Milleiros de operarios e parados do naval percorren as rúas de Vigo nunha xornada de folga que paralizou os estaleiros privados.

Os empregados/as de Navantia desenvolveron unha concentración solidaria ás portas da empresa pública en Ferrol.


Varios milleiros de traballadores/as e parados/as do naval tomaron, o pasado xoves 20, as rúas de Vigo coincidindo coa xornada de folga convocada pola CIG, CCOO, UGT, ELA e CAT nos estaleiros privados do Estado español. O sector naval da cidade está chamado a unha nova mobilización o vindeiro xoves dende Vía Norte a partir das 20.30 horas. Pola súa banda, empregados/as de Navantia levaron a cabo unha concentración solidaria por espazo dunha hora ás portas da empresa pública en Ferrol.

As cinco centrais decidiron convocar unha xornada de folga nos estaleiros privados do Estado español ante a dramática situación que atravesa o sector, especialmente en comarcas como a de Vigo, onde a industria naval representaba hai catro anos o 30% da riqueza da bisbarra e daba emprego directo a máis de 10.000 persoas. Na actualidade non traballan nos estaleiros da Ría de Vigo nin un millar de operarios/as.

Diante disto, dende a CIG-Metal reiteran a necesidade dun paro xeral na comarca viguesa “xa que o impacto socioeconómico da desaparición do sector sería moito maior que noutras zonas”, tal e como evidencia a propia convocatoria de folga, xa que a maior parte dos estaleiros galegos chamados a secundala (Factoría Naval de Marín, Armón, Metalships, Barreras, Freire, Cardama, Vulcano e Valiña) atópanse na bisbarra.

Os sindicatos valoraron moi positivamente a resposta dos traballadores/as, que participaron masivamente nunha xornada de folga que practicamente paralizou a totalidade das empresas do sector e acudiron á manifestación que percorreu as rúas de Vigo. Pasadas as 10.00 horas concentrábanse no cruce de Colón os distintos grupos de empregados/as que media hora antes partiran das zonas de Beiramar e Teis, así como da Xunta, onde cada xoves a CIG celebra unha concentración de protesta.

A marcha, encabezada por un cadaleito para simbolizar a morte do sector, subiu a rúa Urzaiz cara a Praza dos Cabalos, para a continuación dirixirse ao edificio da Xunta tras baixar por Lepanto e García Barbón. A comitiva fixo unha parada diante da Axencia Europea de Pesca, a carón da igrexa Santiago de Vigo, onde varios operarios treparon até o balón para pendurar varios buzos de traballo.

Unha vez diante da delegación da Administración autonómico interviron representantes das tres centrais. O secretario nacional da CIG, César Rodríguez, incidiu na importancia da mobilización como única vía para lograr superar a crise dun sector “que a Unión Europea está a afogar coa complicidade do Goberno español e da Xunta de Galiza.”

Neste senso, reclamou a resolución “inmediata e favorábel” do expediente da Comisión Europea sobre o sistema de bonificación fiscal coñecido como tax lease e lembrou que as centrais tamén esixen que se demostre que as axudas achegadas ao sector non deberían ser obxecto de devolución.

Finalmente, os sindicatos CIG, CCOO e UGT anunciaron a convocatoria dunha nova manifestación conxunta en Vigo para o vindeiro xoves día 27 de xuño que partirá de Vía Norte ás 20.00 horas.
Concentración solidaria en Ferrol.

Traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol e as industrias auxiliares realizaron este xoves unha concentración entre as 10.30 e as 11.30 horas ás portas do estaleiro público (na zona da reixa onde teñen pendurados os buzos de traballo) en demanda de solucións á gravísima crise que padece o sector e como mostra de solidariedade e apoio aos compañeiros e compañeiras dos estaleiros privados que estaban chamados á folga.

[Fonte: Avantar]