Mercenaria pagada con cartos públicos.

Artigo de Mercedes Santiago, militante de FORXA!
A pasada fin de semana tivo lugar na Illa de San Simón a terceira edición do Congreso sobre comunicación en internet, “Nethinking”, evento promovido pola Consellería de Educación e financiado con cartos públicos. Na súa páxina web anuncian como principal atractivo a presencia da blogueira cubana Yoani Sánchez, coñecida polo seu blog “Generación Y”.
Que fai de Yoani Sánchez unha invitada tan apetecible cando actualmente pululan pola rede millóns de blogs de toda índole? Principalmente, a súa posta en escena, simulando unha fachada de “pacífica”, cunha imaxe traballada por todos aqueles que ano tras ano (e así van 54) non poden coa decisión dos cubanos de defender a soberanía da súa Patria. Faina apetecible para os que fan o xogo ás súas continuas declaracións contra un pobo perpetuamente ameazado, Cuba, cun brutal bloqueo ianqui, con Cinco prisioneiros en EEUU, cunha base, Guantánamo, na que si EEUU tortura, como tortura en Iraq, Afganistán, Libia ou Siria. Un pobo que a pesar de todo isto, segue intentando vivir nun sistema onde a desnutrición infantil é do 0%, dito por organismos tan pouco dubidosos como UNESCO, e onde a educación (taxa de analfabetismo máis baixa de América Latina), saúde (1 médico cada 148 habitantes) e vivenda son gratis. Disto sabe moi ben Yoani Sánchez, graduada como Filóloga en Cuba, por suposto de forma gatuíta, e emigrante retornada de Suiza, malia asegurar que a súa situación económica neste país era óptima.
Sábeo tan ben, que ata este momento, nunca se posicionara en contra de Cuba. Temas persoais, rivalidades, ciumes…fixeron que abandonara un portal dixital que lideraba con outro opositor á revolución e no 2007 abriu o seu blog Generación Y, traducido a 18 idiomas, con varios millóns de visitas ó mes, algo realmente difícil de administrar se non fora polo apoio exterior, mesmo utilizando tecnoloxía estadounidense pese ó bloqueo. Non é difícil, unha vez coñecido isto, saber quen a lexitima, en nome de quen fala: O sustento material e virtual da súa corta carreira é a financiación que lle aporta a CIA. Ela mesma se delata cando alude a que Cuba é unha “isla parecida a un barco que hace aguas a punto del naufragio”, usando as mesmas palabras que emprega o organismo norteamericano  para xustificar intervencións violentas na Illa. A CIA recompénsaa xestionándolle premios internacionais que a lancen ó estrelato durante un tempo, ata que apareza outro produto mediático do que botar man. Por esta canle recibiu o premio Ortega y Gasset, colocan o seu blog como un dos máis influíntes, e “El País”, sitúaa como unha dos 100 hispanoamericanos máis importantes, a parte de pagarlle un salario mensual nada despreciable.
Esta vendepatrias, por certo, case descoñecida polos seus paisanos, basea o seu discurso na incoherencia. É curioso que fale de falta de liberdade de expresión cando ela espalla mentira e manipulación sen censuras. Como a resposta do pobo é a indiferenza, o globo está comezando a desinflarse, porque  nin convence, nin provoca, nin moito menos ten unha oratoria amena. E mentras tanto, os mesmos de sempre, malgastan en mercenarios os cartos do contribuinte sen que logren acadar os seus obxectivos. Os cartos dese contribuínte ó que exprimen cada día máis e máis, ceibando sobre el como doses de veleno, recortes e máis recortes en dereitos tan básicos como a educación e a sanidade.
A pasada fin de semana, a Illa da Memoria, agora rebautizada como Illa do Pensamento tras un lavado de imaxe co que se suprimiu practicamente todo vestixio do horror vivido trala Guerra Civil, albergou, promovido pola Consellaría de Educación,  este Congreso de Comunicación e redes sociais: “Ne thinking: Como comunicarnos”. Non deixa de ser unha ironía, tratándose da illa dos Silenciados.