PESCANOVA explota, rouba e minte.

PESCANOVA: MÁIS DE 1200 POSTOS DE TRABALLO CORREN PERIGO SÓ EN GALICIA.

A presentación dun "concurso de acredores voluntario" (curioso eufemismo que trata de esquivar as palabras: "suspensión de pagos") mantén en vilo a 1.260 traballadores/as na Galiza e máis de 10.000 en todo o mundo (8.000 en Latinoamérica). Pescanova constitúe hoxe todo un expoñente de como unha transnacional "modélica" para algúns, pode pór en marcha unha estratexia de acumulación na que non faltan todo tipo de ingredientes: convenientes relacións políticas, elevado risco financeiro, depredación ambiental... e mesmo información privilexiada para a venda de accións agora cuestionada xudicialmente.

Con todo, e a pesar de calquera tipo de interpretacións reformistas sobre o "caso Pescanova" coas que nos tratan de vender fume, o certo é que todo este tipo de prácticas especulativas atopan perfecto acomodo dentro do capitalismo como sistema e só a loita decidida da clase obreira poderá evitar que a súa proposta para recompor a situación se salde como de costume: despedimentos, redución de salarios, incremento de xornadas...

Doutra banda, existen dúbidas máis que razoables de que Pescanova non supoña un caso singular máis, senón simplemente a punta do iceberg do sistema de crecemento e internacionalización seguido por moitas das transnacionais españolas cuxo elevado endebedamento acabe por xerar un novo estalido financeiro que non fará máis que profundar a insuperable crise capitalista e as súas xa tráxicas consecuencias sociais. É máis que necesaria, é vital, unha resposta unitaria de todas as organizacións sindicais e do conxunto dos traballadores/as afectados/as ante a grave situación pola que atravesa o grupo empresarial, reactivando as asembleas e todos os métodos de loita imprescindibles en situacións como esta. Unidade e Loita é para Comunistas dá Galiza (PCPE) a consigna necesaria.

PESCANOVA é una empresa multinacional.

Con 1.500 postos de traballo na Galiza e un total de 10.500 en todo o mundo, aglutina 160 empresas entre sociedades que dependen directamente da matriz, filiais, empresas subsidiarias, sociedades participadas e unions estratéxicas.

A propia marca “Pescanova” está compartida ao 50% coa transnacional Heinz (estadounidense).

Hoxe, Pescanova adebeda máis de 3 millons a máis de 100 entidades bancarias de todo o mundo.

O Banco Sabadell é un dos seus principais acredores.

Ao mesmo tempo, a firma busca un préstamo de 55 millons de euros, que necesita con urxencia.

Entre xaneiro e febreiro, José A. Barreras, presidente de Transpesca e accionista de Pescanova, mandóu vender 700.000 accions. Gañou 11,2 millons de euros con esta operación de desinversión masiva.

En febreiro, P. Nievas (Conselleiro de Pescanova e presidente de Iberfomento) vendeu vantaxosamente, de xeito fraudulento, accions da empresa, recollendo un beneficio de 1.870.000 €.

A investigación sobre este tema poñía en claro a existencia dunha dobre contabilidade.

Comezou así un vistoso desfile de xestores, administradores, auditores, administradores concursais e xuíces do mercantil. Houbo ameazas de demandas que logo non se levarían a cabo, e outras operacións. Todas bastante confusas.

Antes de declararse en concurso de acredores en abril, Pescanova procura vender os seus activos en Chile, esperando gañar perto de 200 millóns de euros por eles, xa que inclúen piscifactorías, plantas de procesamento e dereitos de pesca. (Un dos grandes activos da firma son os dereitos de pesca que ten noutros países e os acordos e subvencións gobernamentais).

Pero non atopou comprador.

Pode que a Fiscalía mande ao cárcere a algún destes Barreras, Sousa, Paz-Andrade ou Pérez-Nievas. Ou que libren pagando unha multa irrisoria. Todos eles teñen substitutos, representantes legais, herdeiros. O roubo continuará en tanto exista o capitalismo.

Diante da súa crise estrutural, ademais, o capital vai cara o gaño rápido, non sempre “seguro” para o investidor, pero sempre letal para nós, a clase obreira.

Gaño rápido pode ser deslocalización das empresas para os países de peor lexislación laboral.

Gaño rápido pode ser forzarnos a que traballemos eiquí nesas mesmas condicións de escravitude.

Gaño rápido pode ser conversión de capital produtivo en produtos financeiros. E perda definitiva de postos de traballo.

Pescanova é hoxe como un xogador compulsivo con débedas.

Se a compañía se liquida, os bancos cobran…Pero qué pasa cos e as obreiras?

E, se a compañía cambia de donos, qué garante a continuidade da plantilla sen perda de dereitos?

Para Pescanova eiquí, para Pesca Chile e para Argenova (filiais principais de Pescanova en América Latina), o futuro das e dos obreiros pendura dun fío.

E como están os outros sectores da produción? Por qué a economía mundial se desacelera ou está a piques de empezar a facelo?

Só o socialismo pode planificar a economía e librala do caos que sofre.

Só a propiedade social dos medios de produción, só a expropiación e o control obreiro pode garantir o respeito á nosa clase, a clase que crea toda a riqueza, a clase obreira.

O capital non é comida, non cura as enfermidades. Só o traballo humano pode facelo.

O capitalismo non serve aos traballadores e significa enormes ameazas para nós. Ameazas de fame e de guerra.

Para lle servir ao capital, e non para outra cousa, estamos no Euro, na OTAN, na Unión Europea, esa que ía supostamente quitarnos de pobres.

Temos a necesidade de formar Comités de Unidade Obreira que unifiquen a loita das traballadoras e traballadores.

En Vigo, Pescanova, a Naval, Telemarketing, a propia Automoción e moitos outros viven momentos difíciles, de perigo. Uns máis que outros? É só cuestión de tempo.

Só unidos podemos derrotar o poder do capital e recuperar o control do que é noso.

Só a unidade pode darlle forza á loita.

Só a loita fai chegar a vitoria.


 
PESCANOVA EXPLOTA, ROUBA, MINTE.
A LOITA É NECESARIA.
EXPROPIACIÓN E CONTROL OBREIRO É O CAMIÑO.

[Fonte: PCPE]