Anulado o ERE de peche e traslado de Conservas CUCA.

As traballadoras de  CUCA, empresa de conserva de peixe en Vilaxoán-Vilagarcía de Arousa, levan dende  o pasado mes de decembro enfrontándose a un ERE aprobado polo Grupo Garavilla (Conservas Isabel) polo que se pecha esa fábrica, trasládase ao plantel fixo a outro centro de traballo a 40 kms e despídese ao persoal eventual.

Manifestáronse durante cinco meses  e impediron que se trasladase a maquinaria da empresa cun piquete permanente de 24 horas e un gran apoio veciñal; só a intervención da policía fixo posíbel que parte desa maquinaria saíse.

Mais alén de opoñerse directamente á Empresa, a asemblea, co apoio da UC de Arousa de CC.OO., forzou que o pleno do Concello se pronunciara contra o ERE, que o Parlamento autonómico debatira sobre a súa loita e a represión que sufriron, e que a propia Consellería de Mar  recoñecera que o desmantelamento da maquinaria era unha infracción sancionábel.

A maiores  recurriron á vía xudicial e a Sentencia no Xulgado nº 2 de Pontevedra fallou que o ERE debe ser anulado xa que literalmente di que só persigue “abaratar custes para aumentar beneficios empresariais a costa de perderse postos de traballo”, argumento que é precisamente o que dende o primeiro día estas compañeiras  -cun altísimo grao de comprensión e compromiso de loita sindical de clase-viñan plantexando para opoñerse ao ERE, máis aló de argumentos tamén de tipo técnico-xurídico.

Ante a dilación da Empresa en cumprir esa Sentencia, o mesmo Xulgado acaba de emitir un Auto no que ordena que se reabra de inmediato a fábrica de Vilaxoán con todo o seu persoal e para realizar toda a produción que era habitual.

Por outra banda, tamén a Seguridade Social e o INEM están obrigados á reclamarlle á Empresa importantes  cantidades económicas, e a propia Xunta de Galicia abriu por fin un expediente sancionador ante a contundencia da Sentencia e a preparación de novas e masivas mobilizacións na rúa.