[CUO] Adiante a loita dos traballadores e traballadoras do comercio!

Está máis que visto que a alternativa de achantar con todos os abusos patronais, tratando de pasar desapercibido a ver se así conservo o cada día más precarizado posto de traballo, non dá resultado nin constitúe solución ningunha para as clases traballadoras.

Nestes momentos de duros ataques aos nosos dereitos por parte do capital e dos seus gobernos, o medo ao terror patronal está actuando como un verdadeiro freo para defender as conquistas do pasado que coidabamos que nos pertencían. A súa táctica é paralizarnos polo terror. Cada día séntense máis envalentonados e son máis e máis destrutivas as súas medidas, sabedores de que contan co poder en todas as instancias do sistema de democracia-capitalista, que se inventaron para manternos na explotación.

As asembleas de traballadores e traballadoras do comercio da provincia da Coruña diante do intento da patronal de reducir os nosos salarios, de retirar os complementos por incapacidade transitoria e de precarizar as nosas xornadas laborais, entre outras abusivas pretensións,  e diante da posibilidade de que o convenio colectivo desapareza por aplicación da reforma laboral, decidiron a convocatoria  dunha folga para o día 1 de xullo como resposta. Está é a única arma que temos as clases traballadoras, se non queremos volver á escravitude que ten deseñada para nós e para os nosos fillos este sistema capitalista, ao que chaman democrático e libre!

Os Comités para a  Unidade Obreira (CUO) de Galiza apoiamos esta convocatoria e chamamos a todos os traballadores e traballadoras afectadas a secundala,  xa que a folga e a loita constitúen a única posibilidade de contrarrestar a tendencia de abusos e de empobrecemento a que nos quere someter a patronal.

A clase traballadora do comercio non aceptará submisamente as imposicións patronais, adiante a loita camiño da Folga Xeral!

[Fonte: CUO-Galiza]