Sobre o imperialismo e a pirámide imperialista.

Artigo para O Machete, Revista de teoría e política do Partido Comunista de México, por Aleka Papariga,  Secretaria Xeral do Partido Comunista de Grecia


Os días 11-14 de abril de 2013 celebrarase o 19º Congreso do KKE cuxo tema básico, separadamente do informe das actividades e das tarefas ata o próximo 20º Congreso, é a elaboración do Programa do Partido e dos seus Estatutos.

Un dos asuntos que suscita o oportunismo contra o Partido é a nosa avaliación (que por certo non é nova xa que se menciona no Programa actual e foi elaborada no 15º Congreso, en 1996) que o capitalismo grego está na fase imperialista de desenvolvemento e que ocupa unha posición intermedia no sistema imperialista internacional, cunha forte dependencia dos EE.UU. e da Unión Europea.

Atacan á posición de que a loita pola defensa das fronteiras, dos dereitos soberanos de Grecia, desde o punto de vista da clase obreira e dos sectores populares, está inextricábelmente ligada coa loita polo derrocamento do poder do capital. O pobo grego non debe defender os plans de guerra dun ou outro polo imperialista, a rendibilidade dun ou outro grupo monopolista.

O KKE ten unha rica experiencia que confirma plenamente a posición leninista sobre a relación entre o imperialismo –como a fase superior do capitalismo- e o oportunismo no movemento obreiro, o cal é un asunto que non está relacionado só con Grecia, senón con todos os países capitalistas. Non é casualidade que a esencia económica do imperialismo que é o monopolio cos seus trazos característicos é subestimada ou se deixa de lado tamén polos partidos comunistas que se adheriron ao oportunismo xa sexa antes ou, principalmente, após a vitoria da contrarrevolución nos países socialistas.

A percepción oportunista sobre o imperialismo e a negación da existencia dun sistema imperialista internacional (pirámide imperialista)

O termo imperialista púxose moi de moda recentemente en Europa e en Grecia entre forzas que non o utilizaban con frecuencia ou tan facilmente nos anos anteriores. O problema é que o imperialismo preséntase como algo diferente e distintivo do capitalismo, como un concepto político separado da base económica, unha posición que foi apoiada fortemente polo pai do oportunismo, Kautsky. O oportunismo resulta, entre outras cousas, incapaz de modernizarse; repite a Kautsky, recorre a argumentos anticientíficos, céntrase deliberadamente na superficie e non na esencia. Non está no seu interese e polo tanto non pode ver o panorama total da economía capitalista mundial nas súas relacións internacionais mutuas. Quen non quere entender a esencia económica do imperialismo e ver nesta base a superestrutura ideolóxica e política, ao final absólveo, apóiao e sementa ilusións entre as masas obreiras e populares de que existe capitalismo bo e malo, xestión burguesa boa e ineficaz. En última análise, o oportunismo quere unha sociedade capitalista sen as supostas desviacións, chamando desviacións ás propias leis da economía capitalista e ás súas consecuencias. Oculta aos pobos a esencia clasista da guerra, xa que a critica desde o punto de vista moral polas súas consecuencias tráxicas. Sementa a ilusión de que o capitalismo pode garantir a paz se se impoñen os principios de igualdade e liberdade, de entendemento político entre os países capitalistas rivais, se se poñen regras na competencia intercapitalista.

O oportunismo, o reformismo repite cun estilo de innovador a percepción antiga, vella e anticuada de que o imperialismo se identifica coa agresión militar contra un país, a política das intervencións militares, os bloqueos, co esforzo de reactivar a antiga política colonial. En Europa os oportunistas identifican o imperialismo con Alemaña e co dogmático, segundo din, punto de vista liberal autoritario. A política dos EE.UU. baixo a administración de Obama considérase progresista polas diferenzas parciais con Alemaña sobre a xestión da crise, ou se considera imperialista soamente en relación con América Latina. Considérase como progresista cada intento da clase obreira, por exemplo de Francia ou de Italia, de confrontar o antagonismo co capitalismo alemá. O oportunismo en Grecia ten como posición fundamental a de que o país está baixo ocupación alemá, que se transformou ou que se está a transformar nunha colonia, que a están saqueando a señora Merkel e os acredores. O inimigo principal, separadamente da propia Alemaña, é a tríada da Unión Europea, do Banco Central Europeo e do Fondo Monetario Internacional que supervisan e determinan a xestión da débeda externa e interna e do déficit fiscal. Acusan á burguesía do país e aos partidos gobernamentais de traidores, antipatriotas, subordinados e servís a Alemaña, aos acredores ou aos banqueiros.

Acusan ao KKE polas nosas avaliacións sobre o capitalismo grego no sistema imperialista internacional, o cal non aceptan que existe. Consideran que Grecia é un país ocupado principalmente por Alemaña e que o réxime é neo-colonial.

Utilizan de xeito arbitrario a avaliación de Lenin na súa obra coñecida “Imperialismo, a fase superior do capitalismo”, que un puñado, un pequeno número de Estados saquean a gran maioría de Estados no mundo. Como consecuencia, o imperialismo identifícase cun moi pequeno número de países, que se contan nos dedos dunha man, mentres todos os demais países están subordinados, oprimidos, son colonias, países ocupados debido á subordinación á percepción liberal.

Hoxe en día, hai poucos países na cima, nas posicións superiores do sistema imperialista internacional (o cal ilústrase tamén co esquema dunha pirámide para mostrar os diferentes niveis que ocupan os países capitalistas). Ata se podería dicir que son un puñado de países, segundo a expresión leninista. Con todo, isto non significa que os demais estados capitalistas son vítimas dos estados capitalistas poderosos, que a burguesía da maioría dos países sucumbiu á presión, malia o seu interese xeral, que chegou a ser corrupta. Non significa que a loita dos pobos en Europa debe estar en dirección antialemá, e que no continente americano debe orientarse soamente contra os EE.UU. Non é casualidade que os oportunistas en Grecia dan como exemplo positivo a superación da crise en Brasil e Arxentina e exaltan a política de Obama.

A súa insistencia en que non existe unha pirámide imperialista, é dicir que non existe un sistema imperialista internacional (senón soamente un número moi reducido de países que se poden clasificar como imperialistas sobre todo debido á súa posición hexemónica e da súa capacidade de decidir lanzar unha guerra local ou xeneralizada), non é nada accidental ou produto dunha opinión equivocada; é consciente. Disto deriva a súa disposición a asumir responsabilidades nun goberno burgués para xestionar a crise.

O principal é que defenden a existencia dunha etapa entre o capitalismo e o socialismo, cun obxectivo claro. Por unha banda, asegurar que a clase obreira renuncie á loita polo poder obreiro e, doutra banda, prometer que no futuro afastado e indefinido o capitalismo transformarase pacificamente mediante reformas e sen sacrificios en socialismo, no seu “socialismo” en que a propiedade capitalista vai a coexistir con algunhas formas de autoxestión.

Cabe sinalar que cando se fala dunha Grecia independente e digna que resiste á señora Merkel, aclaran que o país debe permanecer na Unión Europea como Estado membro, mentres esperan que a OTAN se autodisolva, desligándose das dependencias e os compromisos político- militares que impón.

Din que Grecia, sempre como membro da Unión Europea e da OTAN, pode buscar préstamos, crédito, investimentos doutros estados como os EE.UU., Rusia e China, mentres que consideran que os gobernos de Brasil e Arxentina lograron a liberación dos seus pobos do FMI. Coma se os investimentos destes estados non se basean na adquisición do maior beneficio posíbel e na utilización da forza de traballo barata, na utilización a longo prazo de recursos naturais e de materias primas locais ata que se esgoten.

Ata din que a restauración capitalista nos países socialistas aboliu a Guerra Fría e que o mundo se volveu mellor porque é multipolar, é dicir, ten moitos centros e novas potencias. Con todo, “esquéceselle” o feito de que estes novos “centros” e “potencias” baséanse no desenvolvemento das relacións capitalistas de produción, no dominio dos monopolios na economía, é dicir que se trata de novas potencias imperialistas emerxentes. En conclusión, o mundo non se volveu mellor, nin máis prometedor -aínda que xa non existe o conflito entre o imperialismo e o socialismo- como sosteñen os apoloxistas do capitalismo.

O oportunismo xustifica o seu curso descendente interpretando de modo arbitrario citas de Marx e Lenin

Debido á existencia e a actividade do KKE e principalmente debido á súa táctica aventureira aparecen como substitutos do movemento comunista, invocan fragmentos de Lenin, e ata de Marx e Engels para acusar ao noso Partido de abandonar o socialismo científico.

Hoxe é absolutamente necesario recordar algúns elementos básicos do concepto leninista do imperialismo que foron confirmados, así como destacar os desenvolvementos que se están a acelerar e fan aínda máis imperativo que antes a identificación da loita antiimperialista coa loita anticapitalista. A resposta ao capitalismo non é, entre outros, o retorno imposíbel á época do capitalismo de libre competencia, de empresas capitalistas dispersas, senón a necesidade e a vixencia do socialismo, a adquisición de preparación en condicións de situación revolucionaria. Unha preparación que, por suposto, non se pode conciliar co oportunismo na loita diaria.

Ata se imaxinamos o inimaxinábel, é dicir, se fose posíbel volver ao capitalismo da libre competencia, isto conduciría inevitábelmente de novo ao nacemento do monopolio. As grandes empresas levan dentro de si a tendencia de converterse en monopolio. Marx xa deixara claro que a libre competencia crea o monopolio.

A historia demostrou que o monopolio, como consecuencia da concentración do capital, como lei fundamental da fase actual do capitalismo é unha tendencia xeral en todo o mundo e pode coexistir con formas da economía e da propiedade precapitalistas. A finais do século XIX a crise económica acelerou a creación dos monopolios, como todas as crises económicas cíclicas que aceleraron a concentración e centralización e o xurdimento de monopolios poderosos, a reprodución da competencia a un nivel superior. O xurdimento de monopolios e o seu desenvolvemento, expansión e penetración non se leva a cabo simultaneamente en todos os países, nin sequera nos países veciños, pero sen dúbida se produce do mesmo xeito, coa exportación de capitais que prevalece sobre a exportación de mercancías. O xurdimento e o fortalecemento dos monopolios ata se limitase a certos sectores a nivel nacional, ao final causa anarquía no conxunto da produción capitalista. Isto foi particularmente característico no século XX e ata hoxe en día, o desequilibrio no desenvolvemento entre a produción industrial e agrícola, o desequilibrio no desenvolvemento entre sectores da industria. O desequilibrio non ten que ver soamente cos sectores de produción senón ademais co desequilibrio na aplicación e a utilización da tecnoloxía. A política de saqueo, de anexións, de conversión de estados en protectorados, a política de desmembramento de Estados non é o resultado da inmoralidade política por parte dos imperialistas poderosos, nin tampouco é unha cuestión de subordinación e covardía por parte da burguesía do país que experimenta a dependencia. É un asunto que ten que ver coa exportación de capitais e a desigualdade que é inherente ao capitalismo a nivel nacional e internacional.

Grecia é un dos exemplos característicos que sen dúbida ten un valor universal xa que o fenómeno non é meramente grego. O noso país ten importante potencial produtivo que, con todo, desenvolveuse de forma selectiva no curso de desenvolvemento capitalista, mentres que a incorporación do país na Unión Europea e en xeral a súa relación co mercado capitalista mundial levou a un uso aínda máis restritivo dos seus recursos naturais. Brevemente, cabe sinalar que Grecia ten importantes recursos enerxéticos, importantes recursos minerais, produción industrial e agrícola, artesanía, é dicir, recursos que poden cubrir gran parte das necesidades do pobo como é a necesidade de alimentación, de enerxía, de transporte, de construción de obras públicas, de infraestrutura e de vivenda popular. A produción agrícola pode apoiar a industria en varios sectores. Con todo, Grecia, non só como resultado da crise senón de todo o curso de asimilación na pirámide imperialista, deteriorouse aínda máis; depende das importacións mentres que os produtos gregos non se venden e se enterran.

Trátase dunha característica que mostra as consecuencias da propiedade capitalista e da competencia capitalista, tanto a nivel europeo como a nivel mundial.

Ao igual que Kautsky, o oportunismo contemporáneo divide o capital en seccións separadas, centra a súa crítica nunha das súas formas

Recordemos que Kautsky considera como inimigo só unha parte do capital, o capital industrial que coa súa política imperialista lanza o seu ataque en primeiro lugar contra as zonas rurais e así se crea un desequilibrio entre o desenvolvemento da industria e a agricultura. Supostamente se trata dunha desviación estrutural. Os oportunistas contemporáneos afirman máis ou menos as mesmas posicións centrando a súa crítica contra o sistema bancario, os banqueiros, o capital bancario, sen tomar en conta a fusión do capital bancario co capital industrial, aínda que se presentan como marxistas. Os desequilibrios que aparecen ata nos países capitalistas desenvolvidos fortes nas diferentes ramas e sectores atribúense á irracionalidade ou a unha tendencia cara á especulación que eles consideran que é inmoral posto que fan unha distinción entre a rendibilidade e a especulación.

Pero a posición de que a exportación de capitais estaba orientada exclusivamente ás zonas rurais non se confirmou nin no período en que o oportunista Kautsky estaba en pleno apoxeo. Naquela época tamén a política das chamadas anexiones, utilizando como panca o capital financeiro, afectou ademais as zonas industriais. Se o capitalismo na súa fase imperialista apoiase todo o potencial de desenvolvemento de todos os países sen excepción, entón non tería tal nivel de acumulación capitalista para exportar capitais e explotar as materias primas e á clase obreira dun gran número de países manténdoos atados cunha variedade de relacións de dependencia e interdependencia.

Invocación do patriotismo co fin de xustificar a estratexia da burguesía para tomar a maior parte posíbel da nova distribución en condicións de rivalidade imperialista implacábel

Os oportunistas e os partidos nacionalistas en Grecia están dicindo a gritos que a burguesía, o Estado grego e os partidos burgueses non son patriotas senón traidores. En realidade, a burguesía do noso país, así como os seus partidos, son moi conscientes do feito que ata en condicións de desigualdade é preferíbel adherirse a unha unión imperialista porque é o único modo para reclamar unha parte do botín e esperar ter un apoio político-militar externo se o sistema empeza a tremer, se se intensifica a loita de clases, previr e esmagar o movemento coa axuda dos mecanismos militares da Unión Europea e da OTAN. O patriotismo da burguesía identifícase coa defensa do sistema capitalista podrecido.

En condicións en que as contradicións interimperialistas e mundiais conducirán a un conflito militar, entón a burguesía de Grecia terá que elixir á beira dun imperialista poderoso, de que alianza imperialista vai loitar para a redistribución dos mercados coa esperanza de tomar sequera unha pequena parte.

É imposíbel que a burguesía defenda os dereitos soberanos a favor do pobo; farao exclusivamente polos seus propios intereses. Se é necesario, ata ignorará os seus intereses particulares a fin de non perder o seu poder, para mantela tanto como sexa posíbel.

A teoría con respecto a un puñado de países dominantes

Cando Lenin falaba dun puñado de países que saquean un gran número de países, destacaba con moitos exemplos e detalles unha variedade de formas de saqueo de países coloniais, semi-coloniais ou ata non coloniais. Na cima da pirámide está un pequeno número de países, xa que o capital financeiro (unha das cinco características básicas do capitalismo na fase imperialista como fusión do capital bancario co capital industrial) está estendendo os seus tentáculos a todos os países do mundo.

A posición dun “puñado de países” define as diferentes formas de relacións entre os países capitalistas que se caracterizan por desigualdade. Isto é o que describe a pirámide co fin de ilustrar a economía capitalista mundial.

Ante todo, Lenin deixou claro que o imperialismo é o capitalismo monopolista, é a economía capitalista mundial, é o prólogo da revolución socialista en cada país.

Lenin aclarou as características do imperialismo: a concentración da produción e do capital, a fusión do capital bancario co capital industrial e a creación da oligarquía financeira, a exportación de capitais, a creación de unións monopolistas internacionais. Non se trata dunha política de anexiones, de dependencias desde un aspecto moral ou dun fenómeno que reflicte unha certa visión política no marco do sistema político burgués, unha cousa que fan sistematicamente os oportunistas. Conecta directamente o imperialismo nas relacións internacionais co xurdimento do capital financeiro na fase imperialista do capitalismo e coa súa necesidade imperiosa de ampliar continuamente o terreo económico máis aló das fronteiras nacionais co obxectivo de desprazar aos antagonistas. O desprazamento do antagonista poderíase facer máis facilmente a través da colonización así como a través da transformación dunha colonia nun Estado politicamente independente sacando do medio o país capitalista-metrópole, cuxa posición ocuparíaa outra potencia capitalista emerxente a través da exportación de capitais e os investimentos estranxeiros directas. É importante e ilustrativa a diferente postura da Gran Bretaña colonialista e de Alemaña emerxente como potencia imperialista.

O novo reparto do mundo a finais do século XIX e a principios do século XX do que falou Lenin, levouse a cabo entre os países capitalistas máis poderosos. Con todo, no xogo do reparto, da formación da correlación de forzas negativa xeral involucráronse tamén outros Estados capitalistas, non se quedaron pasivos. Os países capitalistas fortes repartían non só as colonias senón tamén países non-coloniais, mentres que separadamente das grandes potencias coloniais había países coloniais máis pequenos a través dos cales se iniciou a nova expansión colonial. Ata se mencionan estados pequenos que mantiñan colonias cando as grandes potencias coloniais non lograban un acordo no reparto.

Ademais, Lenin subliñaba que a política colonial existía ata nas sociedades precapitalistas pero o que distingue á política colonial capitalista é que esta se basea no monopolio. Subliñaba que a variedade de relacións entre os estados capitalistas no período do imperialismo convértense nun sistema xeral, constitúen parte do conxunto das relacións do reparto do mundo, convértense en elos das cadeas de operacións do capital financeiro mundial. No período ao que se refire Lenin e aínda máis hoxe día, as relacións de dependencia e de saqueo de materias primas existen tamén a expensas de non-colonias, é dicir, estados con independencia política.

Após a Segunda Guerra Mundial e do establecemento do sistema socialista internacional, levouse a cabo necesariamente a máxima agrupación do imperialismo contra as forzas do socialismo-comunismo e intensificouse a súa agresividade, o seu expansionismo económico, político e militar multifacético. Baixo o impacto da nova correlación de forzas comezou rapidamente o desmantelamento dos imperios coloniais, do imperio francés e británico. Os Estados capitalistas máis poderosos víronse obrigados a recoñecer a independencia dos Estados nacionais, baixo a presión dos movementos pola independencia nacional que gozaban o apoio múltiple e a solidariedade dos países socialistas, do movemento obreiro e comunista.

No período de posguerra, unha serie de países non se incorporaron plenamente nos organismos político-militares e económicos do imperialismo xa que tiñan a posibilidade de establecer relacións económicas cos países socialistas, malia que a correlación de forzas mantíñase a favor do capitalismo. Vólvese confirmar a variedade de relacións, de interdependencias así como de obrigacións no marco do mercado capitalista mundial.

Na última década do século XX a situación comezou a cambiar como resultado de dous factores que interactúan entre eles pero cada un ten a súa autonomía relativa. Os países capitalistas máis maduros e poderosos, que están na cima da pirámide, cun punto de partida histórico diferente pero co mesmo obxectivo estratéxico, seguen unha diferente política a favor dos monopolios, sobre todo baixo o impacto da crise económica capitalista de 1973. En condicións de antagonismo crecente e de internacionalización máis rápida, a estratexia contemporánea que apoia a rendibilidade capitalista abandona as receitas neokeynesianas que foron útiles sobre todo en países que sufriran danos de guerra. Procede a extensas privatizacións, fortalece a exportación de capitais, diminúe e gradualmente suprime as concesións que fixera sobre todo no sector social, co obxectivo de deter o movemento obreiro que foi influenciado polas conquistas do socialismo e en especial para comprar a unha parte da clase obreira e de sectores sociais intermedios.

Isto demóstrase tamén polo feito de que a política pro-imperialista contemporánea ten un carácter mundial; non é unha forma de xestión coxuntural senón unha opción estratéxica dado que se adoptan medidas antipopulares e antiobreiras para contrarrestar a tendencia decrecente da taxa de ganancia en case todos os países, non só na Unión Europea senón tamén máis aló, sobre todo en América Latina. As medidas que están encamiñadas á eliminación das conquistas laborais tómanse tanto polos gobernos liberais como polos socialdemócratas, tanto pola centroesquerda como pola centrodereita.

A restauración capitalista deu ao imperialismo a oportunidade de lanzar unha nova ola de ataques con menos resistencia, coa axuda do oportunismo que se tiña fortalecido, mentres que se formaron novos mercados nos antigos países socialistas. Como resultado, debilitouse a unidade entre as potencias dirixentes contra o socialismo que poñía en segundo plano as contradicións entre si. Estalou unha nova rolda de contradicións interimperialistas sobre o reparto de novos mercados o que deu lugar ás guerras nos Balcáns, Asia, Oriente Medio e África do Norte. Nesta guerra tomaron parte tamén Estados que non estaban integrados nas unións interestatais imperialistas. Isto demostra que o sistema imperialista existe como sistema mundial. Niso incorpóranse todos os países capitalistas, incluso os que están atrasados ou que teñen residuos de formas de economía precapitalistas. As potencias dirixentes están na cima; entre eles existe unha forte competencia e os acordos establecidos son de carácter temporal.

A finais do século XX había tres centros imperialistas desenvolvidos principalmente logo da Guerra Mundial: a Comunidade Económica Europea que posteriormente converteuse na Unión Europea, os EE.UU. e Xapón. Hoxe en día, os centros imperialistas aumentáronse e xurdiron novas formas de alianza como a alianza que ten no seu núcleo Rusia, a alianza de Shangai, a alianza de Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica (BRICS), a alianza dos países de América Latina (Mercosur, ALBA), etc.

A política imperialista non está exercida soamente polos países capitalistas que están na cima senón ademais a outros niveis, ata polos que teñen fortes dependencias das potencias maiores, como potencias rexionais e locais. Hoxe en día, na nosa rexión, tal é o caso de Turquía, Israel, os estados árabes, e tales potencias a través das cales o capital monopolista ocupa novo terreo atópanse tamén en África, Asia, América Latina, e como consecuencia diso temos o fenómeno de dependencia e interdependencia.

A dependencia e interdependencia das economías por suposto non son iguais. Están determinadas pola forza económica de cada país así como por algúns outros elementos militares e políticos dependendo dos lazos de alianza particulares.

Aínda que un ou varios países están ao nivel máis alto e son os líderes da internacionalización capitalista e no reparto, non deixan de estar baixo un réxime de interdependencia con outros países. Por exemplo, en Europa, Alemaña poida que sexa a potencia dirixente, con todo as exportacións de capitais e bens industriais dependen da capacidade dos estados europeos de absorbelos. Xa en China, debido á crise esta posibilidade comezou a limitarse e por iso os círculos dirixentes do goberno así como sectores da burguesía, sobre todo na industria, reflexionan e se preocupan.

O curso da economía dos EE.UU. depende en gran medida de China así como dos intereses opostos na Unión Europea; a batalla do dólar, euro e yen é visíbel.

Nas Teses do XIX Congreso destácase que a tendencia de cambio na correlación de forzas entre os estados capitalistas reflíctese tamén na participación dos países no fluxo de capitais en forma de Investimentos Estranxeiros Directos (IED) así como nas reservas de capitais en forma IED que fluíron.

Estase aumentando o número dos estados satélites de potencias imperialistas fortes, países capitalistas rexionais que xogan un papel particular na política de alianzas e de afiliación dunha ou outra potencia da pirámide. As contradicións interimperialistas están en vigor en cada forma de alianza e todas estas relacións multifacéticas que abarcan todos os países capitalistas do mundo sen excepción, constitúen a pirámide imperialista.

A nosa referencia a isto non significa en absoluto que estamos de acordo coas posicións sobre o “ultra-imperialismo” como nos acusan erroneamente. Todo o contrario! Resaltamos sempre que no sistema imperialista, que o representamos coa forma dunha pirámide, seguen desenvolvéndose e manifestándose fortes contradicións entre os estados imperialistas, os monopolios polo control das materias primas, das rutas de transporte, das cotas de mercado, etc. A burguesía poida que forme unha fronte común para a explotación máis eficiente dos obreiros, pero sempre afiará os seus coitelos á hora de compartir o “botín” imperialista.

Ademais, é ridícula a acusación que a referencia a unha “pirámide” é un “enfoque estruturalista” do imperialismo. Lenin, como é ben coñecido, utilizou o esquema da “cadea”. O esquema que se utiliza en cada ocasión é un xeito de axudar aos traballadores a comprender a realidade do imperialismo como capitalismo monopolista, como capitalismo que está podrecido e morre, no que están incorporados todos os países capitalistas, segundo a súa forza (económica, política, militar, etc). Isto está claramente en conflito co chamado “enfoque cultural” ao imperialismo que, do mesmo xeito que fixo Kautsky, separa a política do imperialismo da súa economía. Lenin sinalaba que este enfoque levaríanos á avaliación errónea de que os monopolios na economía poden coexistir na política cun tipo de actividade non monopolista, non violento, non depredador.

O desenvolvemento desigual faise aínda máis evidente non só entre os países capitalistas poderosos en comparación cos máis débiles senón tamén no núcleo duro dos países máis poderosos. Cabo sinalar que en Europa está crecendo a brecha entre Alemaña, por unha banda, e Francia e Italia polo outro. Con todo, o fenómeno máis importante e característico é a diminución da participación dos EE.UU., da UE e de Xapón no Produto Bruto Mundial. A zona euro xa non mantén a segunda posición; caeuse á terceira mentres que a segunda posición foi ocupada por China. aumentou a participación de China e India no produto bruto mundial mentres que a participación de Brasil, Rusia e Sudáfrica mantense estábel.

Polo que respecta ao capital que constitúe o stock de IED, é notábel a tendencia de fortalecemento dos capitais de orixe ou con destino final as economías emerxentes do grupo BRICS (Brasil, Rusia, India, China, Sudáfrica). China refórzase como destino de IED e está aumentando a súa participación no stock de IED sobre todo despois do estoupido da crise capitalista en 2008. Como exportador de capitais está aumentando a súa participación nas saídas mundiais de IED que se duplicaron con fartura nos anos 2007-2009 e mantivéronse a un alto nivel desde entón.

En cambio, tende a reducirse a participación das economías capitalistas desenvolvidas con respecto á entrada e saída de capitais de IED despois do estoupido da crise. Por suposto non perden a súa primacía (mantendo unha distancia do grupo anterior de países) xa que no medio de crises a maior parte diríxese ou provén dos EE.UU. e os países da Unión Europea.

Unha tendencia similar estase desenvolvendo con respecto á participación nas importacións e exportacións de mercancías. A participación de China estase reforzando de modo constante con respecto á totalidade de exportacións de mercancías así como ao conxunto das importacións. A participación correspondente de India estase fortalecendo pero a un ritmo moito máis lento, mentres que Rusia, Corea do Sur e Sudáfrica estanse movendo cun ritmo constantemente crecente.

Os únicos países membros da OCDE que superan aos EE.UU. na produtividade (volume de produción por unidade de tempo) son Noruega, Irlanda, Luxemburgo e achéganse Alemaña, Francia, Bélxica e os Países Baixos.

Nas Teses do XIX Congreso faise fincapé en que os cambios na correlación de forzas entre os estados capitalistas aumentan a posibilidade dun cambio xeral da posición de Alemaña en relación co tema de relacións euro-atlánticas e o reordenamento dos eixos imperialistas. Os factores decisivos neste desenvolvemento son por unha banda as relacións de interdependencia das economías de EE.UU. e da Unión Europea e doutra banda o antagonismo entre o euro e o dólar como moedas de reserva internacional e o fortalecemento da cooperación entre Rusia e China.

Sobre a posición de Grecia no sistema imperialista

Os que falan de subordinación e ocupación non recoñecen a exportación de capitais de Grecia (un trazo característico do capitalismo na fase imperialista) que foi significativa antes da crise e segue sen diminuírse en condicións de crises. A exportación de capitais lévase a cabo para investimentos produtivos noutros países e, por suposto, nos bancos europeos ata que se formen as condicións para que volvan entrar no proceso de asegurar o máximo beneficio posíbel. Ven a escaseza de capitais no canto da sobreacumulación.

Non ven o problema da sobreacumulación porque entón veranse obrigados a admitir o carácter da crise económica capitalista o cal faría saltar polo aire a súa proposta política pro-monopolista. Os partidos burgueses así como os oportunistas malia as diferenzas parciais entre eles defenden a protección da competitividade dos monopolios domésticos que inevitabelmente traen en primeiro plano as reestructuracións reaccionarias, aseguran unha forza de traballo máis barata, intensifican a intimidación estatal, a represión e o anticomunismo e ao mesmo tempo centran a atención na expansión do capital grego na rexión (Balcáns, Mediterráneo Oriental, zona do Mar Negro). Trátase, entre outras cousas, do círculo vicioso que conduce a un novo e máis profundo ciclo de crise.

Lenin na súa obra sobre o imperialismo engadiu que a comparación non se pode facer entre os países capitalistas desenvolvidos e atrasados senón entre a exportación de capitais, un asunto que os oportunistas en todas partes non queren e non se atreven a recoñecer porque este criterio refuta o seu punto de vista con respecto á ocupación de Grecia, a colonia grega.

Todos estes dados confirman tamén que desde este punto de vista a loita contemporánea debe ter unha dirección antimonopolista, anticapitalista, que en ningún caso non pode ser soamente antiimperialista co contido que dan os oportunistas a este termo, que identifican o imperialismo coa política exterior agresiva, coa desigualdade de relacións, coa guerra, coa chamada cuestión nacional, desligada da explotación clasista, das relacións de propiedade e de poder.

É un feito que a adhesión dun país a unha alianza interestatal imperialista, e ata cunha forma máis avanzada como é a Unión Europea, limita algunhas capacidades de manobras tácticas desde o punto de vista da burguesía. Por exemplo, minimiza as marxes e as posibilidades de manobras na política monetaria xa que esta está baixo a xurisdición do Banco Central Europeo. Pero este asunto non ten que ver soamente co período da crise, xa que se asinaron acordos entre os estados membros moito antes -20 anos antes do estoupido da crise na zona euro- segundo os cales se ceden dereitos nacionais-estatais conscientemente, recoñécese a primacía do dereito europeo en moitos asuntos, independentemente do feito de que a zona euro e a Unión Europea en xeral non teñen unha forma federal. Esta tendencia, precisamente, que demostra o interese clasista da burguesía expresarase na promoción de elementos de federalización da Unión Europea se se superan os respectivos desacordos interimperialistas.

A situación en África, en rexións de Eurasia e en Oriente Medio confirma que todos os países capitalistas están incorporados no sistema imperialista internacional, independentemente de se teñen a capacidade de asumir a responsabilidade de levar a cabo unha política expansionista. En calquera caso, o século XX e o século XXI demostran que ata os EE.UU., a principal potencia imperialista, non pode manexar independentemente os asuntos mundiais do imperialismo se non ten axuda múltiple e o apoio dos seus aliados, se non forma alianzas cando menos temporais. Grecia non é soamente un estado membro da Unión Europea e da OTAN; é un país que ten unha alianza de importancia estratéxica cos EE.UU., debido á súa posición xeográfica como encrucillada de tres continentes Europa, Asia e África, é unha importante base militar de lanzamento de ataques e de fornezo para as operacións militares, un país por medio e á beira do cal pasan os tubos de petróleo e de gas natural. Ao longo do século XX, así como do XXI, cando foi necesario, contribuíu ás operacións de guerra e ao mantemento da paz imperialista, así como no caso da guerra en Iugoslavia, en Afganistán, en Iraq e Libia con forzas militares e ademais mostrou a súa disposición en caso de guerra contra Siria.

Polo tanto, a posición do KKE que Grecia pertence ao sistema imperialista, que está orgánicamente integrada e que desempeña un papel activo na guerra como aliado dos principais actores, está completamente xustificado. Trátase dunha decisión a favor dos intereses da burguesía que, de feito, chamou dúas veces ao imperialismo británico e estadounidense a esmagar ao pobo armado con forzas militares, armas e operacións militares.

Os oportunistas contemporáneos cando queren destacar a necesidade de que a súa burguesía non sexa o “parente pobre” en canto ao reparto dos mercados, recordan a cuestión nacional, pero cando se trata do asunto da loita polo socialismo entón declaran ou ben que o socialismo será mundial ou que non se pode levar a cabo nun só país. Renuncian á loita no ámbito nacional, é dicir rexeitan a necesidade de agudizar a loita de clases, a necesidade de preparar o factor subxectivo en condicións de situación revolucionaria.

A loita pola liberación do home de toda forma de explotación, a loita contra a guerra imperialista non pode ter unha evolución positiva se non se combina coa loita contra o oportunismo. Independentemente da forza política do oportunismo en cada país, este non debe ser subestimado ou xulgado con criterios parlamentarios posto que a raíz do oportunismo atópase no propio sistema imperialista porque a burguesía cando se dá conta de que non pode xestionar os seus asuntos con estabilidade, apóiase ao oportunismo como unha visión xeneralizada, como partido político, co fin de gañarse tempo para reagrupar o sistema político burgués, socavar o crecemento constante do movemento obreiro revolucionario. A concentración de forzas, a alianza da clase obreira cos sectores populares pobres dos traballadores autónomos obxectivamente deben desenvolverse nunha dirección firmemente antimonopolista anticapitalista, dirixirse á adquisición do poder obreiro. A dirección antimonopolista, anticapitalista expresa o compromiso necesario pero avanzado entre o interese da clase obreira de eliminar toda forma de propiedade capitalista -grande, mediana e pequena- e as capas que son oscilantes debido á súa natureza (pola súa posición na economía capitalista) que teñen interese na abolición dos monopolios, na socialización dos medios de produción concentrados mentres que ao mesmo tempo están imbuídas da ilusión que teñen interese da propiedade pequena privada. Non poden entender que os seus intereses a longo e medio prazo pódense servir soamente polo poder socialista. A ilusión de que calquera outro compromiso pode ter éxito en condicións do capitalismo monopolista, é dicir na fase imperialista do capitalismo, é prexudicial, utópico, ineficiente.

O KKE en condicións en que non existe unha situación revolucionaria, ten como obxectivo non só previr o curso descendente, non só lograr algunhas concesións temporais senón ademais preparar o factor subxectivo, é dicir, o partido da clase obreira e dos seus aliados para levar a cabo as súas tarefas estratéxicas en condicións de situación revolucionaria. Nestas condicións, que non se poden predicir de antemán, hai que tomar en conta a profundización da crise económica, a agudización das contradicións interimperialistas que chegan ata o punto de conflitos militares, é posíbel que se creen estas condicións previas e desenvolvementos en Grecia. Nas condicións da situación revolucionaria o papel da preparación organizativa e política da vangarda do movemento obreiro, do Partido Comunista, é decisivo para a agrupación e a orientación revolucionaria da maioría da clase obreira, especialmente do proletariado industrial, para atraer aos sectores dirixentes das capas populares.

[Fonte: KKE]
- Traducido por FORXA! -