Morre a tirana Margaret Thatcher, inimiga das liberdades e azoute da clase obreira británica.

Morreu Margaret Thatcher. Alcumada “A Dama de Ferro”, foi artífice de brutais recortes contra os dereitos dos traballadores, amiga das privatizacións e a destrución do Estado de Benestar Británico.


As democracias burguesas occidentais (que cada vez teñen menos de democracias e máis de ditaduras) están de loito. Así como o criminal Winston Churchill (ese que recomendaba gasear aos kurdos por ser culturas incivilizadas), morreu outra tirana e criminal, amiga das elites, do gran capital privado e inimiga acérrima dos humildes, os famentos e os traballadores.

Influenciada por economistas ultra-neoliberais como Milton Friedman ou Hayek, Thatcher iniciou unha ola de privatizacións no Reino Unido (petróleo, transportes, comunicacións, etc) e de recortes en servizos sociais (saúde, educación, vivenda) que lle fixeron perder apoio entre as clases máis desfavorecidas e ata de gran parte da clase media. Venceu as folgas mineiras reprimíndoas con dureza. Coas políticas impulsadas por Thatcher aumentou o crecemento do paro, as desigualdades e os fenómenos de marxinación nos suburbios urbanos do Reino Unido.

No plano internacional Thacher fíxose famosa por apoiar ao xenocida e ditador Augusto Pinochet (que chegou en Chile ao Poder mediante un Golpe de Estado contra o presidente socialista e demócrata Salvador Allende). Chegou a dicir del cinicamente que “Pinochet trouxo a democracia a Chile”. Tamén apoiou aos Jemeres Vermellos de Camboia e enviou ao Servizo Aéreo Especial para adestrar aos Jemeres Vermellos co fin que loitasen contra a República Popular de Kampuchea que era apoiada por Vietnam. En Sudáfrica, Thatcher negouse a condenar o apartheid. O avogado Ed Fagan, quen realizou intensas investigacións sobre o apartheid sudafricano, sinala que o apoio tamén veu desde varios gobernos, entre os que se atopa a administración do presidente estadounidense Ronald Reagan (1981-1989) e Margaret Thatcher en Gran Bretaña.

Lamentabelmente, a políticas neoliberais que executou Thatcher (apoiándose na clase dominante posuidora dos medios de produción, entre eles a prensa para moldear o pensamento dos non convencidos) continúan sendo un exemplo para as elites económicas internacionais que marcan as axendas políticas-económicas a seguir en gran parte do planeta (así o están deixando, feito uns farrapos). Thatcher, xunto a Reagen, foi impulsora da desregulación financeira e a súa globalización. Foi durante esta época cando se instaurou a falsa idea de que os mercados financeiros tenden cara ao equilibrio e que as desviacións, cando se producen, son debidas a causas externas. Esta teoría coñécese como fundamentalismo de mercado. O triunfo das ideas do fundamentalismo de mercado contribuíron a propiciar a actual crise capitalista. Ata o inversor-especulador George Soros recoñéceo.

[Fonte: Petrogrado]