Precisamos una folga, centos, miles…da clase obreira para a educación pública.

Os CUO chaman á participación masiva de toda a clase traballadora e estudantado na folga educativa do 9 de maio. Ese día debemos demostrar que todo o conxunto da clase traballadora está contra os recortes sociais, pola educación pública de calidade e contra o anteproxecto da LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa).
A LOMCE non busca ningunha mellora pedagóxica nin se basea en estudos científicos, simplemente é a lei que necesita a oligarquía nestes momentos de crise estrutural do capitalismo para situar aínda máis o sistema educativo ao servizo dos intereses empresariais. É un anteproxecto que non beneficia nin a traballadores/as, nin ao estudantado, só beneficia ao empresariado. Reduce aínda máis a democracia nos centros, dá poderes de xestor empresarial e de recursos humanos ao director do centro, permite subvencionar centros privados que fomentan o machismo, introduce aínda máis conceptos empresariais tanto nos obxectivos da lei (o alumnado será valorado polo súa “empregabilidade”, non polos seus coñecementos culturais e científicos), como nas materias, culpa ao profesorado da situación da educación pública, empeora o currículum académico, reduce as opcións e introduce máis trabas para o alumnado con ata catro reválidas, vincula os resultados académicos á obtención de recursos ou non, a FP dual supoñerá man de obra barata para o empresario (o alumnado poderá dar ata un 70% da formación na empresa), etc. É, xa que logo, un deterioro brutal da calidade educativa para os fillos da clase obreira e para os dereitos e condicións dos/as traballadores/as da educación. Búscanse multitude de vías para privatizar a educación pública e facer dun dereito básico para a clase obreira en obxecto de mercancía, aos poucos iremos pagando por todas as esferas da educación, obrigatoria ou non, como xa ocorre en educación infantil ou universitaria.

O próximo 9 de maio a clase obreira terá unha nova oportunidade para evidenciar que as Folgas son unha demostración de forza colectiva. É evidente que cunha soa Folga non imos parar o anteproxecto… pero se ese día somos miles de traballadores/as e estudantes os que bloqueamos o sistema educativo, os que saímos á rúa a manifestar toda a nosa rabia, a demostrar que a educación pública é nosa, creedes que non supoñerá un salto cualitativo na nosa conciencia de clase? creedes que ao acabar a xornada de loita non nos iremos coa sensación de saber que nós somos a forza e o traballo? a oligarquía atacará igual?

Non necesitamos unha soa Folga, necesitamos centos delas e que sexan o inicio dunha mobilización continuada para demostrar a nosa forza. É inadmisíbel que a folga se convoque a final de curso, deberemos loitar porque non sexan as cúpulas sindicais as que marquen o calendario mobilizador e sexa o estudantado e a clase traballadora unida a que vaia convertendo cada centro de estudo-traballo nun foco de defensa da educación pública de aquí en diante. Debemos crear asembleas de traballadores, de estudantes e buscar sempre a unidade con independencia da afiliación sindical. Os CUO nacen como ferramenta da clase obreira para impulsar ese traballo e superar o sectarismo e a división sindical que non xera nada positivo entre a clase obreira.

Hoxe en día, non nos podemos permitir ser endebles, impasíbeis ou ser unha clase social dividida por distintos intereses. Necesitamos unha folga, centos, miles… da clase obreira para a educación pública.

Cómités para a Unidade Obreira
7/5/2013


[Fonte: CUO]