[Grecia] Folga pola televisión pública.

Con concentracións militantes e coa forte presenza das forzas clasistas, os traballadores en Grecia protestaron contra a decisión do goberno de pechar repentinamente a radiotelevisión grega (ERT) deixando no paro a 2.600 traballadores. A. Samarás que é o líder do partido conservador ND, baixo o pretexto do “aforro dos fondos públicos” e a “loita contra a corrupción”, tomou esta decisión desviando tanto o parlamento como os seus “socios” gobernamentais, é dicir o PASOK socialdemócrata e a DIMAR “esquerda”, que xuntos poñen en práctica a liña política antipopular.

Esta decisión foi denunciada polo KKE e outros partidos da oposición. O mércores 12 de xuño, o Secretario Xeral do Comité Central do KKE, Dimitris Koutsoumpas, visitou a sé da ERT expresando a plena solidariedade do KKE cos traballadores da ERT, subliñando a necesidade da loita conxunta para a defensa da radiotelevisión pública, da propiedade pública, que é unha riqueza que lle pertence ao pobo.

O mércores 12 de xuño pola tarde, Dimitris Koutsoumpas falou nunha concentración do KKE na cidade de Larisa sobre a proposta política do KKE e respondeu aos argumentos do primeiro ministro: “O primeiro ministro no seu discurso hoxe, tratou de xustificar o inxustificábel sen ter conciencia, sen asumir ningunha responsabilidade para os gobernos nos que participou o seu partido, a ND, e el mesmo en canto á enorme destrución de forzas produtivas que ha ter lugar, sobre todo a forza de traballo así como a destrución de moitas empresas pequenas, levando ao desemprego e á creba a miles de traballadores. Fixo todo o posíbel para ocultar o feito de que o culpábel básico é a vía de desenvolvemento capitalista, a rendibilidade capitalista duns poucos, que el e o seu partido lles serven.

Fixo varias manobras acrobáticas, algunhas veces culpando o socialismo que coñecemos no século 20, outras veces culpando aos traballadores no sector público e especialmente na ERT, ou os intereses sectoriais e os privilexios. Con todo, o sector público capitalista distorsionado, que supostamente denuncian, é unha creación do sistema ao que serven el e xente como el. Os traballadores, o pobo de Grecia, deben loitar por un sector público diferente, sen empresarios, sen monopolios, cos monopolios socializados, polo poder obreiro e popular, co pobo dono do seu país”.

Cómpre sinalar que o KKE proporcionou a frecuencia da televisión da canle 902 para que puidese ser transmitido o programa televisivo dos xornalistas da ERT que están en folga, mentres que o portal do KKE (http://902.gr/ ou http://902.gr/902live.htm) transmite un fluxo continuo de información.

O xoves 13 de xuño lévase a cabo en Grecia unha folga xeral no sector público e privado contra esta decisión do goberno. En decenas de cidades do país a Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME) leva a cabo concentracións no marco da folga, mentres que en Atenas a concentración ten lugar na zona onde está a sé da ERT, onde se reuniron miles de traballadores desde o primeiro momento.


[Fonte: KKE]