Ante a escalada da agresión imperialista en Siria.

O Comité Executivo do PCPE, denuncia a nova fase da agresión do imperialismo contra o pobo sirio e o seu goberno. Máis unha vez, o pretexto do uso de armas químicas vén utilizarse como coartada para incrementar a intervención das forzas mercenarias no país. Os EE.UU carecen da máis mínima lexitimidade para pretender impor unha solución á situación de Siria. Os mestres de todas as ditaduras, os asasinatos selectivos, os secuestradores, os torturadores e os que manteñen prisións secretas repartidas por todo o mundo, non poden erixirse en árbitros da paz mundial.

Hoxe o imperialismo tenta pasar dunha fase de apoio non recoñecido a unha fase de intervención directa, diante do fracaso das forzas mercenarias interpostas, que son liquidadas no combate polo Exército Árabe Sirio.

Teñen máis credibilidade aquelas informacións que afirman que son precisamente as forzas mercenarias, contrarias ao goberno de Bachar al Assad, quen están a cometer todo tipo de atropelos, brutais crimes contra a poboación civil, e utilizando armamento non convencional contra as forzas militares gobernamentais e o propio pobo sirio.

A resistencia popular siria contra esta agresión,  que se atopa en fase de ofensiva recuperando parte do territorio,  trastornou os plans imperialistas na zona. E por iso, en vista de que a entrega de armas e o apoio loxístico achegado até a data, así como os bombardeos israelís, non están a fornecer o efecto desexado, desátase un novo episodio  que quere abrir a porta á intervención directa no país.

O PCPE afirma que a guerra que se libra hoxe en Siria non é unicamente contra o goberno actual, senón unha etapa máis no proceso político e militar dirixido a acadar o control absoluto dunha zona de grande importancia xeoestratéxica no marco da pugna interimperialista.  O imperialismo, na súa fase de crise estrutural acelerada, incrementa as súas políticas de guerra para tentar recompor a creba do seu decrépito sistema económico.

Neste sentido, condenamos todas aquelas posicións que, desde a suposta esquerda, ben por covardía ou ben conscientemente, alentaron a loita das forzas mercenarias contrarias ao goberno sirio ou adoptaron unha posición intermedia, pois están a actuar -ante os ollos da clase obreira e os sectores populares do noso país- como lexitimadoras dunha intervención imperialista en Siria.

Chamamos a construír un poderoso movemento anti-imperialista para loitar contra todo tipo de intervencións imperialistas no mundo e, especificamente, no Oriente Medio. Asimesmo, realizamos un chamamento a todas as forzas obreiras e populares a denunciar e rexeitar todo tipo de participación española neste tipo de agresións.

POLA SOBERANÍA DO POBO SIRIO
POLA SOBERANÍA DE TODOS OS POBOS
ALTO ÁS AGRESIÓNS IMPERIALISTAS

[Fonte: PCPE-Comunistas da Galiza]