Nina Andreeva: "Non podo renunciar aos principios" [Cúmprense 25 anos da súa carta ao CC do PCUS]

[Nina Andreeva saltou á fama en 1988 após a publicación dunha carta en que criticaba a Perestroika e a Gorbachev. Militante do PCUS desde 1966, nos últimos anos da URSS encabezou a Plataforma Bolxevique do PCUS, embrión do Partido Comunista dos Bolxeviques de Toda a Unión, do que Andreeva é Secretaria Xeral. Esta entrevista publicouse no xornal ruso Prensa Libre (Свободная Пресса) a principios de abril. Tradución propia.]

Nina Andreeva sigue comprometida cos principios un cuarto de século despois.
 
O 13 de marzo cumpríronse 25 anos dun feito que probabelmente hoxe poucos lembren, mais que na súa época provocou enormes reaccións tanto nos partidarios como nos detractores da Perestroika na URSS. Falamos da publicación, no xornal ruso Rusia Soviética (Sovietskaya Rossiya), dun artigo escrito por unha profesora non numeraria de Leningrado, Nina Andreeva, titulado “Non podo renunciar aos principios”, que foi o primeiro en que se criticaba con contundencia e desde abaixo as políticas de Gorbachev.

En poucos días, o artigo foi reimpreso en case mil xornais de toda a Unión Soviética. Os editores do xornal e a propia Nina Andreeva recibiron milleiros de cartas de solidariedade e tamén, de condena.

O artigo asustou de verdade aos arquitectos da Perestroika. No curso do mes seguinte á súa publicación, as autoridades non souberon que dicir. O ideólogo da Perestroika, Alekxandr Iakovlev, estivo a piques de dimitir, mais Gorbachev non llo permitiu. Diante da insistencia do primeiro, a carta de Nina Andreeva debateuse no Politburo do PCUS. Como resultado deste debate, Iakovlev escribiu o artigo “Principios da Perestroika: o pensamento e a acción revolucionaria”, que o Pravda publicou o 5 de abril. Nel, a carta de Nina Andreeva foi rebautizada como “Manifesto das forzas anti-Perestroika”.

Hoxe, 25 anos despois, as cuestións formuladas por Nina Andreeva na súa carta continúan a ser relevantes e controvertidas. Para uns, é a Casandra que augurou a morte da civilización soviética, mais para outros, é un símbolo retrogrado e reaccionario. Asemade, o actual goberno tenta coquetear coa poboación a botar man, con moita ambigüidade, do legado da época soviética, como por exemplo o constante debate verbo de volver renomear Volgogrado como Stalingrado.

Por todo isto e por todo o que cambiou nestes anos, decidimos falar coa autora da famosa carta, Nina Andreeva.

- Nina Andreeva, por favor, dígalle aos nosos lectores por que escribiu a carta. Foi no momento en que comprende claramente cara a onde se dirixe o país?

Decateime de que o país non ía na dirección correcta ao analizar as declaracións do propio Gorbachev e as dos medios occidentais.

Nos oitenta, a sociedade soviética vivía entre a excitación e a confusión. Á cabeza do Estado chegou un xove Secretario Xeral do Comité Central do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS), Mikhai Gorbachev, espertando ilusión en moita xente que deu a benvida á Perestroika. Por que? Nesa época había moitas cuestións por resolver e a sociedade demandaba cambios. Entre as principais preocupacións estaban a deformación do socialismo e do Partido, xunto coa dexeneración ideolóxica do PCUS. De facto, existía unha ruptura entre o pobo e o Partido. E todo isto nun contexto de aberta “demostración” por parte das elites intelectuais da súa natureza antisoviética. Lembre, por exemplo, o repertorio antisoviético nos teatros, especialmente nas postas en escena de M. Shatrova, os numerosos artigos na prensa a difamaren o período soviético, as mentiras contra Stalin, o desprezo aos veteranos da guerra, a campaña para reducir a importancia historia do papel da Unión Soviética na Gran Guerra Patriótica e na Segunda Guerra Mundial, e moitos exemplos máis.

Todos estes asuntos estaban a ser discutidos abertamente na sociedade. Eu, como profesora universitaria e coordinadora de grupos de estudantes, falaba, loxicamente, destes temas candentes co meu alumnado. A demagoxia e as mentiras de Gorbachev conseguiran que a maioría da xente non entendese o que realmente estaba a pasar e o que implicaba a Perestroika. Eu estaba en contra de moitas das cousas que pasaban nese xiro de 180 graos da historia, polo que, no verán de 1987, mandei un extenso artigo coa miña opinión a un xornal. Publicouse parte do meu artigo. En xaneiro de 1988 escribín unha réplica a un artigo no mesmo xornal, Leningrado Obreiro (Ленинградский рабочий), mais foi ignorado. En febreiro de 1988 tivo lugar o Pleno do CC. do PCUS en que Iegor Ligachev formulou os mesmos problemas que eu tratara nas miñas dúas cartas ao Leningrado Obreiro. Enviei copias dos meus dous artigos a catros xornais, incluíndo Rusia Soviética. Este último publicou un artigo que era unha versión agrupada e abreviada das miñas dúas cartas.

- Cando escribía o artigo, pensou nalgún momento que podería cambiar a súa vida? Que podería convertela nunha figura pública e política?

Non, non pensaba niso, non buscaba “fama”. Tratábase simplemente de que eu, como militante do PCUS, como profesora e como muller soviética, quería expresar a miña opinión dos verdadeiros obxectivos da Perestroika, opinión froito da análise dos acontecementos no país e a reacción que estes provocaban no Occidente. Como por exemplo, a nova interpretación que fixo Gorbachev das iniciais URSS na ONU en 1987: Unión de Repúblicas Soberanas Soviéticas…

Coa miña carta quería chamar a atención do pobo soviético sobre o significado real da Perestroika, e quería que a xente pensase no futuro do seu país.

- O seu artigo foi a primeira voz crítica coa política do Partido e do goberno desde unha posición de esquerdas. Como pensa que tería evolucionado o país de as altas esferas faceren caso a vostede e aos seus seguidores?

O modo subxuntivo non é aceptábel en historia. Mais se os dirixentes do país non fosen case todos contrarrevolucionarios –porque a maioría dos altos cargos do PCUS eran conformistas por natureza, pola propia esencia da nomenclatura, e foron uns perfectos condutores da política da “Gorbastroika”- daquela sería posíbel conseguirmos afastar a Perestroika e comezar a resolver as cuestións urxentes xa mencionadas.
Para alén, nesa época non sabíamos que o obxectivo de Gorbachev era destruír o socialismo. Descoñecíamos que Gorbachev e Shevardnadze «nalgún momento dos anos setenta (!) chegaron á conclusión de que o sistema socialista debía ser cambiado da cabeza aos pés...» (verbas de Henry Kissinger, antigo Secretario de Estado dos EUA, en Diplomacy). «Para lograr isto, decidín que debía destruír por completo todo o aparello do PCUS e da URSS. Tamén debía facer o mesmo no resto de países socialistas... Atopei amigos que tiñan os mesmos pensamentos, como Iakovlev e Shevardnadze. Hai que lles agradecer a destrución da URSS e a derrota do socialismo.» (Gorbachev, nun encontro con xornalistas en Ankara, Turquía. Citado por Rusia Soviética o 19 de agosto de 2000.)

Os altos cargos do Partido foron suxeitos activos na preparación e posta en marcha da contrarrevolución. Ieltsin foi Secretario Rexional durante moitos anos, un membro candidato do Politburo. O seu ministro de Seguridade de Estado, Golushko, foi xefe da KGB na Ucraína. Burbulis, Secretario de Estado e Vicepresidente, ensinaba Marxismo-Leninismo nas facultades universitarias e foi un dos arquitectos das reformas e o xefe real do Goberno. Gaidar encabezaba a principal revista teórica do PCUS, Comunista (Коммунист), e despois o xornal máis importante do PCUS, o Pravda. O seguinte presidente, Chernomyrdin, era membro do Comité Central do PCUS. Inclusive en 1995, segundo o Instituto de Socioloxía, o 75% da administración baixo Ieltsin e o 74,3% do Goberno da Federación Rusa eran antigos membros da nomenclatura do Partido.

Tería sido posíbel darlle volta as cousas no Congreso Extraordinario do PCUS en outono de 1991, rexeitando a Perestroika e renovando por completo os organismos do Estado e do Partido. Iso foi o que os bolxeviques pensabamos facer a través da Plataforma Bolxevique no PCUS. Mais a contrarrevolución alcanzounos. Un Decreto de Ielstin en setembro de 1991 prohibía toda actividade comunista, e pouco antes, en agosto, o Comité Estatal de Emerxencia organizaba unha farsa de golpe de estado. Despois, o 3 e o 4 de outubro de 1993, Ieltsin afogou en sangue a revolta contra el, a disparar contra os defensores do Soviet Supremo da Federación Rusa.

-  Durante case un mes, entre a publicación do seu artigo e a aparición da resposta de Iakovlev, do 13 de marzo ao 5 de abril de 1988, toda a máquina de propaganda da Perestroika interrompeu a súa histeria antisoviética, retomándoa só despois de que Iakovlev aprobase a súa continuación. Por que pensa que as altas esferas agardaron tanto tempo? Coida que o seu artigo puido realmente asustar alguén de arriba?

A dirección do Partido estaba confundida e non sabía que facer. Iakovlev presentou a súa dimisión, mais Gorbachev non a aceptou e mandoulle preparar un documento condenatorio contra a “inimiga da Perestroika”, documento que apareceu no Pravda. A raíz da publicación do artigo de Iakovlev, a contrarrevolución enceta unha nova etapa, acosando e perseguindo a todos aqueles que non apoiaban a “Gorbastroika”. E, por suposto, a persoa máis afectada por esta campaña fun eu, a autora do artigo.

- No seu artigo remarca que a principal vítima desta revisión histórica en curso sería a mocidade. Hoxe, as novas xeracións non saben ren do sistema soviética, non coñecen nin os seus aspectos positivos nin, tampouco, os negativos.

Hoxe, a mocidade, como outras franxas de idade, están a descubrir a dura realidade. A mocidade descoñece a súa historia, e as súas condicións recuaron 50 anos ou máis. A mocidade non coñece a literatura clásica, a música… Moitas persoas non poden conseguir traballo neste sistema de explotación burguesa que só busca o máximo lucro, morren de ataques cardíacos ou acaban suicidándose, non poden formar unha familia por mor dos baixos salarios (de teren a sorte de atopar un posto de traballo) xa que lles resulta imposíbel mercar un piso e manter unha familia. Hai unha debilitación mental a gran escala da poboación, especialmente entre a mocidade.

No entanto, tamén vemos que está espertando entre eles o interese pola historia soviética. A medida que empezan a coñecela, vai caendo o velo da mentira.
 
[Fonte: Aqueloutras]