Galiza contabilizou no pasado mes de xuño 4231 parados/as máis que no mesmo período do ano 2012.

A pesar da caída estacional que habitualmente se produce na época estival a cifra de desempregados/as no noso país sitúase nas 273.434 persoas.

Segundo os datos de paro rexistrado que se veñen de coñecer, Galiza contabilizou o pasado mes de xuño un total de 4231 persoas desempregadas máis que no mesmo período de 2012. A pesar da caída estacional do paro que habitualmente se produce durante a época estival, a cifra de parados/as sitúase no noso país nas 273.434 persoas, salientando tamén o incremento experimentado pola contratación temporal.

Galiza rematou o mes de xuño con 273.434 persoas desempregadas, 4231 máis que no mesmo mes do ano pasado, o que supón un incremento interanual do 1,6%.

O que si baixou foi o número de parados/as con respecto ao mes anterior, xa que en maio había 10.452 persoas máis no desemprego, rexistrándose un descenso do 3,7%. Con todo, trátase de valores habituais nunha época do ano na que as cifras adoitan ter un mellor comportamento a causa da estacionalidade.

Proba disto é que foi no sector servizos onde mellores resultados se acadaron, cunha baixada do 4,3% en Galiza e do 3% no Estado español; a continuación situouse a construción, onde descendeu un 2,8% no noso país e un 2,5 no conxunto do Estado; no sector industrial baixou un 2,28 en Galiza e un 2,48% no Estado.

Outro aspecto que confirma que se trata dunha situación conxuntural é o feito de que a inmensa maioría da contratación foi temporal, xa que só un 6,6% dos 59.745 contratos subscritos foron indefinidos.

Con todo, dende a CIG fan fincapé en que as preocupantes cifras de desemprego que se rexistran no noso país serían aínda moito máis elevadas no caso de que se contabilizasen os milleiros e milleiros de mozos e mozas que abandonan Galiza cada ano en busca dun futuro laboral na emigración.

Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista sosteñen que o feito de que a evolución das cifras do paro sexa semellante á de anos anteriores evidencia que as últimas reformas laborais non están a mudar o comportamento do mercado de traballo.

[Fonte: Avantar]