DECLARACIÓN DA FSM PARA O 1 DE MAIO 2013: Non seremos os escravos do Século XXI.

A FSM chama a todas as organizacións sindicais do mundo a organizar, con motivo do primeiro de maio de 2013, mítins e actividades en todos os países, en todos os continentes, en honor do Día Internacional dos Traballadores e mártires da clase obreira. A FSM, sobre a base da súa resolución da reunión do Consello Presidencial do 7 e 8 de marzo de 2013 en Lima, Perú, propón o lema: “CHICAGO AMOSOUNOS O CAMIÑO”, que se debe utilizar xunto coas respectivas consignas de cada organización sindical.


O movemento sindical internacional ten a gran responsabilidade de protexer e defender o Día Internacional dos Traballadores, fronte aos esforzos dos gobernos capitalistas, dos empresarios, doutras institucións e organizacións non gobernamentais, para eliminar este día ou alterar completamente o seu significado.
 
O Primeiro de Maio é para a clase obreira internacional un SÍMBOLO do valor insubstituíbel que os traballadores desempeñan na sociedade e na produción, dos importantes logros conseguidos historicamente, das vitorias da loita de clases, e de que todos os dereitos son o resultado de sanguentas loitas. Nada se regalou aos traballadores e traballadoras.

O Primeiro de Maio é un DÍA DE HOMENAXE E DE RECORDO dos mártires da clase obreira que se sacrificaron en Chicago (1886) coas folgas importantes e decisivas dos traballadores estadounidenses que reclamaban 8 horas de traballo, 8 horas de lecer, e 8 horas de descanso, así como a loita polo horario de traballo en moitos países de todo o mundo, antes e após as folgas de Chicago, ao longo da historia ata hoxe da loita de clases. Rendemos homenaxe aos mártires da clase obreira que foron asasinados, torturados, encarcerados e que foron vítimas de desaparición forzada, polos gobernos antipopulares e antiobreiros do Capital de todos os continentes.

O Primeiro de Maio é unha LECCIÓN PARA AS NOVAS XERACIÓNS, que inclúe os principios da clase obreira como, o Internacionalismo Proletario, a Unidade de Clase, o valor insubstituíbel das loitas con Orientación de Clase.

O Primeiro de Maio é un día de acción, especialmente cando a clase obreira internacional se reúne nas rúas na loita contemporánea polos dereitos laborais e sociais. Polo dereito a traballar menos horas con salarios decentes, que era realista nos anos 80 do Século XIX, e que non pode ser irreal no progreso tecnolóxico do século XXI.

Hoxe, mentres o capitalismo se atopa na súa profunda crise e expón todas as facetas do seu rostro bárbaro, brutal e desapiadado, confiscando todos os dereitos da clase obreira e dos sectores populares.

Hoxe, mentres a competencia entre os monopolios crea máis campos de batalla e novas intervencións imperialistas.

Hoxe, mentres a violencia de Estado, a represión das loitas sociais e laborais e a violación da liberdade sindical dexeneran no plano internacional.

MOBILICÉMONOS!
- Chicago ensinou o camiño!
- NON á escravitude capitalista contemporánea!
- Loitamos por un mundo sen explotación do home polo home!
- O primeiro de maio, a FSM expresa a súa solidariedade internacionalista cos pobos de Cuba, Palestina, Siria, Líbano, Malí, Colombia, Venezuela, etc.

O SECRETARIADO DA FSM
18 Abril 2013

[Fonte: FSM]