Breve crónica da homenaxe a Julián Grimau en Vigo.

O 20 de Abril, no Monte do Castro (Vigo), as e os Comunistas de Galiza, organizados en FORXA!, PCPE e CMC-CJC, homenaxearon ao comunista Julián Grimau, no 50 cabodano do seu asasinato a maos dun pelotón de fusilamento fascista.

 
O acto consistiu na colocación dunha placa na memoria de Julián Grimau, amenizado por música de violíns que fixeron un repaso de cancións revolucionarias, á que se sumou a colaboración do cantautor Tino Baz.


A continuación adxúntase o texto da intervención:

Hoxe, 20 de Abril de 2013, cúmprense 50 anos do  asasinato do dirixente comunista Julián Grimau, condenado baixo falsas acusacións por un tribunal militar franquista e fusilado na madrugada do 20 de abril de 1963. Heroe do Cuartel da Montaña e do combate antifascista na serra madrileña, dirixente comunista  na clandestinidade da longa noite de pedra do franquismo nos anos 60.

Conducido pola policía do réxime á Dirección Xeral de Seguridade, as torturas e vexacións a que foi sometido non conseguiron arrincarlle máis que o seu nome e o orgulloso recoñecemento da súa condición de comunista.

A clase obreira internacional lanzouse á rúa en numerosos países esixindo a súa liberdade.  Nos portos do mundo, os estibadores negábanse a descargar os barcos españois. Máis de 800.000 telegramas chegaron a Madrid esixindo  a paralización do xuízo farsa. O xuízo contra Grimau  foi o escarmento exemplarizante  da ditadura fascista dos monopolios, contra unha clase obreira e unha mocidade que comezaba a erguerse  nas fábricas e nos centros de estudos baixo a vermella bandeira do traballo, da loita contra a ditadura e a explotación capitalista, baixo a bandeira comunista.

- Hoxe,  que a ditadura do capital se exerce cada vez con maior brutalidade contra unha clase obreira e un pobo salvaxemente golpeados polo capitalismo en crise estrutural, baixo as imposicións e ditados do bloque imperialista europeo, arroxando cada día á rúa e á miseria a miles de traballadores e traballadoras,

-Hoxe que día a día se vai desembarazando a oligarquía dominante  parasitaria das maquillaxes democrático-formais que noutrora se deu como consecuencia da loita obreira e popular e para facer posíbel a integración de España no bloque imperialista europeo,

-Hoxe que segue vixente a lei de punto final e que en moitos casos a memoria histórica se reduce a un exercicio de exhumación de ósos nas fosas comúns para trasladalos a un Camposanto, para a mal chamada dignificación das vítimas do franquismo coma se nalgún momento os combatentes antifascistas tivesen perdido a súa dignidade,

A figura do comunista Julián Grimau lémbranos que a mellor homenaxe aos caídos en combate contra o fascismo é continuar a súa loita, erguer a súa bandeira.

Julián Grimau non é memoria nin pasado: é futuro, é resistencia e contraataque da Clase obreira, é unidade popular baixo a dirección da clase obreira  para derrocar a besta capitalista e instaurar o Poder  Obreiro, a República Socialista.

POLA REPÚBLICA SOCIALISTA!
FRENTE OBREIRA E POPULAR POLO SOCIALISMO!
TODO PARA A CLASE OBREIRA!


Pechouse este emotivo acto de homenaxe co canto da Internacional por parte de todas e todos os presentes.

JULIÁN GRIMAU, PRESENTE!!

[Fotos: FORXA!]