.

A loita dos traballadores e traballadoras da planta siderúrxica de Megasa, en Narón, entra na súa segunda fase após un proceso inicial de mobilizacións contra o anuncio do peche da planta, a única que queda en Galiza do sector.

A causa deste conflito é a modificación das tarifas de fornezo eléctrico por interrumpibilidade a favor da competidora directa Celsa, que supuxo unha redución do 75% do seu custo, e na que están implicadas as garantías aos intereses de grupos financeiros cataláns.

Logo da parada técnica do mes de xullo e o forzoso período vacacional, a reanudación do traballo na planta anuncia unha nova situación de baixa actividade, vendo unha diminución dos stocks almacenados de barra de aceiro corrugado para a exportación de 100.000 Tm. a 70.000 Tm.

Fronte a isto, sen que se producise ningunha rectificación e con novas incertezas no próximo horizonte temporal co anuncio dunha enésima reforma normativa eléctrica sobre un novo sistema de poxas en beneficio dos monopolios do sector pese á demagóxica retórica anti-déficit, o comité de empresa retomou as mobilizacións cunha concentración de centenares de traballadores e traballadoras fronte ao Concello de Narón, e outras programadas para o día 19 no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, así como para o día 28, aínda sen concretar.

Máis aló da loita por impedir a pechadura de Megasa hoxe, está que o combate de clase nos leve a demandar a nacionalización dos sectores básicos e estratéxicos da nosa economía, como son, entre outros, o siderúrxico e o eléctrico, e o abrir perspectivas para elevar a loita polo derrocamento deste goberno e do propio réxime, e do proletariado polo seu poder político.

[UyL]

[Fotos: FORXA!]