O Goberno de Grecia emite un decreto que podería levar ao cárcere a profesores que fagan folga.

O Goberno de Grecia, dirixido polo conservador Andonis Samarás, emitiu un decreto de mobilización forzosa do profesorado para evitar a folga que ameazaban con levar a cabo o sindicato de traballadores de ensino secundario (OLME) a partir do próximo día 17, cando comeza o período de exames de selectividade.
O decreto, que recollen os medios gregos, foi publicado este sábado no Boletín Oficial do Estado e dicta a “mobilización forzosa”, cuxo incumprimento pode ser penado ata con varios meses de cárcere, de todos os profesores de secundaria debido á “urxente necesidade de previr a ameaza” derivada da decisión da executiva do sindicato OLME de iniciar o proceso de convocatoria da folga.

“O goberno debe salvagardar os exames de admisión ás universidades que están ameazados de anulación pola decisión da OLME”, declarou aos medios o ministro de Educación Pública, Konstantinos Arvanitópulos.

“O decreto é vergonzoso e horroroso”, declarou á radio privada Skaï o secretario xeral do sindicato Zemis Kosyfakis: ”Non só prohibe o dereito de folga senón tamén a posibilidade de que poda ser declarada”.

“É unha postura ditatorial”, foi a reacción do deputado Dimitris Papadimulis, do principal partido opositor, Syriza, que recordou que é a terceira vez en oito meses que o Goberno procede á mobilización forzosa dalgún sector en folga.

Un sindicato que logra paralizar o ensino.

Con todo, OLME decidiu manter as asembleas de base para decidir sobre a súa proposta de folga a partir do 17 de maio en protesta polas medidas de austeridade que se lles aplicarán, que inclúen aumento de horas lectivas semanais e despedimento de mestres interinos.

OLME é o único sindicato de profesores de ensino secundario e todos os profesores do país teñen dereito a participar nas asembleas, cuxas decisións son vinculantes, polo que ata que as bases non aproben a convocatoria de folga decidida pola executiva, esta non ten efecto.

O sindicato non adoita convocar folgas facilmente pero cando o fai é durante semanas e logra a completa paralización do Ensino Secundario.

As últimas folgas na Educación convocadas por OLME producíronse en 2006, cando os profesores a mantiveron durante 25 días, e en 1997, cando se prolongou durante 9 semanas, en ambos casos para esixir aumentos salariais e que concluíron con certas concesións por parte do Goberno.

[Fonte: LMO]