Comunicado ante as mobilizacións convocadas pola CES, CCOO, UGT e USO para os días 15 e 16 de Xuño baixo o lema “por unha Europa máis social e democrática”.

As centrais sindicais de CCOO, UGT e USO responderon ao chamamento da Confederación Europea de Sindicatos (CES) “Por unha Europa máis social e democrática” convocando manifestacións nas principais cidades para os días 15 e 16 de Xuño.

Ante esta convocatoria o Comité Executivo do Partido Comunista quere facer públicas as seguintes consideracións:

1º.- Transcorridos máis de cinco anos desde o estoupido da crise estrutural que golpea aos principais países capitalistas, cada día somos máis quen nos mobilizamos en defensa dos dereitos conquistados pola clase obreira e os sectores populares, gravemente ameazados polos distintos gobernos e pola Unión Europea. Crece a indignación cunhas institucións ao servizo da oligarquía que, perseguindo como único obxectivo perpetuar o capitalismo e garantir altos beneficios para os monopolios, eliminan os nosos dereitos sociais e laborais, converten en papel mollado o dereito á sanidade ou á educación, recortan os dereitos democráticos e as liberdades e intensifican a represión contra quen se opoñen aos seus propósitos.

2º.- A Unión Europea, con independencia das contradicións que poidan existir nun ou outro momento entre os estados membros, representa os intereses comúns dos grandes capitalistas europeos en contra da clase obreira e das maiorías populares. É un instrumento en mans dos monopolios para esmagar os nosos dereitos. Ao mesmo tempo, a UE trata de representar os intereses unificados dos monopolios europeos nun escenario internacional caracterizado pola loita entre distintas potencias imperialistas por un novo reparto de mercados e materias primas a escala mundial, incrementando os perigos dunha confrontación bélica a gran escala.

3º.- As políticas impulsadas pola UE non son casuais, diríxense nun sentido único en contra dos traballadores e traballadoras e dos pobos. A Unión Europea foi creada para servir ao gran capital e para tratar de esmagar ao movemento obreiro e aos países socialistas do leste europeo, constituíndose como unha unión interestatal de carácter imperialista imposíbel de reformar a favor dos pobos e dos traballadores e traballadoras dos nosos países. Non existirá unha Unión Europea máis social e democrática, senón unha UE cada día máis reaccionaria, máis enfrontada aos dereitos da maioría traballadora e máis agresiva militarmente.

4º.- A convocatoria da CES baixo o lema “Por unha Europa máis social e democrática”, apoiada polo denominado Partido da Esquerda Europea, é unha decidida aposta da socialdemocracia europea para impoñer unha xestión keynesiana da crise capitalista fronte á liña de xestión neoliberal, sempre en beneficio dos monopolios e contraria, xa que logo, aos intereses da clase obreira dos países membros. Tanto nun caso como noutro se intensificará a explotación que sufrimos, recortaranse os dereitos sociais e intensificaranse as privatizacións. Non haberá unha saída social á crise dentro do capitalismo, do mesmo xeito que non é posíbel unha UE democrática e social no imperialismo.

5º.- O PCPE chama á clase obreira a participar masivamente nas mobilizacións convocadas como forma de rexeitamento ás políticas do Goberno e da Unión Europea. Ao mesmo tempo, chamamos a combater a consigna de “por unha UE máis social e democrática”, por ser un auténtico engano aos traballadores e traballadoras e conducir ao movemento obreiro e sindical ao calexón sen saída que representa a UE.

6º.- As manifestacións convocadas nas principais cidades do país deben converterse nun verdadeiro clamor obreiro e popular en contra da UE, esixindo o non recoñecemento da débeda, a insubmisión ante as medidas impostas polo Goberno e a Troika, e a saída do país de toda alianza imperialista, sexa a UE ou a OTAN. A ruptura coas alianzas imperialistas e a loita polo poder obreiro e popular, polo socialismo, son a única saída real á crise capitalista para a clase obreira, para os profesionais, autónomos, pequenos comerciantes e pequenos campesiños.

POLA SAÍDA DA UE, DO EURO E A OTAN!

POLO PODER OBREIRO E POPULAR!

TODO PARA A CLASE OBREIRA!

[Fonte: PCPE]
-Traducido po FORXA!