Declaración do CC do TKP: Con toda certeza se creará a alternativa para a clase obreira.


1. Desde hai días Turquía está sendo testemuña dun xenuíno movemento popular. As accións e protestas, que empezaron en Estambul e estendéronse por toda Turquía teñen un carácter de masas, lexítimo e histórico. O máis importante de todo é o cambio no ánimo da xente. O medo e a apatía superáronse e a xente gañou autoconfianza.

2. O Partido Comunista de Turquía foi parte do movemento popular desde o comezo e mobilizou a todas as súas forzas, tratando de incentivar o carácter proletario e revolucionario do movemento, esforzándose para impregnalo dunha actitude madura de disciplina, organizou numerosos actos e manifestacións. Neste proceso, as forzas policiais levaron a cabo fortes ataques contra a nosa sé en Ankara. En toda Turquía, varios membros do partido foron feridos e detidos. houbo varios intentos de secuestro de cadros do noso partido. Pero as provocacións contra o noso partido foron derrotadas.

3. O noso énfase sobre o papel do TKP non pretende subestimar a natureza espontánea do movemento ou a contribución doutros actores políticos. Ao contrario, o TKP insiste en que este movemento ten un aspecto que vai máis aló do impacto dun ou outro actor político ou de calquera tipo de oportunismo político.

4. A mensaxe das masas ao goberno para que dimita é unha absoluta verdade deste movemento. Aínda que é obvio que unha alternativa de esquerda non pode construírse “agora mesmo”, esta esixencia debe expresarse con claridade. Esta opción para o pobo traballador pode xerarse unicamente mediante o aproveitamento da enerxía que xurdiu neste momento histórico. O TKP centrarase nisto e denunciará o verdadeiro sentido de alternativas como “a formación dun goberno nacional”, que é seguro que se plantexará para enganar ás masas traballadoras ao facerlles pensar que a crise pode superarse dese xeito.

5. Sen dúbida, os detentores do poder político intentarán acougar á xente, instituír maior control e ata intentarán utilizar a situación para o seu propio beneficio. É posíbel que logren éxitos temporais. Ata nese caso, o movemento popular non sería inútil. O TKP está preparado para un período de tenaz pero intensa loita.

6. Para actuar de forma concertada, diferentes ramas do movemento socialista que comparten obxectivos e preocupacións teñen que analizar a aparición deste movemento popular inmediatamente. O TKP, sen interromper as súas tarefas e actividades diarias, vai actuar con responsabilidade no referente a isto e esforzarase para crear un terreo común en liña coas esixencias urxentes que se expresan máis abaixo.

7. Para anular os plans do goberno tendentes a clasificar e dividir ao movemento popular entre lexítimo e ilexítimo, todas as forzas teñen que evitar dar pasos que poidan causar dano á lexitimidade do movemento. É o poder político quen ataca. A xente debe defenderse, igual que actúa correctamente, pero nunca caer nas trampas da provocación gobernamental.

8. Mentres as masas cantan a consigna “goberno dimisión”, as negociacións limitadas ao futuro do parque Taksim-Gezi non teñen sentido. O goberno pretende non entender o feito de que a antiga balanza foi alterada de forma fundamental e de que non pode restaurarse. Todo o mundo sabe que o movemento popular non é o produto da susceptibilidade cara ás árbores do parque Gezi. A ira do pobo vai máis aló dos proxectos de transformación urbana: trátase do terrorismo de mercado, das abertas e directas intervencións nos diferentes estilos de vida, o americanismo e a subordinación aos EEUU, as políticas reaccionarias ou a inimistade co pobo sirio. O AKP non pode enganar á xente cun discurso do tipo “plantaremos máis árbores dos que talaremos”.
 
9. Mentres nos poñemos máns á obra para crear unha alternativa do pobo traballador, o movemento necesita apoiarse nalgunhas demandas concretas.

Estas demandas son válidas no caso de que dimita o goberno ou Erdogan:

a) O goberno debe anunciar a cancelación dos proxectos que implican a demolición do parque Gezi e do Centro Cultural Ataturk.

b) Liberdade para os detidos durante a resistencia e retirada inmediata de todos os cargos contra eles.

c) Todos os funcionarios cuxos crimes contra o pobo sexan demostrados polos informes das comisións que formou a Unión de Colexios de Avogados e os Colexios locais deben ser relevados das súas tarefas.

d) Deben cesar os intentos de dificultar o dereito da xente a obter noticias veraces sobre os acontecementos.

e) Deben cesar todas as prohibicións relativas a reunións, manifestacións e marchas.

f) Deben retirarse todos os obstáculos de facto ou de iure que impiden a participación política do pobo, incluíndo a barreira electoral do 10% e os artigos antidemocráticos da “lei de partidos políticos”.

g) Deben cesar todas as iniciativas postas en marcha para tratar de impoñer un estilo de vida único a todo o pobo.

10.Estas demandas urxentes en ningún caso afectarán ao noso dereito e obrigación de continuar coa oposición ao poder político. A reacción popular ao goberno debe reforzarse e débense centrar os esforzos en suscitar unha verdadeira alternativa ao escenario político.

11. A bandeira turca da estrela e a lúa, na que se envolvían quen realizaban os ataques reaccionarios e chovinistas contra os traballadores, a xente de esquerda e o pobo kurdo tras o golpe militar fascista do 12 de setembro de 1980 foi quitada agora polo pobo das mans do fascismo e entregada ás honorábeis mans de Deniz Gezmis e os seus camaradas, como bandeira en mans do pobo patriótico.

12. O movemento popular, desde o seu inicio, ignorou a sinistra estratexia tendente a enfrontar a unha comunidade con outra en Turquía. Esta actitude debe manterse con sumo coidado, deixando sen espazo ao chovinismo ou ao vulgar nacionalismo.

13. Aos nosos irmáns e irmás kurdos, xa lles dixemos que “Non pode haber acordo de paz co AKP”. Non pode haber acordo cun poder político a quen a súa propia xente deu as costas, e cuxa verdadeira cara foi desvelada. Os políticos kurdos deben deixar de “albergar esperanzas de continuar falando co AKP” e converterse nun forte compoñente dun movemento popular unido, patriótico, laico e traballador.

14. Os nosos cidadáns que perderon a vida a mans da policía ou do poder político, sacrificaron as súas vidas en nome dunha loita xusta e histórica. O pobo nunca esquecerá os seus nomes, e quen son responsábeis das súas mortes responderán ante a lei.

Comité Central - Partido Comunista de Turquía.

4 de xuño de 2013
[Fonte: TKP]
- Traducido por FORXA! -