Contra a represión aos mineiros, a unidade e a solidariedade de todos os mineiros e toda a clase obreira.


Desde os Comités para a Unidade Obreira do Caudal, manifestamos unha vez máis o noso compromiso inquebrantábel cos mineiros de Cerredo na súa loita e a súa vontade de unir pola base a todos os mineiros e levantar, unha vez máis, cun sólido e potente puño, a bandeira da resistencia mineira estendendo a folga a toda a minería.

Nestes últimos meses os CUO-Caudal colaboramos cos compañeiros do CUO da Mina de Cerredo e co conxunto dos mineiros desta explotación estendendo as súas propostas de unidade, solidariedade e folga de toda a minería a través de diferentes medios, como pancartas, panfletos, en todos os pozos de Hunosa. Así mesmo, os compañeiros fixeron práctico o seu compromiso de unidade de todas as loitas da clase obreira reuníndose e apoiando mobilizacións como as dos compañeiros da Fábrica de Armas de Trubia, así como reforzando a unidade mineira cos compañeiros de subcontratas de Hunosa e tamén cos compañeiros da Hullera Vasco-Leonesa.

Hoxe tivemos información de que os mineiros retomaron as mobilizacións e os cortes de autopistas e estradas na A66, a NVI e a A6 á altura da Magdalena e de San Román de Bembibre tendo como resultado enfrontamentos cun gran despregue de corpos antidisturbios da Garda Civil nos que se produciron detencións e a retención dun gran número de mineiros.

Ante estes feitos e a gravidade do conflito mineiro, desde os CUO-Caudal queremos manifestar o seguinte:

A nosa máis profunda solidariedade cos detidos, os seus compañeiros e as súas familias e esiximos a súa liberdade inmediata sen cargos.
O noso firme compromiso de continuar coa campaña “Todos Mineiros, Todos Unidos” ata que a unidade pola base de todos os mineiros, por riba de absurdas e artificiais divisións provocadas polas cúpulas sindicais e onde a soberanía das asembleas de traballadores sexa unha realidade palpábel na loita.

Polo inicio dunha nova Folga da Minería en solidariedade con todos os despedidos e regulados, así como pola incorporación dos compañeiros de subcontratas a Hunosa. Todos mineiros, unidos sen distincións, polos seus mesmos e iguais intereses, pola Nacionalización e o mantemento de toda a Minería como sector estratéxico.

Seguiremos traballando xunto a todos os traballadores e as traballadoras, en activo ou en desemprego, que con independencia da súa afiliación sindical e sen renunciar a ela ou se non teñen, decidan tomar as rendas do seu futuro construíndo a unidade pola base, superando a división e fragmentación sindical, o pacto social e as peores tradicións deste tipo de sindicalismo alleo aos intereses da clase obreira, coa vontade de construír un movemento obreiro e sindical de clase e combativo que permita organizar o contraataque e camiñar cara á completa desaparición da explotación.

LIBERDADE SEN CARGOS PARA OS MINEIROS DETIDOS!

UNIDADE, LOITA E SOLIDARIEDADE!

POLA FOLGA EN TODA A MINERÍA!

TODOS MINEIROS, TODOS UNIDOS!

12/04/2013

[Fonte: CUO]