Por un futuro para a clase obreira de Ferrolterra.

Desde os Comités para a Unidade Obreira (CUO) facemos un chamado ao conxunto da clase obreira de Ferrol e da comarca para secundar a folga convocada polo conxunto das centrais sindicais para o día 12 de xuño.
Todos e todas sabemos quen son os responsábeis da situación pola que está a atravesar a comarca de Ferrol. Coñecemos as súas políticas, sabemos que aquí fan promesas e en Bruxelas e na Unión Europea avalan unha política que está a aniquilar non só os dereitos laborais senón tamén a propia forma de vida de millóns e millóns de traballadores que se ven abocados ao desemprego e incluso á miseria e a pobreza máis absolutas.
Esta folga non só serve para loitar polo noso futuro, para esixir solucións para a comarca, senón que ademais forma parte dunha loita mas ampla, precisamente contra as reformas laborais e os recortes que favorecen o abaratamento do despido, contribuíndo así á destrución acelerada do tecido produtivo que tan duramente esta castigando á clase obreira de Ferrolterra.
Por iso esta folga debe servir para avanzar na dirección da convocatoria dunha nova folga xeral contra as políticas criminais do capital e dos seus secuaces, pola retirada da Lei de Reforma Laboral e polo derrocamento deste goberno ao servizo dos banqueiros e dos grandes oligarcas capitalistas.
Temos que recuperar ese espírito obreiro e combativo, aquel que sempre caracterizou a esta cidade, aquel que protagonizou as loitas de marzo do 72 ou as loitas contra a reconversión naval.
Temos que dicir: Xa abonda! Que non estamos dispostos a asumir ese futuro de miseria que nos prometen e o temos que facer nas rúas e nas fábricas facendo folga e participando nos piquetes e nas manifestacións, berrando forte que non queremos una comarca sumida na miseria, que non queremos ter que buscarnos a vida lonxe do lugar onde vivimos e traballamos.
Podemos, a clase obreira unida e organizada pode, acadar grandes obxectivos. As xeracións pasadas así o fixeron e grazas ás súas loitas tiñamos os dereitos que hoxe disfrutabamos. Agora toca loitar para recuperalos e amplialos.
A clase obreira manda!
Sen nós non se move nada.

Participa na asemblea aberta dos CUO que terá lugar o próximo luns día 10 as 19:30 no local do Ateneo Ferrolán.
[Fonte: CUO-Ferrol]