Miles de traballadores/as dos estaleiros de Ferrol mobilízanse en apoio a un compañeiro detido.

Os operarios/as concentráronse diante dos xulgados e posteriormente levaron a protesta até o Concello para pedir a dimisión do alcalde da cidade.

13-06-05 Concentracion detencionMiles de traballadores e traballadoras de Navantia e as industrias auxiliares desenvolvían na mañá deste mércores unha inesperada mobilización diante dos xulgados de Ferrol e as portas do Concello. A protesta solidaria veu motivada tras coñecerse que a policía detivera a un compañeiro no seu domicilio, por mor dos sucesos acontecidos o pasado xoves, logo de que o Goberno local acordase pechar as portas do Concello antes do inicio do pleno municipal.
 
Ao pouco de coñecer a detención, membros do Comité de Navantia concentráronse ás portas da comisaría en apoio ao traballador e para coñecer de primeira man o que estaba acontecendo. O co-responsábel comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, cualificou de “auténtica barbaridade” o feito de que a policía detivera ao traballador no seu domicilio, “porque saben perfectamente por onde se move, xa que é unha persoa pública moi presente no movemento asociativo”. A este respecto, apuntou que con este tipo de actuacións o que se busca realmente é amedrentar aos traballadores/as e o seu entorno familiar.

Paralelamente á concentración na comisaría, no estaleiro tiña lugar unha asemblea improvisada na que os traballadores/as acordaban secundar un paro laboral e achegarse até as portas do xulgado (a onde fora trasladado Xoán Carlos para prestar declaración). Con berros pedindo a liberdade do detido, máis de 2.000 operarios protagonizaron unha concentración para arroupar ao compañeiro, ao que recibiron con aplausos á saída do xulgado.

Tras da declaración, o traballador quedou en liberdade con cargos por un presunto delito de atentado. Nese momento, os miles de traballadores/as de Navantia e as industrias auxiliares decidiron levar a protesta até diante do Concello, onde pediron a dimisión do alcalde de Ferrol.

“Actitude provocadora do alcalde”.

A detención producida este mércores veu motivada polos sucesos do pasado xoves, cando no tumulto para entrar no Concello (coincidindo coa convocatoria do pleno municipal) un axente da policía resultou cun corte nunha man por un cristal da porta que escachou.

Neste senso, Grandal, denunciou a actitude do goberno municipal do PP que “en vez de abrir a casa do pobo aos traballadores/as péchalles as portas”. O responsábel sindical cargou as tintas sobre o alcalde ferrolá, ao que nomeou de “gran culpábel” non só por non buscar solucións á situación do naval, senón tamén pola súa “actitude provocadora” pechando as portas do Concello á cidadanía.

Grandal enmarcou a detención do operario de Navantia na estratexia seguida polo Partido Popular de desviar a atención da “situación calamitosa” que vive a comarca e á falta de solucións políticas á mesma, co obxectivo de centrar os titulares na criminalización da resposta social que dá, precisamente, contra a crise e as políticas de recortes.

A folga xeral comarcal do vindeiro 12 de xuño, está agora, se cadra, aínda máis xustificada.

[Fonte: Avantar]

_______________________________________

Compartimos imaxes, a pesar da mala calidade, da mobilización obreira e popular que o pasado xoves, 30 de maio, paralizou o pleno municipal no concello de Ferrol:







[Imaxes cedidas á Revista Dixital polos CUO-Ferrol]