Diante da traxedia de Compostela.

HAI CULPÁBEIS.

O noso Partido, o PCPE, xa expresou desde o primeiro momento a súa solidariedade na dor coas familias e as vítimas desta terrible desgraza que enloita ao noso pobo galego.

Sen nengún medo a ser acusados de "politizar a traxedia", os Comunistas da Galiza-PCPE somos nós mesmos quen acusamos ao capitalismo insaciable e cobizoso, aos grupos monopolistas como a construtora ACS -Dragados- (adxudicataria do tramo accidentado e doante da caixa B do PP), aos seus serventes políticos que perpetraron os recortes en materia de seguridade e aos seus lacaios xornalísticos que alimentan un morboso e incalificable sensacionalismo destinado a encubrir aos culpábeis directos e indirectos e aos seus cúmplices.

Fabricando e difundindo a hipótese do "atentado" como fixo ABC e a CRTVG.

Fabricando unha campaña de linchamento do maquinista, segundo o modus operandi xa empregado co Metro de Valencia e co petroleiro Prestige.

Silenciando os testemuños de veciños que denunciaron a imposibilidade de acceder á vía e o non funcionamento do heliporto.

Obviando que o trazado do AVE, deseñado ao servizo do beneficio capitalista e de costas á realidade e ao noso entorno xeográfico e humano, responsable do derrubamento de casas e desaloxo de veciños no seu momento, conformou unha curva pechada e perigosa, que obriga a un brusco descenso da velocidade no tramo do accidente, como xa se amosou no momento da súa inauguración en 2011 , destinada a "aforrar en expropiacións".

Ocultando que tamén se "aforrou" non dotando ao tren do sistema de seguridade e freado axeitado ás liñas de alta velocidade, que puido ter evitado este masacre tal como denuncia o Sindicato de Maquinistas.

Calando o feito dos EREs e despedimentos en RENFE, a redución nun 70% do gasto na RENFE destinado ao mantemento. O "estímulo á produtividade" consistente nos descontos salariais aos maquinistas no caso de retraso da chegada do tren.

As autoridades "sanitarias" da Xunta están neste momento desviando ás clínicas privadas de Compostela aos feridos, cando a carón do lugar da traxedia hai un Centro Hospitalario público dotado de quirófanos e instrumental de última xeración cuxas profesionais están de brazos cruzados ante a incalificable decisión das autoridades políticas.

En contraste coas noxentas visitas dos representantes políticos da oligarquía para saír na foto, os comunistas saudamos o heroísmo anónimo dos nosos veciños e veciñas que non dubidaron en lanzarse ao rescate dos feridos, das enfermeiras no paro, dos bombeiros en folga, das interminables fileiras de doantes de sangue, do noso Pobo e da nosa Clase.

Mañá este pobo traballador organizado, xeneroso, solidario, consciente do valor do colectivismo, consciente do valor da solidariedade dos pobos irmáns, collerá o Poder coas súas mans traballadoras e varrerá da nosa terra a ditadura da clase parasitaria que sacrifica as vidas humanas diante do altar do máximo beneficio.

[Fonte: PCPE]