Contra o oportunismo, polo socialismo, para construír o Partido Comunista.

Discurso de Elisseos Vagenas, Membro do CC e Responsábel da Sección de Relacións Internacionais do KKE, no acto internacionalista do Partito Comunista-Sinistra Popolare (Italia).
Estimados amigos e camaradas:
De parte do Comité Central, dos membros e cadros do KKE, reciban un cálido saúdo militante internacionalista.
A próxima semana comeza en Atenas o 19º Congreso do KKE. Os comunistas de Grecia participaron durante os últimos catro meses nun intenso proceso interno do partido, discutindo as Teses do Comité Central, o proxecto de Programa e de Estatutos do KKE. Ao mesmo tempo, foron capaces de combinar esta discusión coa súa actividade de vangarda nas loitas da clase obreira, do campesiñado pobre, que estalaron no mesmo período, o cal demostra as profundas raíces do KKE cos sectores obreiros e populares de Grecia.
O 19º Congreso está chamado a examinar a actividade do partido, a estudar máis en profundo o fortalecemento ideolóxico, político e organizativo do partido da clase obreira. Dun partido que durante un século deixou as súas pegadas nas loitas, no desenvolvemento da loita de clases, e desde este punto de vista o congreso do KKE non concirne soamente aos comunistas de Grecia senón a todos os traballadores do noso país.
Amigos e camaradas:
Na Grecia da profunda crise capitalista, a burguesía busca reformar o escenario político. Os seus elementos básicos son a recomposición do terreo socialdemócrata, onde o partido que desempeña o papel principal ten nas súas filas a ex-comunistas e se caracteriza a si propio como “esquerda radical”, así como no terreo da dereita coa creación de novos partidos políticos, entre eles o Amencer Dourado fascista.
Un compoñente desta reforma é o ataque contra o KKE a través do cal están tratando de exercer presión oportunista ao noso partido para que renuncie á súa estratexia revolucionaria, ou reducir a forza electoral do KKE para debilitar a súa voz e intervención política. Por isto, nas últimas eleccións a proposta de que participásemos nun “goberno de Esquerdas” utilizouse como unha “ferramenta”. O KKE rexeitou esta proposta pagando un “prezo” significativo pola redución da súa influencia electoral. Con todo, este rexeitamento impediu o noso partido a cometer un erro histórico, é dicir apoiar a xestión do capitalismo e da súa crise. Hoxe en día, poucos meses após das eleccións en Grecia, os acontecementos en Chipre son moi instrutivos para o pobo grego tamén e mostran que dentro da Unión Europea, no marco do capitalismo, independentemente das intencións que poida ter unha formación gobernamental “esquerda”, non se pode levar a cabo unha xestión a favor do pobo. O capitalismo ten leis que os traballadores non deben ignorar.
O KKE presenta aos traballadores a súa propia proposta política detallada sobre como debería ser a sociedade hoxe, como debería funcionar a economía. Nós, os comunistas, non ocultamos os nosos propósitos, non nos interesa enganar aos traballadores para gañar algúns votos. O KKE desde hai anos descartou as ilusións parlamentarias. Non consideramos que o derrocamento da barbarie capitalista poida ocorrer a través das eleccións parlamentarias; con todo, isto non significa que subestimamos esta forma de loita.
O que dicimos aos traballadores gregos é que existen as condicións obxectivas para organizar a súa vida, a vida do noso país sobre bases diferentes. Cales son estas bases? A socialización dos medios de produción, a planificación central da economía, o control obreiro e popular. Só este sistema, o socialismo, pode satisfacer as necesidades populares actuais. É mentira o que din os partidos de que pode haber un sistema onde por unha banda se manteñan os beneficios capitalistas e doutra banda as “persoas” son máis importantes que estes, que supostamente están “por diante dos beneficios”.
É certo que a Grecia de poder obreiro non é compatíbel coa participación na zona euro, nas unións imperialistas do capital en xeral, como son a UE e a OTAN. Con todo, o noso partido desde 1996, no seu 15º Congreso, descartou as chamadas “etapas intermedias” no camiño cara ao socialismo. En primeiro lugar, nunca e en ningún sitio se demostrou correcta a estratexia das “etapas intermedias”, e, separadamente disto, consideramos que unha Grecia capitalista ata se estivese fora dalgunhas organizacións do capital, continuaría tendo dependencias múltiples mentres que no país se mantería o sistema capitalista e obxectivamente participaría nas relacións de interdependencia desigual que existen no sistema imperialista mundial. Polo tanto, suscitamos a cuestión da retirada do noso país das organizacións imperialistas de xeito integrado, subliñando que só o poder obreiro pode garantir esta retirada.
O KKE, desde o momento que fixou como meta o derrocamento do capitalismo, elaborou unha política de alianzas correspondente. A política de alianzas do partido obxectivamente debe subordinarse ao obxectivo estratéxico do partido. Desde hai anos rexeitamos a chamada “unidade da esquerda”, con forzas do oportunismo que caracterizan en si como “esquerda”, “radicais”, etc., porque estes conceptos actualmente perderon o seu contido. Agora, aparecen ata esquerdistas secretarios xerais da OTAN. Polo tanto, declaramos a necesidade de formar unha Alianza Popular que se pode construír por forzas sociais que teñen interese en derrocar o capitalismo, entrar en conflito cos monopolios e coas organizacións imperialistas. Tales forzas son a clase obreira, os semiproletarios, as capas medias pobres urbanas e rurais.
Esta alianza loitará por todos os problemas populares, agrupará e educará as masas obreiras e populares na loita e no conflito cos empresarios, os gobernos burgueses, as organizacións imperialistas e demostrará a necesidade e a posibilidade dunha nova sociedade. En condicións dunha situación revolucionaria, a Alianza Popular converterase na Fronte Obreira Popular Revolucionaria para o derrocamento da ditadura da burguesía e o establecemento do poder obreiro revolucionario.
Estimados amigos e camaradas:
En canto aos acontecementos é de importancia significativa non só a existencia dun partido comunista senón o desenvolvemento dunha liña revolucionaria. A fronte contra as posicións oportunistas e reformistas, que se desenvolverá no movemento obreiro e popular. A construción de organizacións fortes do partido, en primeiro lugar, nos centros de traballo, nos sectores de importancia significativa en todos os países. Requírese o conflito ideolóxico e político contra as construcións ideolóxicas burguesas que presentan a UE e o capitalismo como o “fin da Historia”, contra as forzas oportunistas que proclaman a “democratización”, a “humanización do capitalismo e a “posta en marcha” dun suposto… “socialismo democrático”, “do século 21”. Necesítase un traballo paciente coas capas medias que aínda que se destrúen pola crise capitalista, expresan unha impaciencia pequenoburguesa esixindo “solucións” agora mesmo pero sempre no marco do capitalismo, tendo ilusións sobre dunha xestión centro-esquerda a favor do pobo, que en moitas ocasións conduciu á agudización dos problemas populares. Os comunistas, as forzas populares, os sindicatos, as organizacións de masas deben confrontar decisivamente as monstruosidades fascistas, rexeitando, ao mesmo tempo, a lóxica das “frontes antifascistas”, que propoñen os socialdemócratas e os oportunistas para atrapar aos comunistas, branquear as súas responsabilidades con respecto ao fortalecemento de tales forzas que son un produto do capitalismo e a punta de lanza da burguesía contra o movemento comunista e obreiro.
Amigos e camaradas:
Nas condicións actuais o reagrupamento do movemento comunista internacional en base revolucionaria é de importancia esencial xa que segue sendo en condicións de crise ideolóxica, política e organizativa. Os oportunistas, que en Europa formaron o seu propio “centro”, o chamado “Partido da Esquerda Europea”, exercen presión nas súas filas.
O KKE considera que se debe fortalecer a loita contra o oportunismo, a nivel nacional, europeo e internacional, como unha condición necesaria para o reagrupamento do movemento comunista. Partindo desta avaliación, o KKE apoia non só os encontros internacionais e rexionais dos partidos comunistas, senón ademais a idea do xurdimento dun “polo comunista” por partidos comunistas que seguen sendo fieis ao marxismo-leninismo, o internacionalismo proletario, defenden o socialismo que coñecemos, estudan os desenvolvementos actuais e tratan de elaborar unha estratexia revolucionaria común, recoñecendo a actualidade e a necesidade da construción socialista.
Camaradas:
Os plans das clases burguesas inclúen a fragmentación dos traballadores por sector, por cor de pel, por relixión, por nacionalidade, en traballadores dos países do “sur” pobre e do chamado “norte” rico, en traballadores dos países “desenvolvidos” e “en desenvolvemento”, etc. O seu obxectivo é “dividir e reinar” por unha banda e por outro “recrutar” aos traballadores baixo unha “bandeira allea” ou para “facer grande ao noso país” ou “para facer a nosa economía nacional máis competitiva”, “para recuperar a soberanía do país”, etc. Pero nós sabemos que nestes tempos, na época da transición do capitalismo ao socialismo, inaugurada pola Gran Revolución Socialista de Outubro, o patriotismo contemporáneo identifícase co derrocamento do poder burgués, da propiedade capitalista nos medios de produción, coa retirada do noso país de cada camiño capitalista e cada coalición capitalista interestatal e alianza imperialista.
Nas nosas mans temos un “arma” valiosa, que non a debemos entregar nunca e que pode obstaculizar os plans de división da clase obreira. ¡Esta arma é o internacionalismo proletario!
A consigna “Proletarios de todos os países, unídevos!” é hoxe máis forte que nunca. E consideramos particularmente importante que esta mensaxe do internacionalismo proletario se pode difundir a Italia grazas ao esforzo que iniciaron os camaradas do Partito Comunista de Italia, Comunisti-Sinistra Popolare, para a construción dun Partido Comunista con estratexia revolucionaria, tratando de erradicar o traballo sucio e de zapa do eurocomunismo e do oportunismo contemporáneo.
Camaradas, asegurámoslles que neste camiño difícil e esixente o KKE estará ao seu lado.

[Fonte: KKE]